Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.
Mostrando entradas con la etiqueta contacontos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta contacontos. Mostrar todas las entradas

2 sept 2016

FOTO RECOLLENDO O PREMIO E VÍDEOS DOS CONTACONTOS.

Chegou ás nosas mans tarde esta imaxe, por iso a colgamos agora, pero nunca é tarde cando a ocasión o merece, así que quede este documento reflectindo ese momento de subir a recoller o premio que nos deron un curso xa pasado de 2014.

E, como non, queden os vídeos das representacións dos Contacontos  para que os disfrutedes.





21 jun 2015

CONTACONTOS: COLABORANDO CO CRA "A REVOLTA" NUN TAMÉN LEN ESPECIAL




O pasado xoves 4 de xuño os Siareiros da Palabra, xunto co alumnado de 1º ESO, os mesmos que no ano 2007 viñeran visitarnos ao Tamén Len que daquela fixeramos para achegármonos aos máis pequenos da contorna, foron os que na actualidade deron a benvida aos nosos invitados, os pequenos do CRA "A Revolta", para compartir un recreo especial nunha sesión moi teatral que presentaron al "alimón" Martín e Uxía: 


Os nenos e nenas italianos cantan unha cantiga moi popular nese país, con letra deste maxistral texto de Gianni Rodari e melodía composta polo cantautor Sergio Endrigo. Como unha típica filastrocche, a modo de copla ou retahíla, esta canción é a presentación ideal para “Que fai falta?”, que se acaba de incorporar (2011) á colección de Clásicos Contemporáneos de KALANDRAKA. Silvia Bonanni ilustra a obra do que fora un gran referente para a pedagoxía moderna.

-primeiro vimos no escenario a simpática representación do conto de Gianni Rodari "Que fai falta" e doutro adaptado titulado "Os bos amigos". 
-De seguido,  o Club de Lectura encarnou "Los números árabes", un dos relatos de Juan José Millás do libro "Números pares, impares e idiotas" e, finalmente, os alumnos e alumnas de 1º ESO escenificaron outro deles "El 8 y el ocho". Esta elección tiña a intención de xogar cos números dentro dunhas historias que puideran entender os máis pequenos pero que resultaran entretidas e tamén gustaran ao público do noso instituto que nos acompañou neste recreo cun cheo de sala completo, que é de agradecer.

Aquí deixamos o enlace ao post de biblosvivos contando esta experiencia:
http://biblosvivos.blogspot.com.es/2015/06/contacontos-colaborando-co-cra-da.html

Porén,  vai a man o voso video en especial:


Sempre é un pracer contar convosco!!!!

14 jul 2014

RECOLLENDO O PREMIO AOS CONTACONTOS.

O día 5 de xullo fomos invitados a asistir á celebración do DÍA DO COOPERATIVISMO no Espazo Ágora da Coruña (día que se celebra a principios deste mes a nivel internacional). Foi o momento de subir todos os que alí estivemos ao escenario para recoller o premio e o diploma acreditativo que nos foi concedido polo noso traballo cos Contacontos...

...eeeeee, sorpresa, sorpreeeeesaaa! 
Cada un dos alumnos e alumnas participantes foron agasallados cunha "tableta"!!!!

Imaxinade a cara de satisfacción que se nos puxo a todas e cada unha das persoas presentes: eles, nós os profes e algunha nai e pai que nos acompañaron.

Participamos en actividades diversas ao longo da xornada: escoitamos á enérxica e comprometida cantante Sés, a contacontos Paula Carvalheira brindounos, tamén en directo, un bo exemplo de como contar historias con moita arte e gracia; degustamos produtos cooperativos que fixeron as delicias de todos á hora do xantar (aínda que a algúns e algunhas non lles chegaron a moito estas pequenas exquisiteces e botaron de menos un bo bocata); houbo xogos tradicionais e xogos cooperativos para quen quixo participar, teatro, etc. Pero é sabido que cunha tableta na man de cada quen, tiñamos pouco que facer para atraer a súa atención dun xeito tan irresistible como o fai calquera destes inventos... Son os tempos!!!

Volvimos ledos e libres para disfrutar dunhas boas vacacións!!






25 jun 2014

BROCHE DE OURO: CELEBRACIÓN COA INVITACIÓN DO CRA RAÍÑA ARAGONTA

Hoxe, que foi día de recollida de notas, aproveitamos que estaban os alumnos e alumnas no Centro para ter a ocasión de celebrar co CRA de Salceda a experiencia:


 CONTACONTOS "SIAREIROS DA PALABRA

I ENCONTRO do IES Pedras Rubias-CRA Raíña Aragonta
2013-2014

Esta é a denominación que acuñaron as simpáticas e amables mestras que quixeron compartir con nós un bo momento para celebrar esta colaboración tan fructífera. A partr de agora falaremos de ENCONTROS, porque no futuro esperamos, ámbalas dúas partes, que haxa novos encontros anuais para compartir actividades de animación á lectura, teatro, contos...

Tiveron a ben agasallarnos cuns coloristas bolis e marcapáxinas con citas de autores sobranceiros alusivas á lectura. Hai que dicir que foron feitos por elas artesanalmente con efectos de troquelado, e quedaron moi, moi chulos. 



Quedamos encantadas e brindamos e tomamos uns pinchos á saúde de todos e todas!

-Grazas ao CRA Raíña Aragonta pola súa amabilidade-


_______________________________________________
Lembrade que o Sábado 5 de Xullo quedamos en A DEVESA ás 8'30h-8'45 h da mañá, onde nos recolle o bus. 

Procurade ser puntuais!!

12 jun 2014

PREMIO DE COOPERATIVISMO NO ENSINO PARA OS CONTACONTOS

Hai uns días comunicáronnos a boa nova de que nos foi concedido o PREMIO DE COOPERATIVISMO NO ENSINO SECUNDARIO, na modalidade de actividades cooperativizadas na Categoría E: para alumnado de 1º Ciclo da ESO. 

O traballo presentado a concurso foi: 
"CONTACOTOS: COOPERAMOS ENLEANDO CONTOS NO BOSQUE"


PARABÉNS, SIAREIROS DA PALABRA!!!!



Dimos a noticia no recreo, cunha pequena festa-celebración, con "gholichadas", na Biblioteca, onde comunicamos que o sábado día 5 de Xullo teremos que facer acto de presenza na entrega de premios, nunha xornada na Coruña, onde haberá teatro, xogos cooperativos, degustación, etc. 

Deixamos aquí o enlace á concesión do Premio ao mellor traballo na categoría E: alumnas/os de 1º ciclo da ESO, e ao Programa da celebración, que coincide co Día Internacional do Cooperativismo, o 5 de xullo.

http://www.cooperativasdegalicia.com/noticias/detalle.php?idNoticia=765

http://www.cooperativas2014.com/dia-do-cooperativismo/presentacion/

http://www.cooperativas2014.com/dia-do-cooperativismo/programa/


ALÍ ESTAREMOS!!




22 may 2014

A GALIÑA AZUL E OS CONTACONTOS

Hoxe, xoves 22 de maio, estivemos representando os CONTACONTOS aos pequerrechísimos da GALIÑA AZUL de Salceda. 



Tiñamos certo temor de facerlles sentir medo con lobos, ladróns e demais personaxes dos contos. Algo choromicaron, pero, segundo palabras das súas coidadoras, estaban encantados porque non se movían do sitio; pois cando algo lles aburre, deseguido se levantan ou están a outra cousa. 


Cun público tan especial e esixente, quen sabe!!

A experiencia volveu ser moi gratificante para todas e todos. Así que, esperan que, unha vez iniciada esta actividade sexamos quen de darlle continuidade para o ano...

17 may 2014

Representamos CONTACONTOS na GALIÑA AZUL. Xoves 22 Maio.

De novo toca prepararse e reunírmonos este luns 19 a mediodía para ensaiar os Contacontos, porque, como xa anunciamos, chamáronnos da Escola infantil "A GALIÑA AZUL" do noso concello, para ir representar. Faremos unha sesión cos 4 contos, este xoves 22 de Maio, entre 10'30 h e 11'30 h.

Como iamos dicir que non...! 

Agradecemos a petición e poñerémonos unha vez maís a tentar facelo o mellor posible. 


Así que, este luns non podemos faltar ninguén. Alí disporemos todo o necesario...

ÁNIMO E ,ANTE TODO, MOITA CALMA!!

29 abr 2014

LER en MAN COMÚN destaca os Siareiros da Palabra

Deixamos constancia da mención que a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta vén de facer no seu blog Ler en Man Común, onde destaca a laboura do noso Club de Lectura coa colaboración entre centros educativos, compartindo lecturas e promocionando a narración oral a través da actividade dos Contacontos.

Este luns asistimos á reunión do Club para facer balance da experiencia e intercambiar pareceres. Hai que dicir que mereceu o esforzo, e incluso fomos quen de facer algo de sana autocrítica, xa que sempre hai cousas mellorables.

Tentamos facer o comentario da lectura do libro de Marilar Aleixandre, "A expedición do Pacífico",que quedara aprazado, pero os compañeiros estaban demasiado "efervescentes" para calquera comentario literario, para o que é mester a tranquilidade...


17 abr 2014

SAÍMOS DE XIRA COS CONTACONTOS

Despois de meses de planificación, elección dos contos, adaptación, ensaios e posta a punto no útimo momento, por fin os días 9 e 10 de abril representamos ante os maís pequerrechos do lugar os CONTOS DOS IRMÁNS GRIMM.


Cando a principio de curso nos fixeron esta proposta dende os CRA de Salceda, non pensamos que ía ter tanta aceptación por parte da maioría -por non dicir todos- dos SIAREIROS DA PALABRA, que facendo honor ao seu nome, deixáronnos sorprendidos das súas destrezas para traballar en grupo, repartir o traballo e colaborar para adaptar primeiro cada un dos contos dos seleccionados, e despois para ler, repartir os papeis, facerse co personaxe, coa súa voz, cos xestos, con algún aderezo distintivo e chamativo a modo de vestimenta... Chegou o momento de poñernos en pé, en situación e empezar a compoñer a escena do xeito máis equilibrado e atractivo para o pequeno público, sen deixar de amilanarnos á hora de buscar solucións ás pasaxes máis complicadas, que case sempre funcionan con recursos prácticos, sinxelos, pero conservando a súa capacidade de suxestión.



En realidade, acabamos facendo unhas representacións que podemos situar a medio camiño entre o Contacontos e o Teatro, mesturando ingredientes dos dous xéneros. O obxectivo era contar historias tendo presente a figura do narrador, a presenza do libro, da palabra, da oralidade, pero ao mesmo tempo, conseguir que das palabras do narrador foran saíndo as imaxes e cobraran vida nun plano de fondo os personaxes e as súas andainas; e aderazalo todo de notas de cor, de distintivos básicos pero efectivos aos ollos dos nenos e nenas e, como non, enmarcalo nun decorado colorista que acotase o espazo da representación e unificase dalgún xeito as diferentes historias, que acaban por desenvolverse nun inquietante pero encantador bosque.



Dar, deunos traballo...

O maís interesante foi comprobar como cada un foi deixando a timidez, os temores, o medo escénico a un lado e foron saíndo deles destrezas que non coñecían na maioría dos casos, e a forza de enfrontarse ao público foi mellorando a posta en escena. Temos que dicir, para ser xustos, que contamos cun elenco de actores que promete e que, unha vez vencida a inquedanza inicial, ata se atreveron a improvisar espontaneamente en escena enriquecendo as historias coas súas aportacións, ocorrencias e sentido do humor.



Así pois, do Club de Lectura pode saír unha boa canteira de actores que ben poderán incorporarse cando cheguen a 3º ESO ao Grupo de Teatro MUTIS POLO FORO. Só  dúas cousas: destacar que esta actividade colaborativa de grupo foi do maís estimulante e fecunda e agradecer a todas-os Siareiros da Palabra o seu entusiasmo.

Ah, que saibades que temos demanda de máis representacións!

Aquí deixamos constancia fotográfica das diferentes seisóns que fixemos en 3 intensos días.

 



...pero divertirnos e rir, rimos un rato longo...





30 mar 2014

MARZO-ABRIL ensaiando CONTACONTOS

A verdade é que, a adaptación primeiro e despois o ensaio e posta en pé de cada conto que estamos a traballar, lévanos todo o tempo das sesións dos últimos luns, e máis; porque estamos a quedar en recreos e ata mediados de abril así continuaremos. Pero a cousa vai por bo camiño. 

Temos que destacar que as adaptacións dos contos feitas polos compañeiros do Club en cada grupo formado foron moi efectivas e todos fixeron un bo traballo de síntese. Vai tomando forma e vanse metendo cadanseu papel.

Xa temos os días sinalados para representar nos CRA de Salceda: será en abril os días 9 mércores e 10 xoves.

Vémonos mañá luns a mediodía, contadores de historias!!

Cándido Pazó é un bo exemplo a seguir na arte de contar historias nun escenario.

 Por certo! estará no noso instituto dentro de poucos días actuando para nós.

Deixo este enlace a un fragmento da representación de Cándido Pazó da adaptación que fixo sobre a "Memoria das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

1 mar 2014

FEBREIRO: TRABALLANDO CONTACONTOS

Seguimos a reunirnos en recreos, e sesións do Club de Lectura, como este luns 24 de febreiro a mediodía, para procurar tempo que adicarlle á adaptación e ensaio dos diferentes personaxes que cada un vai asumindo de cada conto. somos 5 grupos con 5 contos a representar. 



Decidimos que cada grupo fixera unha laboura de simplificación dos textos adaptados a nenos pequenos. Ademais pensamos que sería doado fundir os contos do lobo e os cabritiños coo de Carapuchiña vermella, así aforramos esforzos e traballo, xa que o tempo vense enriba. Nestas andamos...



Ánimo, que estades a facelo moi ben!!

1 feb 2014

XANEIRO de CONTACONTOS

      Co mes de Xaneiro comezamos o ano e tamén unha nova actividade. Levamos xa feitas dúas sesións do Club, a primeira para comentar o filme de Chaplin, e a última para poñernos de acordo na organización do CONTACONTOS, cunha participación dos Siareiros en pleno.


CONTACONTOS – CLUB DE LECTURA: SIAREIROS DA PALABRA

Obxectivo:

       - Achegar Infantil e Secundaria a través da actividade compartida dos maiores cos pequerrechos: CONTACONTOS.

            En setembro de 2013 na Biblioteca Calixtina tivemos unha proposta da mestra Paula, que imparte aulas no Raíña Aragonta e coordina as labouras de Bilbioteca, para levar a cabo unha colaboración entre os Centros de Infantil (CRA) de Salceda de Caselas e o IES Pedras Rubias, coa idea de realizar unhas  sesións de CONTACONTOS.

            Nunha reunión en Decembro consideramos que o mellor momento sería realizalo entre o 7 e o 10 de abril, na semana anterior as vacacións de Semana Santa (coincidiría ademais coa celebración da Semana da Literatura Infantil). Organizamos as representacións de varios contos, que repartimos en dúas mañás con 4 pases cada unha do seguinte xeito:

1-     Centro da Esfarrapada: (170 nenos/as)

-Realizaranse 4 sesións ao longo da mañá:

1-10-10’30h (comezamos cos maís pequenos)
2-11-11’30h
         Recreo de 11’30 a 12’30h
3-12’30-1h
4-1-1’30h (acabamos cos maiores)

2-      Diferentes CRA das Parroquias:

-Realizaranse 4 sesións ao longo da mañá:

1-Picoña/San Xurxo: 9’30-10h. (30 nenos/as)
2-Entenza/Barreiro: 10’30-11h. (30 nenos /as)
         Recreo de 11 a 12h
3-Soutelo/Budiño: 12-12’30h. (25 nenos/as)
4-Revolta/Fontán: 1-1’30h. (30 nenos/as)

            Participan unha vintena de  membros do Club de Lectura: “Siareiros da Palabra”, coordinados polos profesores Xoán González Leirós e Paula Fernández Bañuelos.   
            Formamos 5 grupos que están ensaiando 6 contos diferentes dos irmáns Grimm: Os músicos de Bremen, O xastriño valente, O burriño, Pulgarciño, O lobo e os sete cabritos, Carapuchiña vermella, que fundiremos en 4 sesións.



- A idea é adaptar os diálogos e a intervención dos narradores ao esencial, cunha linguaxe clara e efectista para un público infantil: vocalización, interiorización do papel, ton de voz adecuado a cada caso, asumir xestos e particularidades de cada personaxe, aprender a proxectalo ante un público infantil que responde ante as xesticulacións ou esaxeracións oportunas e ben calculadas.
- Atender certa ambientación básica: algún decorado, algúns detalles que caractericen a cada personaxe, pintura no rostro, vestimenta...

- Seleccionar música que poida reforzar o representado.

          Polo de agora estamos a engrasar motores e algo despistados, pero a cousa promete e vai resultar moi divertido.