Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

22 jun 2021

Curso 2020-2021

 6ª sesión co grupo de 3º da ESO 

O venres 18 de xuño foi a derradeira sesión co grupo de 3º da ESO. Debido á falta de tempo polos exames, a sesión dedicouse a que escribiran cal foi o libro que máis lles gustou e cal o que menos e as súas razóns. Estes son algúns dos comentarios: 

O que máis me gustoi foi Xa non estou aquí porque tiña intriga e seguín léndoo porque queria saber que pasara. O que menos me gustou foi Pulsaciones porqu non me gustou a idea de como estaba escrito nin a súa linguaxe. Juan José González 3ºB 

O libro que máis me gustou foi o de Verdad de Care Santos porque gustoume o transcurso da historia de Ben. E o que menos me gustou foi Descoñecidos porque a historia non me enganchou. Nerea Guzmán 3ºB 

Os libros que máis me gustaron foron Pulsaciones e Verdad porque falaban os dous de situacións complicadas e sempre mantiñan un amor por alguén, iso fixo que me enganchasen máis. Conseguín lelos en 3 días cada un. O que menos foi Descoñecidos xa que se me fixo moi extenso e non conseguín engancharme a el pero non atopo faias nel.                Lucía Sánchez 3ºB 

Gustoume Descoñecidos porque é moi entretido xa que narra unha historia que pode ser real. Non me gustou Pulsaciones. Rubí Pérez 3ºC 

Non me gustou Descoñecidos porque o personaxe é antipático e caeume mal. Gustoume Pulsaciones. Manuel Pérez 3ºC 

Gustoume Descoñecidos porque é moi entretido xa que nos narra unha historia realista. Non me gustou Pulsaciones porque falaba de amor.      Raúl Romero 3ºC 



Curso 2020-2021

 6ª sesión co grupo de 4º da ESO 

O mércores 16 de xuño xuntámonos o grupo de 4º da ESO con menos tempo do habitual debido aos exames. Durante esta reunión fixemos un cuestionario preguntando cal era o libro que máis lles gustou e cal o que menos e porqué das súas eleccións. Estas son algunhas das respostas dos participantes: 

O libro que máis me gustou foi Xa non estou aquí porque gústanme os libros detectivescos. O que menos me gustou foi Mentira porque pareceume un pouco aburrido.  Alba Otero 4ºA 

O que menos me gustou foi Nada e o que máis me gustou foi MentiraRubén Almeida 4ºB 

O que menos me gustou foi Nada porque é moi aburrido e o que máis me gustou foi Mentira porque foi o menos aburrido e o que ten unha trama máis interesante.   Joel González 4ºB 

O libro que máis me gustou Descoñecidos porque a historia que conta é algo que pode ocurrir e avisa de que hai que ter coidado. O libro que menos me gustou foi Nada porque o seu argumento non me gustou.    Uxía Blanco 4ºC 

O libro que máis me gustou Xa non estou aquí porque é un libro que entretén moito e que engancha porque ten un final que sorprende moito e que non te esperas. O libro que menos me gustou Nada porque fai reflexionar moitísimo e hai moitas partes que non entendí ben, por iso non me gustou. Animo a que se siga facendo o club de lectura porque anima a ler libros e se pasa moi ben. Yara Burgo 4ºC 

O libro que máis me gustou Xa non estou aquí polo final non esperado e foi co que máis me identifiquei. O libro que menos me gustou Nada porque foi o que menos entendín de todos os libros. Gustaríame facer máis actividades e excursión, ver pelis...  Noelia Cabaleiro 4ºC 

O que máis me gustou Xa non estou aquí por su gran final porque para mín foi completamente inesperado e o que menos me gustou Nada debido a que me pareceu que tiña un argumento complexo e lioso.       Pedro Fernández 4ºC 

O que máis me gustou foi o de Mentira porque era un libro que non se facía moi pesado á hora de lelo. Gustoume menos Verdad porque non me parecía unha historia tan interesante como a de Mentira.                  Alex Peroja 4ºD 

A min gustoume Mentira e non me gustou Descoñecidos.                        Sabela Vázquez 4ºD 



Curso 2020-2021

 6ª sesión co grupo de 1º da ESO 


O mércores 16 de xuño tivo lugar o último encontro do Club de lectura de 1º ESO. Nesta ocasión tocaba comentar e falar sobre os libros Tonecho de Rebordechao e Sherezade Las mil y una noches. 

Como era o última sesión,  déuselle un carácter diferente; así que nos reunimos no patio, debaixo da sombra dun vigoroso carballo e, baixo o amparo desa árbore, comezamos falando de aspectos do libro en galego. Reflexionouse sobre o impacto que suporía vivir nunha gran cidade e, de repente, ir vivir a unha aldea perdida, sen apenas nenos. Tamén foi motivo de comentario a lenda que no libro se introduce, Romasanta. Foi un dos aspectos que máis lle chamou a atención do volume, polo verídico do personaxe. 

Despois falamos dos contos de Sherezade; aquí analizamos a visión que atopamos da muller, sometida e tutelada polo home; incluso a presenza da violencia de xénero na obra. A pesar destes elementos totalmente rexeitables, aínda que de ficción, quíxose deixar claro que o libro o que pretende é pór en valor o poder da palabra para procurar a concordia, o amor e a tolerancia.

Xa rematando, o alumnado reflexionou sobre as diferentes lecturas, é dicir, cal foi o que máis gustou e o que menos. O máis aplaudido foi Amar unha serea. Se o lugar elixido para celebrar esta última sesión foi un elemento diferencial, tamén o foi saborear unhas galletas que puxeron un toque doce a sesión.

Algúns dos comentarios son os seguintes: 

O libro que máis me gustou foi o de Wonder pola súa historia.                Nayara Lago 1ºA 

O libro que máis me gustou foi o de Amar a unha serea.                         Marcos Costa 1º A 

O que máis me gustou par o meu gusto foi o libro de Wonder porque che da unha lección e o que menos me gustou foi o de Makinaria.        Karina Da Cunha 1º B 

O libro que máis me gustou foi o de Amar a unha serea, xa que ensínanos unha gran lección de vida dicíndonos que pódese amar a unha persoa que teña dificultades ou algunha anomalía. Tamén me gusta que haxa algún poema e que a poesía sexa unha parte fundamental do libro.  Lucía Fernández 1ºB 

O libro que manos me gustou foi Makinaria porque a min non me gusta moito a poesía. E o que máis me gustou foi Amar a unha serea porque gústame moito a historia que contaba.  Cloe Fernández 1ºD 

O libro que menos me gustou foi o de Tonecho de Rebordechao e o que máis foi Amar a unha serea. Sara Otero 1ºD 

Pois a min un dos libros que máis me gustou foi Makinaria porque encántame a poesía e as historias que conta é a verdadera realidade. E o que menos me gustou foi o de August y yo porque non me entretivo tanto.  Uxía Pumar 1ºD     

A min o libro que máis me gustou foi o de Amar a unha serea, é un bo conto. O que menos foi August y yo , non era moi "enganchante".        Lara Rodríguez 1ºD                                                                                                  





24 may 2021

Curso 2020-2021

Quinta sesión co grupo de 3º da ESO 

Esta quinta sesión co grupo de 3º tivo lugar o venres 21 de maio. Ao estar nunha época de exames e entrega de traballos, a algúns deles non lles dera tempo de ler os dous libros propostos Mentira e Verdad de Care Santos.  

Como a maioría si que tiñan lido o primeiro libro, comentamos os problema da delincuencia en menores, a falta de responsabilidade, o sistema xudicial e as condenas a menores, etc. Esta reflexión serviu para facernos pensar que todos e todas temos dereitos pero tamén obrigacións e responsabilidades. 

Ao rematar a sesión volveuse a propoñer o libro de Verdad, que a maioría tiñan a medio ler, para a seguinte sesión. 





Curso 2020-2021

Quinta sesión co grupo de 4º da ESO 

O venres 21 de maio tivemos a quinta sesion co grupo de 4º. Empezamos comentando o libro proposto na sesión anterior Xa non estou aquí de Iria Misa, o que nos deu pé para falar dos perigos do alcol, das drogas e dos retos perigosos nos que moitas veces a mocidade se mete sen case decatarse dos riscos que corren.  

Na segunda parte da reunión propuxemos o libro Verdad de Care Santos, continuación de Mentira que a maioría deles e delas xa liran en 2º da ESO, como algúns non se lembraban ben da historia quedamos en que "releran" primeiro o libro de Mentira e que logo vesen o de Verdad. Na próxima sesión comentaremos a historia de Eric e Xenia xunto coas dúas primeiras partes desta triloxía.  




Curso 2020-2021

Quinta sesión co grupo de 1º da ESO

O mércores 19 de maio, o club de lectura de 1º de ESO reuniuse nunha nova sesión para ler fragmentos do libro August y yo, intercambiar opinións e valoracións sobre o mesmo; ademais de presentar as lecturas para a última sesión.

Comezouse comentando e opinando sobre os tres personaxes que toman a palabra na obra de August y yo, analizáronse os temas que afloran do mesmo e léronse fragmentos representativos de cada unha das partes dos diferentes narradores.

Despois propuxéronse as dúas lecturas para a última sesión, Sherezade Las mil y una noches e Tonecho de Rebordechao de Breogán Riveiro. No primeiro atoparán múltiples aventuras vividas por personaxes diversos que se moveran en espazos exóticos e alleos a Galicia. No caso de Tonecho de Rebordechao, atoparán un libro cun personaxe infantil que experimentará innumerables vivencias nun espazo rural.








23 abr 2021

Curso 2020-2021

Cuarta sesión co grupo de 3º da ESO  

Esta sesión tivo lugar o mércores 21 de abril. Ao principio comentamos o libro proposto na sesión anterior Xa non estou aquí de Iria Misa, o que nos deu pé para falar dos perigos que existen na moda de seguir os retos que se propoñen desde redes sociais como Instagram, Tik Tok, etc.




Na segunda parte propuxemos o libro Verdad de Care Santos, segunda parte da triloxía composta por Mentira, Verdad e Miedo




Este libro estaba proposto porque o primeiro da triloxía, Mentira, xa fora lido no curso pasado como libro de lectura obrigatoria de lingua galega. Non obstante, varios dos participantes non tiñan lido o primeiro libro o curso pasado, polo que comentamos o principio da historia , lendo o “prólogo”narrado na voz de Eric, que presenta a súa situación como parte dunha estadística de delitos cometidos por  menores. 

Finalmente, algúns dos participantes decidiron que ían ler os dous libros para poder seguir a historia desde o principio. Os dous libros se comentarán na próxima sesión no mes de maio. 

Curso 2020-2021

Cuarta sesión co grupo de 4º da ESO  

A cuarta sesión co grupo de 4º da ESO aconteceu o día 14 de abril. Comezamos comentando o libro Pulsaciones, o que nos deu pé para falar dos accidentes de tráfico e as súas consecuencias ben polo exceso de velocidade, ben pola inxestión de alcol e/ou outras substancias. Tamén falamos do perigo das motos e das bicicletas cando non somos prudentes abondo.




Na segunda parte da xuntanza presentamos o seguinte libro de lectura Xa non estou aquí de Iria Misa. Limos o preámbulo en voz alta e logo comentamos o perigo de seguir os retos que se nos propoñen, ben nalgunhas Redes sociais como Tik Tok, Instagram, etc., ou ben dentro do grupo de iguais, sen pensar nas consecuencias e nas situacións perigosas nas que ás veces nos poñemos sen decatarnos.  




Curso 2020-2021

Cuarta sesión co Club de lectura de 1º da ESO 


O mércores 14 de abril reuniuse o Club de lectura de 1º da ESO. Esta sería a cuarta sesión deste club. A diferenza das outras xuntanzas, nas que se dividía o club en dous grupos, nesta ocasión non foi necesario porque houbo varias baixas, facendo que o grupo quedase reducido a once membros.

Nesta sesión a proposta de lectura era Amar unha serea de X. H. Rivadulla Corcón. Igual que outras veces comezouse por facer unha valoración xeral do libro lido. Despois continuamos con análises dos seus personaxes, principais e secundarios; analizando, especialmente, os valores que os caracterizaban. Tamén se comentaron os aspectos que gustaron máis e menos, as partes máis memorables e os temas que destacan desta lectura. Para complementar estas análises e reflexións, léronse diferentes fragmentos do libro.





A continuación propúxose a lectura para a próxima sesión, neste caso é o libro August y yo de Raquel Palacio. Para contextualizar o libro proxectouse o trailer da película Wonder, adaptación do libro Wonder, La lección de August da mesma autora. Con esta proxección quíxose facer unha presentación dos personaxes que toman a palabra na lectura proposta.




 


12 mar 2021

Curso 2020-2021

3ª sesión do Club de lectura co grupo de 3º da ESO 

A 3ª sesión co grupo de 3º tivo lugar o día 5 de marzo, comezamos comentando a historia do libro Pulsaciones para pasar a falar dos accidentes de tráfico, das normas, de que non se debe coller un vehículo se tes bebido alcol, etc. 

Despois deste debate propúxoselles o seguinte libro de lectura: Xa non estou aquí de Iria Misa.





Curso 2020-2021

3ª sesión do Club de lectura co grupo de 4º da ESO 

A terceira reunión co club de lectura de 4º da ESO tivo lugar o 3 de marzo. Empezamos comentando o libro proposto na segunda sesión Descoñecidos de David Lozano, o que nos deu a base para comentar os perigos nas redes sociais, a xente que pode mentirche, as citas en sitios solitarios, etc. Tamén comentamos os videos do noso blog “Miles de adultos se hacen pasar por niños para acosar a otros” y “Cita a ciegas”.

Na segunda parte da reunión propúxoselles o seguinte libro de lectura Pulsaciones de  Javier Ruescas e Francesc Miralles, que terán que ler para a próxima sesión.  





11 mar 2021

rso 2020-2021

3ª sesión cos grupos de 1º da ESO 

O luns 1 e o mércores 3 deste mes de marzo, tivo lugar a terceira reunión do club de lectura de 1ºESO

Nesta ocasión o libro que se tiña  para comentar era Boy (relatos de la infancia) de Roald Dahl. A dinámica que se puxo en práctica na sesión foi a lectura de diferentes partes do libro que resultaron interesantes, curiosos ou divertidos. Lemos textos referidos ao pai de Roald, da nai; pero, claro está, os máis comentados foron de diferentes momentos da vida de Roald. 

A raíz desas lecturas comentamos a dureza nos castigos no ensino, incluso con moi pouca idade, a intransixencia dos mestres ou o abuso de poder dalgúns compañeiros sobre outros. Comentamos, tamén, as consecuencias que tiñan enfermidades como a pulmonía ou sarampelo no pasado, fronte a actualidade; tampouco deixou de sorprender os lugares onde se podía facer unha intervención cirúrxica.

Episodios como o do rato dentro do bote das lambonadas ou o cambio do tabaco da pipa por excremento de cabra foron os máis esmendrellantes.

Despois desta lectura e análise de Boy, presentouse a nova proposta, neste caso será un libro en galego, Amar unha serea de X. H. Rivadulla Corcón.







4 feb 2021

Curso 2020-2021

 2ª sesión co Club de lectura de 3º da ESO 

O 29 de xaneiro de 2021 tivo lugar a segunda sesión do grupo de 3º da ESO. Tocaba traer lido Descoñecidos para poder falar sobre el. Comezamos comentando as súas opinións sobre o libro, algúns participantes aínda non remataran de lelo, pero en xeral pareceulles entretido o co punto de suspense para querer saber que vai pasar a continuación. 



Despois recomendóuselles o visionado “Cita a cegas” e “Algúns adultos se fan pasar por nenos para acosar a outros”. 







Finalmente pasamos a presentar o seguinte libro “Pulsaciones” de Javier Ruescas y Francesc Miralles, que terán que traer lido para a próxima sesión a finais de febreiro.   





29 ene 2021

Curso 2020-2021

 2º Sesión co Club de lectura de 4º da ESO 

O día 27 de xaneiro de 2021 celebrouse a segunda sesión do Club de Lectura para o alumnado de 4º da ESO. Tocaba traer lido o libro Nada de Janne Teller para poder falar sobre el. Comezamos comentando as súas impresións sobre a historia, falamos dos personaxes, da presión do grupo sobre o individuo e a búsqueda da identidade de cada quen.  




Coa idea de entender mellor a presión que o grupo exerce sobre o individuo vimos este vídeo 
"La carpeta es verde o roja?"






A segunda parte da sesión dedicouse a presentar o segundo libro, trátase de Descoñecidos de David Lozano




Falamos un pouco do perigo das citas con descoñecidos e a previsión que se debe ter nas redes sociais. Tamén recomendóuselles ver os vídeos que colgamos no blog "Cita a ciegas" e "Miles de adultos se hacen pasar por niños", e terán que traer lido o libro para a próxima sesión a finais de febreiro. 






Curso 2020-2021

 SEGUNDA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA, 1º ESO

O luns 25 de xaneiro e o mércores 27 tivo lugar a segunda xuntanza do club de lectura de 1º de ESO. O alumnado reuniuse no salón de actos durante a segunda hora de lecer. A sesión centrouse na lectura e comentario dos poemas que quedaran ler na primeira sesión. A lectura e comentario partiu do poema “Sound play sessión Vol.2” rematou en “This is the end”. 

O alumnado, ademais de compartir a lectura, participou en reflexións sobre o contido dos poemas, así como da forma. Puideron contrastar a diferenza entre poemas máis innovadores, nos que non aparecían signos de puntuación nin maiúsculas; fronte a outros que facían uso dos mesmos. Isto serviu para chegar á conclusión de que aqueles poemas que carecían destes elementos suxerían rapidez, movemento e velocidade, moi en consonancia co contido.













Rematado o libro Makinaria, informouse que o libro Boy (relatos de la infancia) de Roald Dahl sería a próxima proposta, para ler e comentar, nas vindeiras sesións.






11 ene 2021

Curso 2020-2021

 1ª sesión co grupo de 3º da ESO 

O venres 18 de decembro de 2020 xuntáronse por primeira vez os alumnos e alumnas anotados no Club de Lectura de 3º da ESO, o número de asistentes foi 6. Para o alumnado de nova incorporación, empezamos explicando en que ía consistir o club de lectura e as normas a seguir, tamén falamos das datas das reunións (que serán unha vez ao mes dependendo das actividades e dos períodos de vacacións). Todos e todas comprometéronse a seguir e aceptar as normas do club, aínda que a algúns houbo que lembrárllelas un par de veces adicionais.  

A continuación presentamos o primeiro libro para ler este trimestre. Trátase de Descoñecidos de David Lozano, libro dunha temática moi actual: os perigos das relacións con descoñecidos por Internet, que nos permite falar dos perigos que existen na mala utilización das redes sociais. Terán que traelo lido para a próxima sesión.




O alumnado de 4º de ESO do IES Beurko leron "Desconocidos" de David Lozano e gustoulles tanto que fixeron este booktrailer.



8 ene 2021

Curso 2020-2021

 Club de lectura 4º da ESO 

O xoves 17 de decembro de 2020 xuntáronse por primeira vez neste curso os alumnos e alumnas anotados no Club de Lectura de 4º da ESO, o número de asistentes foi 12 (4 rapaces e 8 rapazas).

Para o alumnado de nova incorporación, empezamos explicando en que ía consistir o club de lectura e as normas a seguir, tamén falamos das datas das reunións (que serán unha vez ao mes dependendo das actividades e dos períodos de vacacións). Todos e todas comprometéronse a seguir e aceptar as normas do club, aínda que a algúns e algunhas houbo que lembrárllelas un par de veces adicionais. 

A continuación presentamos o primeiro libro para ler este trimestre. Trátase de Nada de Jane Teller, libro que conta a historia dun grupo de rapaces e rapazas de Secundaria que deciden reunir obxectos esenciais coa fin de demostrarlle ao seu compañeiro Pierre Anthon que hai cousas que dan sentido á vida. Durante este proxecto terán que tomar decisións sobre as súas propias vidas e descubrirán que soamente ao perder algo e cando se aprecia o seu valor. 



Ao rematar quedaron en ler a novela para a próxima sesión despois das vacacións da Nadal.
   






Curso 2020-2021

 Club de lectura 1º da ESO 

O luns 14 de decembro iniciou a súa andaina o Club de lectura co primeiro grupo de 1º de ESO; a sesión do segundo grupo, tamén de primeiro de ESO, foi o mércores 16. A do luns desenvolveuse no salón de actos e a do mércores na biblioteca. As dúas celebráronse na hora de lecer e tiveron unha duración de media hora. O grupo do luns confórmano 10 rapaces e rapazas e o do mércores 7. A sesión, en ambos grupos, iniciouse lembrando os criterios a ter en conta para formar parte do club. Fíxose fincapé en catro aspectos: o gusto pola lectura, a mente aberta a novas lecturas, a capacidade de diálogo e unha actitude respectuosa para coa actividade e cos compañeiros e compañeiras.

Despois disto, deixouse no aire tres preguntas: “Que é un club de lectura?”, “Por que quero participar no club de lectura?” e “Que penso que me vai ofrecer?; que serviron de puntos de reflexión.

A continuación, comunicouselles que o libro Makinaria de Carlos Negro sería o primeiro libro que leriamos. Tamén se lles explicou que a elección do xénero lírico non obedecía ao azar, senón que viña determinado pola necesidade de afondar no xénero lírico, moitas veces pouco recorrido, fronte ao narrativo. Este poemario, mostra como elementos do máis prosaicos e nada inspiradores tamén poden ser poetizables.




Neste punto fíxoselle unha pequena exposición didáctica das principais características do xénero lírico, para seguir, dunha maneira máis lúdica, reflexionando sobre a definición de poesía que fai Juan Marqués, que di que a poesía é a “Memoria do mundo”. Tamén afirma “ A poesía , aínda que ninguén a lea, penetra nas conciencias e nas nacións e dá enérxicos empurróns á Historia, inventa e derruba deuses, funda e destrúe réximes políticos, declara guerras , move montañas...” Afirmacións que mostran moi ben que a poesía está en calquera lugar, ámbito, obxecto e este libro é un bo exemplo.

A seguir transmitiuselles ao alumnado que nós tamén trataríamos de gozar da poesía a través dos poemas de Carlos Negro, buscando a esencia no como e no que transmiten.

Para introducir os poemas de Carlos Negro leuse o epílogo de Rosa Aneiros que recolle moi ben o cerne da poesía deste poemario. Finalmente, repartíronse unhas fotocopias dos primeiros poemas do libro e iniciouse a lectura dos cinco primeiros poemas, entre eles Roedores de caucho, Need for speed... e remataron, reflexionando sobre o contido e a forma dos mesmos