Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

19 dic 2022

ENCONTRO CON BEGOÑA GIL GONZÁLEZ

 Este luns 19 de decembro o club de lectura de 4º de ESO tivo un encontro literario moi fermoso coa autora de Esto no es el CSI, Begoña Gil González. Unha novela negra pero cun fondo de humor  ambientado en Luanova, un nome ficiticio para unha vila perfectamente identificable con Salceda. Foi unha conversa moi agradable e interesante na que o noso alumnado do club puido coñecer máis a fondo aos personaxes e intercambiar as súas impresións coa autora. Grazas a Begoña pola súa visita e por compartir con nós o proceso de creación da obra. Xa estamos con ganas de ler a seguinte. Deixamos unha fotiños desta agradable xuntanza. Grazas tamén a Raquel da librería Dona de Salceda que tamén nos acompañou na conversa.





24 nov 2022

CLUB DE LECTURA DE 1º E 2º ESO, SEGUIMOS

 O próximo luns 28 de novembro realizarase unha nova sesión do club de 1º e 2º de ESO. Continuamos a gozar coas páxinas das dúas obras que estamos a ler. Reflexións importantes sobre a amizade, a solidariedade, o respecto, a tolerancia e a inxustiza das guerras. Deixamos aquí a fotiño dos títulos para que vos animades vós tamén a ler estas obras. Ánimo!!!! 💪




15 nov 2022

NOVAS SESIÓNS DO NOSO CLUB DE LECTURA

 O luns 21 de novembro volveremos reunirnos no club de lectura de 4º ESO para seguir coñecendo como segue a investigación da tenente Lila co seu axudante Zahe. Quen matou a Pablo? A vila de Luanova (que recoñecemos perfectamente como Salceda) agocha segredos que pouco a pouco iremos descubrindo. 


O luns 28 de novembro será a quenda de 1º e 2º ESO.

XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA 12 DE NOVEMBRO

Este sábado día 12 de novembro acudimos á unha nova Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia para seguir aprendendo cousiñas interesantes. Foi unha xornada moi produtiva onde puidemos coñecer experiencias diversas doutros centros escolares. Tamén gozamos coa conversa e as reflexións sobre a lectura e as bibliotecas do escritor Gonzalo Moure, autor da obra Palabras de caramelo coa cal nos transportamos aos campamentos saharauís a través da tenrura de Kori e o seu camelo. Na nosa biblioteca temos exemplares así que animádevos a gozar coa súa historia. Deixamos unhas fotiños. 



4 nov 2022

NOVA ANDAINA DO NOSO CLUB DE LECTURA

 



 Arrancamos un novo curso no noso club de lectura, Seareiros da palabra. A primeira sesión tivo lugar o 24 de outubro, coincidindo co Día das Bibliotecas. Nela presentamos os libros que imos ler e aos integrantes deste curso, tanto profesorado como alumnado. Contamos con dous grupos de 1º e 2º ESO e un grupo de 4º ESO e agardamos que se sumen novos membros ao club de cómic e manga que arrancou o curso pasado. 

Este curso o lema da biblio é "A biblioteca escolar ten a palabra" polo que nas lecturas escollidas veremos como o poder das palabras está presente na resolución de conflitos e na descuberta de emocións. Deixamos aquí unha fotiño dalgúns dos títulos que se lerán.

 

28 jun 2022

CURSO 2021-22

 Este curso, por motivos persoais da coordinadora da biblioteca, non lle demos moito pulo ao noso blog polo que queremos facer un pequeno resumo final a modo de memoria do que foron os clubs de lectura deste curso. É salientable a pouca afluencia de alumnado ao club este ano e esperamos que o próximo curso se retome con enerxía esta actividade lectora que axuda a compartir experiencias lectoras e a gozar e reflexionar en grupo con diferentes obras que se van presentando e seleccionando cada avaliación. Debido á escasa presenza de alumnado que formase parte do noso club só foi posible contar cun club de 1ºda ESO e outro de 2º ESO  a cargo respectivamente da profesora de galego Carme (2º) e da profesora de bioloxía Tania (1º). Tamén contamos este ano como novidade cun club de manga e banda deseñada a cargo da profesora Cristina de inglés e do profesor Cristian de Educación Plástica. Neste caso comentáronse novidades e lecturas propias de alumnado e profesorado relacionadas co mundo manga, o anime e a banda deseñada. Tamén se realizou neste club un obradoiro de debuxo manga.

As lecturas realizadas no club de lectura de 1º e 2º  ESO foron as seguintes: 

- Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas e  Nata e chocolate de Alicia Borrás, no 1º trimestre.

- Vaiche boa! De Paul Jennings e Nata y chocolate invencibles de Alicia Borras, no 2º trimestre.

Nómades, unha novela gráfica de Xosé Tomás e Percy Jackson, el ladrón del rayo de Rick Riodan, no 3º trimestre.

Agardamos que no próximo curso poidamos seguir gozando do noso club e achegando novas propostas coas que descubrir novas historias que compartir entre todos e todas. Animádevos a participar!!!!