Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

7 nov 2011

O pintor do sombreiro de malvas

Abrimos a xeira dun novo curso coa xuntanza do noso Club o pasado luns 17 de outubro – temos que dicir que máis nutrido que nunca- pois na maís comezar xa tiñamos un número tan elevado de peticións para participar nel que nos vimos obrigados a establecer unhas pautas de compromiso e de saber estar para participar en cada sesión que convoquemos un luns de cada mes. Como somos uns 70 membros lectores decidimos facer dous grupos por cada ciclo da ESO e convocar en días diferentes.  Aínda así seguimos a ser moitos, e polo de agora tivemos que decidir -moi ao noso pesar- que restan en espera outras persoas que tamén queren formar parte do Club de Lectura.

Na primeira sesión fixemos a presentación, falamos de acordos, e entre uns e outros recomendamos as ultimas lecturas preferidas de cada quen, cun intercambio de ideas moi interesante e variado. Coñecimos a novos compañeiros e compañeiras de 1º, que están encantados e parecen ter moito que aportar.
Como este ano o eslogan da Biblioteca é “As Artes e as Letras” quixemos empezar coa lectura de

Marcos Calveiro: "O pintor do sombreiro de malvas”
 Vigo: Edicións Xerais, Colección Fóra de Xogo, 4ª edición, 2011.

Novela que recrea as preocupacións dun adolescente e a súa relación co pintor Vincent Van Gogh durante o verán de 1890; toda unha figura que nos serve para coñecer e disfrutar a súa obra pictórica e adentrarnos no seu significado.

Queremos recordar que tedes tempo dabondo para ler este libro, pois decidimos que as seguintes sesións serán:

-          21 Novembro luns: 3º e 4º ESO
-          28 Novembro luns: 1º e 2º ESO

Así que a todas aquelas persoas que queiran comentar e compartir as  ideas  e sensacións que lle transmitiu esta historia, podemos recomendarlle que comece ese “Caderno de Notas das miñas lecturas” onde pode ir apuntándoas, para así cando chegue o día da xuntanza recordar o lido e conservar unha ficha cos datos do libro e cos comentarios  e valoracións persoais.

Ah! Tamén podedes ir deixando comentarios nesta entrada do blog.

Anticipamos que no mes de Decembro xuntarémonos nunha  sesión para ver un filme sobre a vida do pintor e así completar o noso achegamento.

¡¡ESPELIDE, BULIDE, 
QUE OS EXEMPLARES DO LIBRO XA ESTÁN RODANDO DE MAN EN MAN!!