Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

8 nov 2026

CLUB DE LECTURA DE PROFES

 Neste trimestre propúxose a escolla entre varias obras en galego de narrativa actual. Escolleuse O silencio non arrola de Adrián Noia, gañadora do Premio SELIC de Creación Literaria 2025. Deixamos aquí o que María López Sández comenta sobre a novela no prólogo (do que ela é autora).

«A través da ollada de Sara a novela de Adrián Noia articula unha procura que é ao tempo íntima e colectiva. Canda a ela, unha liña de mulleres unidas por esa interrupción: Encarnación, envolta nunha morte nunca explicada; Fina, depositaria dunha memoria que xa non pode expresarse; a nai, que conserva apenas ecos; e Sara, que herda non tanto un relato como a necesidade de construílo. Nesa cadea recoñecemos unha das dimensións máis fondas da memoria histórica: non só o que foi silenciado, senón o modo en que ese silencio se transmite, se incorpora, se fai corpo. A historia familiar convértese nunha vía de acceso a unha realidade máis ampla, a da violencia e a represión que marcaron a posguerra, e tamén das súas consecuencias prolongadas no tempo, porque o que non foi contado non desaparece: transforma as relacións, condiciona as identidades, instala preguntas que reaparecen xeración tras xeración. A literatura convértese así en espazo de restitución simbólica e acada unha fonda dimensión ética: non reconstrúe o pasado, mais abre un espazo no que o que ficou fóra do relato pode, cando menos, ser convocado.»
(…)
«Mais se algo define con intensidade este libro é a súa atención á soidade, presente e pasada, como unha forma radical de desamparo.»


29 oct 2026

CLUB DE LECTURA MANGA

 Neste curso arrancamos o día 8 de outubro no recreo para establecer o formato das reunións. Acordouse facelas no recreo dos xoves pola imposibilidade dalgúnha persoa para quedar no mediodía dos luns. Tamén se fixou retomar a lectura de Los diarios de la boticaria a partir do volume 6 xa que ata aquí se chegara no curso pasado. Presentamos tamén os novos membros do club incorporando a alumnado de 1º ESO.

A segunda reunión foi o 29 de outubro. Lembramos o argumento da saga Los diarios da boticaria sobre todo ata o volume 5 e ademais explicaron os diferentes subtipos de manga que existen:

- Shonen: contido máis violento e de acción

- Bluelock: sen violencia  pero si unha linguaxe algo ofensiva

- Shoujo: contido máis suave e romántico.

- Isekai: anime ou manga no que algún personaxe morre e volve reencarnarse.

- BL, BG, GL: referentes ao tipo de relación amorosa que se establece (Boy Love entre mozos, Boy Girl entre mozo e moza e Girl Love entre dúas mozas.


28 oct 2026

CLUB DE LECTURA 2º ESO 1ª SESIÓN

 A primeira sesión do Club de Lectura, con alumnado de 2º ESO, celebrouse o día 26 de outubro. Un de nós mente de Karen M. McManus foi o libro de partida para este encontro. A partir da lectura deste thriller xuvenil artellouse un coloquio que partiu da premisa, encantoume o libro/non me encantou. A continuación fóronse apuntando distintas opinións sobre a parte máis emocionante ou frustrante desta novela, sobre os personaxes máis empáticos ou menos; incluído a evolución dos mesmos. Tamén se reflexionou sobre o factor sorpresa da trama, da conexión que pode ter esta obra co mundo real a través de temas como: as redes sociais, os segredos, as etiquetas no instituto, a presión académica, as relacións tóxicas, a familia, e outros. Rematouse a sesión facendo unha valoración moi positiva por parte do alumnado desta elección lectora e desta xuntanza tan enriquecedora.




25 oct 2026

CLUBS DE LECTURA

 Este curso temos en marcha tres clubs de lectura. No grupo de alumnado de 2º ESO arrancaron coa obra Un de nós mente, de Karen M. McManus e traducida ao galego por Moisés Barcia Rodríguez, novela de misterio onde cinco estudantes dun instituto quedan castigados nunha aula pero só catro saen con vida. O club de manga continua este curso e abre as lecturas con novos números de Los diarios de la boticaria unha serie escrita por Natsu Hyūga e ilustrada por Touko Shino nas que a protagonista, Maomao, é unha moza boticaria criada polo seu pai adoptivo que tras ser secuestrada e vendida como serventa ao Palacio Imperial, utiliza os seus profundos coñecementos en medicina e velenos para resolver misterios, envelenamentos e enigmas da corte. No club de profes a obra escollida é O silencio non arrola de Adrian Noia, gañadora do Premio Selic de Creación Literaria 2025, a cal ten de fondo a memoria histórica.





NOVO CURSO

 Iniciado xa o curso 2026-27 queremos informarvos sobre as novidades e as actividades xa en marcha. Este curso comezamos co noso espazo da biblio moito máis luminoso e con novo mobiliario que vai pouco a pouco conformando os recunchos que a conforman. Temos a disposición do alumnado e profesorado uns postos con mesas encartables para traballar co ordenador e novos estantes para o manga, a banda deseñada e os libros en linguas estranxeiras. Ademais reformamos o espazo que garda os xogos e obras de doazóns e igualdade de xénero xusto na entrada interior. De todo isto dan conta as fotografías que vos deixamos aquí. Haberá máis remodelacións con taboleiros informativos e novos recunchos de lectura. 











1 jun 2026

ÚLTIMA SESIÓN CLUB LECTURA

    Hoxe tivemos a última reunión deste curso do club de lectura de 1º ESO a cal quedara pendente de realizarse no mes de maio debido a imprevistos. Comentamos o libro Bruxas e dragóns, unha xenial aposta lúdica e literaria de Ledicia Costas. Resultou unha lectura "sorprendente, intrigante, máxica, aventureira, emocionante e moi entretida" en palabras das nosas ávidas lectoras. Unha lectura que leva por diferentes camiños segundo a escolla que vaian facendo os e as lectoras. Ademais, nesta sesión, fixemos xa propostas de actividades e títulos para o próximo curso e valoramos de xeito xeral as lecturas que fixemos ao longo do curso, as que máis e menos gustaron. Por ser o último encontro tivemos unhas sobremesas gorentosas para acompañarnos. Agardamos que o próximo curso sigamos gozando co noso club e que vos unades a el. Aí vos vai unha fotiño do encontro. 💜📙

SSESIÓN DE MARZO

  Onte 9 de marzo reunímonos no club de lectura de 1º de ESO para intercambniar as nosas impresións tras a lectura da obra teatral La foto de los mil me gusta de Nando López. En xeral faltoulles máis contido e algo de "chispa" dentro da obra e comentaron os diferentes personaxes. Tamén comezamos a preparar os contos que lles van ler aos alumnos e alumnas de infantil do CRA Altamira, o noso cole adscrito, nunha nova edición do apadriñamento lector que xa fixemos o curso pasado. Tamén decidimos que a próxima lectura sería Heartstopper en banda deseñada. Aquí vos deixamos unha mostra da sesión.