Na última sesión do Club de
Lectura “Siareiros
da Palabra”, o luns 3 de xuño,
quixemos facer algo especial, e deixamos reservada para esta ocasión a
colaboración amable e desinteresada do profe de matemáticas David, que este ano
tivo a ben compartir con nós en varias ocasións as súas experiencias de “grandes viaxes”, como el mesmo as
denomina.
A súa presentación estivo
estruturada en apartados e comezou cunha adicatoria:
feita ao seu pai e ao seu irmá, quen foron os que o educaron na liberdade, na
aventura da viaxe exótica, no amor pola montaña e por descubrir emocións ao
límite: pero sen esquecer o agradecemento e apoio da súa actual compañeira.
Deseguido comeza a falar “Sobre montañas e libros. Ou de como un tipo, un libro e Nepal se xuntan nun certo momento”con
intención de facer un relato que ten moito de literario. Segue a falar dos personaxes: el, o libro e o sitio. Introduce despois un limiar para
falar das “viaxes previas”, cando era máis xoven: Bélxica, París, Italia,
Praga… e pasar a contar como chega a realizar as grandes viaxes: Vietnam, Alxeria,
Groenlandia, Etiopía, Siria, Islandia e esta viaxe ao Himalaia nepalés. No
apartado que titula “O libro e o Himalaia” sitúanos no oeste de Nepal coa axuda de mapas e de imaxes do
lugar e dos nepalíes: as súas casas, costumes, vestimentas, a súa amabilidade;
os seus mosteiros budistas, chamados lamaserías, cun concepto da oración e dos
ritos relixiosos moi diferente ao cristiá; o atractivo balbordo das súas cidades
e da populosa capital, Katmandú; ata ascender pola paisaxe da gran
montaña por excelencia: inmensa nas súas alturas de oitomiles, esta terra que
racha o ceo: o HIMALAIA. Acaba o seu itinerario cunha humorística mención especial á súa cazadora negra,
compañeira de mil andanzas, que despois de moito tempo estragou sen remedio.
Fotografía de David Rodríguez Amil |
Fotografía de David Rodríguez Amil |
El levaba como compañeiros de viaxe o libro no
que viviu paralelamente o coñecemento e a espiritualidade deste lugar tan especial, titulado “El tercer ojo,” e o seu inseparable
caderno a modo de “diario de viaxe” onde
apuntar mil e unha impresións, emocións, acontecementos, palabras na nova
lingua, costumes…, desta parte oeste da gran cadea montañosa asiática, que
atacaron pola parte nepalí do Ganesh
Himal, esta parte da montaña adicada ao deus Ganesh, ese tan curioso que
ten cabeza de elefante…
Fotografía de David Rodríguez Amil |
Vaia aquí o enlace á entrada de
biblosvivos incluída na serie que titulamos “A
viaxe dun libro”: Viaxe a Nepal contada por David Rodríguez Amil.
Que mellor que aproveitar este contexto para
anunciarvos que o curso que vén o lema ou idea ao redor da cal xirarán moitas das
actividades e lecturas que fagamos na Biblioteca Calixtina e no Club será:
“Viaxes reais, viaxes imaxinadas”
Suxestivo, non si?
Desexamos así a
tod@s un bo verán de xiros e danzas ao
redor da música, as letras, as charlas desenfadadas, as xentes e os lugares, o
descanso estival e, como non, as xustas doses de
preguiza…
: )