Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

25 nov 2014

CONVOCATORIA DE SESIÓN DO CLUB PARA 3º E 4º

Decidimos facer unha sesión en pequeno grupo este luns pasado, porque queriamos acadar a tranquilidade necesaria para seguir lendo en directo uns capítulos maís de "Calpurnia Tate", que quedaramos en ir comentando entre todxs.
Coidamos que conseguimos o noso propósito e disfrutamos da lectura compartida. Deste xeito poidemos comprobar como as persoas presentes ían quedando atrapadas na historia.

                             Música relaxante para acompañármonos.

Sabemos que houbo opinións diversas sobre facer ou non sesións separadas, pero consideramos, como coordinadores, que ás veces é necesario. Así tamén o valoraron varias alumnas, que fixeron unha interesante reflexión do que lle reportara a súa pertenza ao Club de Lectura: vencer a timidez, atreverse e aprender a falar en público, mellorar a capacidade lectora e comprensiva, compartir pareceres e historias, participar nas actividades, ser capaz de representar e dramatizar contacontos...

Escoitalas falar así foi sumamente alentador, instrutivo e aportounos luz sobre o acertado ou desacertado da dinámica do noso Club, para saber se hai  algo que reestruturar.

Un pouco de música para contribuír á tranquilidade, ademais de disfrutar a natureza, na liña da protagonista do noso libro:

                              Suzanne Ciani. Anthem.

18 nov 2014

OS SIAREIROS DA PALABRA, A POESÍA E A CIENCIA, A SANTA COMPAÑA E OS RELATOS DE TERROR

-En outubro, os membrxs do Club de Lectura, presentámonos como pensabamos, e falamos do método científico, a través das aventuras de "Calpurnia Tate", coa nosa invitada Ana, profe de Física. 

















-E tamén participamos na preparación do Recital de "Poesía e Ciencia", para celebrar o "Día das BE". Despois de arduos ensaios en diferentes recreos, por fin poidemos realizalo o día 7 de novembro na Biblioteca nunha sesión aberta para o público sensibilizado que tivo a ben asistir. Facemos a crónica completa no noso blog biblosvivos.


















-O pasado luns día 10 fixemos unha sesión do Club á que asistiron 29 siareirxs intrigadxs coa proposta para pedir a súa colaboración para preparar unha "Sesión de lectura terrorífica" coa que celebrar este novembro de "Santos e Defuntos"; e aproveitar a ocasión para recomendar un bo feixe de lecturas e filmes relacionados con aparicións, coa Santa Compaña, con supersticións e crenzas arraigadas na nosa cultura, pero tamén con misterios sobrenaturais ou seres fantasmagóricos que nos poden facer tremer ata os miolos.

Para a sesión eliximos e seleccionamos os textos do libro " Aparicións e Santa Compaña", do antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro.

Adxudicamos as lecturas a cada participante na sesión que se realizou o xoves 13, no recreo e na Biblioteca, onde fomos convocadxs pola mismísima Santa Compaña, que vagou de aula en aula penando, relatando as súa coitas e colgando na corcheira de cada aula a "Relación de libros e filmes de terror do fondo da Calixtina", que xa temos expostos no corredor e na BE coa intención de promocionalos e animar á lectura...

A verdade é que en principio pensabamos nun grupo de 10 almas en pena, pero a animación foi tal que ao final contamos cunha procesión de case 20 almas vagando entre os vivos...


Sentámonos en círculo na biblioteca, ás escuras e só iluminados polas caracús (cabazas) elaboradas e presentadas a concurso estes días. Unha vez creado o ambiente idóneo, procedemos á lectura e vivimos unha experiencia arrepiante...

... da que deixamos constancia tamén no blog biblosvivos.


9 oct 2014

PRESENTACIÓN DO CLUB DE LECTURA

Un ano máis comezamos o outono coa  presentación dxs novxs e dxs antigxs compañeirxs do Club de Lectura. Sempre é novidade escoitar os descubrimentos e as recomendacións de cada un. Falaremos das normas, da organización e do novo programa, como non, para poder facer en común esta nova andaina. Contamos con 53 persoas interesadas: 22 do 1º ciclo e 31 do 2º ciclo. 
                                                                                 
Reunímonos este luns 13 de outubro a mediodía na Biblioteca Calixtina, procuraremos estar alí ás 15h e ata ás 16' 15h. Temos pensado empezar lendo en directo o primeiro capítulo da novela titulada "A evolución de Calpurnia Tate" de Jasqueline Kelly, que podemos atopar traducida ao galego. Consideramos que sería interesante empezar deste xeito,por que esta lectura pareceunos idónea para relacionar co lema deste curso 

"AS Ciencias e as Letras"


Para tal ocasión invitamos a profesora de CCNN, Ana, para que nos faga a presentación do libro e nos acompañe na súa lectura; pois ela o recomenda aos seus alumnxs para que entendan o método científico de traballo, que parte da observación atenta e dos apuntamentos coidadosos que nos poden levar a conclusións baseadas na experimentación. 

Calpurnia é unha moza inqueda que experimenta levada pola curiosidade e atenta a todo o que a rodea: ademais de mostrarse rebelde con causa nunha época (1899) na que a muller era educada e programada a súa existencia para casarse e ter fillos, pero non para ser unha muller de ciencia. Destacamos a relación co seu avó, un naturalista afeccionado, pero moi serio na súa práctica, que a guiará e compartirán unha realidade sorprendida ante as novas teorías sobre a evolución das especies de Darwin.

Deixamos aquí o enlace ao novo blog do Departamento de Ciencias da Natureza "Os isótopos radioactivos de Salceda" onde podemos ler a entrada relacionada con esta lectura.

Este será o Programa mensual de actividades dxs "Siareiros da Palabra" para este curso:

-OUTUBRO- Presentación e posta en común das lecturas feitas no verán, para compartilas, falar dos gustos de cada un, das normas do Club, da preparación dun recital de “Poesía e Ciencia” no día da BE. Lectura en alto por e para todxs do 1º capítulo de “La evolución de Calpurnia Tate”. Invitada a profesora de CCNN Ana R. Sío para presentar dito libro.

-NOVEMBRO- Comentario de La evolución de Calpurnia Tate”.
                         -Lectura presencial de relatos de Terror. Invitado Raúl, PT.

-DECEMBRO-Filme e Ciencias: Traballar a linguaxe cinematográfica  elixindo algún filme: p.e.El maquinista de la General. Buster Keaton.

-XANEIRO- Relatos: “Viaxe á lúa”. Mark Twain // Viaxe á lúa. Tintín.

-FEBREIRO-Contacontos: Elección, grupos, ensaios: Números pares, impares e idiotas. J.J. Millás.//Viva el mal! Viva el capital!. S. Alba Rico.

-MARZO- Contacontos: representación no CRA Raíña Aragonta.

-ABRIL-BD: Superheroes... Ciencia-Ficción. Invitado Nacho,Plástica.

-MAIO- Tempo de Poesía: “Poesía, ritmo matemático e Ciencias”.
Invitados Antonio, Matemáticas, José Antonio, Tecnoloxía.
Aprender a recitar en galego para conmemorar as Letras Galegas)

     -XUÑO-Saída a Cabo Home e costa do Morrazo: Comida Literaria,  rotas
       pola contorna e leriamos textos de poesía relacionada co mar, paisaxe…

      OUTRAS ACTIVIDADES:
     
 - Tamén Len: Invitación mensual dun lector da contorna ou antigo alumno/a para ler un fragmento ou relato e debate posterior, no recreo na Biblioteca, aberta a todos. En colaboración co Dpt. de Lingua Castelá

   -  Presentación de Libros: participación dalgún editor, autor, artista, etc.

  - Concurso fotográfico para fomento da lectura: Ler un relato ou  poema de entre varios aconsellados ou preferidos e realizar unha imaxe fotográfica alusiva acompañada dun título suxestivo. Relacionado co eslogan da Biblioteca  deste ano:As Ciencias e as Letras”.
   -Elaborar unha fotografía inspirada no mundo da lectura que nos serva de imaxe soporte da nosa andaina lectora e que sexa significativa.

  - Contacontos:, de creación propia ou adaptada, representalo en colaboración co CRAC Raíña Aragonta (a 300 nenos/as de 3-5 anos).

   -  O K LIN: nun recreo ao mes, na BE, un alumno/a interesado fala sobre  
unha lectura do seu gusto e compartimos comentarios cos asistentes.

-     Apoiar a creación de Clubs de Lectura na Biblioteca Municipal.

   -   Saídas:
- Excursión literaria de 1 día a Cabo Home, mar, paisaxe, paisanaxe e poesía, co profesorado da Comisión da B.E., para ler poesía e facer algunha rota e unha comida literaria. Outras opcións: rota de sendeirismo pola zona, nunha xornada literaria. Quedar unha noite de “viaxe ás estrelas” guiados por alguén experto na contemplación da bóveda celeste.

14 jul 2014

RECOLLENDO O PREMIO AOS CONTACONTOS.

O día 5 de xullo fomos invitados a asistir á celebración do DÍA DO COOPERATIVISMO no Espazo Ágora da Coruña (día que se celebra a principios deste mes a nivel internacional). Foi o momento de subir todos os que alí estivemos ao escenario para recoller o premio e o diploma acreditativo que nos foi concedido polo noso traballo cos Contacontos...

...eeeeee, sorpresa, sorpreeeeesaaa! 
Cada un dos alumnos e alumnas participantes foron agasallados cunha "tableta"!!!!

Imaxinade a cara de satisfacción que se nos puxo a todas e cada unha das persoas presentes: eles, nós os profes e algunha nai e pai que nos acompañaron.

Participamos en actividades diversas ao longo da xornada: escoitamos á enérxica e comprometida cantante Sés, a contacontos Paula Carvalheira brindounos, tamén en directo, un bo exemplo de como contar historias con moita arte e gracia; degustamos produtos cooperativos que fixeron as delicias de todos á hora do xantar (aínda que a algúns e algunhas non lles chegaron a moito estas pequenas exquisiteces e botaron de menos un bo bocata); houbo xogos tradicionais e xogos cooperativos para quen quixo participar, teatro, etc. Pero é sabido que cunha tableta na man de cada quen, tiñamos pouco que facer para atraer a súa atención dun xeito tan irresistible como o fai calquera destes inventos... Son os tempos!!!

Volvimos ledos e libres para disfrutar dunhas boas vacacións!!






25 jun 2014

BROCHE DE OURO: CELEBRACIÓN COA INVITACIÓN DO CRA RAÍÑA ARAGONTA

Hoxe, que foi día de recollida de notas, aproveitamos que estaban os alumnos e alumnas no Centro para ter a ocasión de celebrar co CRA de Salceda a experiencia:


 CONTACONTOS "SIAREIROS DA PALABRA

I ENCONTRO do IES Pedras Rubias-CRA Raíña Aragonta
2013-2014

Esta é a denominación que acuñaron as simpáticas e amables mestras que quixeron compartir con nós un bo momento para celebrar esta colaboración tan fructífera. A partr de agora falaremos de ENCONTROS, porque no futuro esperamos, ámbalas dúas partes, que haxa novos encontros anuais para compartir actividades de animación á lectura, teatro, contos...

Tiveron a ben agasallarnos cuns coloristas bolis e marcapáxinas con citas de autores sobranceiros alusivas á lectura. Hai que dicir que foron feitos por elas artesanalmente con efectos de troquelado, e quedaron moi, moi chulos. 



Quedamos encantadas e brindamos e tomamos uns pinchos á saúde de todos e todas!

-Grazas ao CRA Raíña Aragonta pola súa amabilidade-


_______________________________________________
Lembrade que o Sábado 5 de Xullo quedamos en A DEVESA ás 8'30h-8'45 h da mañá, onde nos recolle o bus. 

Procurade ser puntuais!!

12 jun 2014

PREMIO DE COOPERATIVISMO NO ENSINO PARA OS CONTACONTOS

Hai uns días comunicáronnos a boa nova de que nos foi concedido o PREMIO DE COOPERATIVISMO NO ENSINO SECUNDARIO, na modalidade de actividades cooperativizadas na Categoría E: para alumnado de 1º Ciclo da ESO. 

O traballo presentado a concurso foi: 
"CONTACOTOS: COOPERAMOS ENLEANDO CONTOS NO BOSQUE"


PARABÉNS, SIAREIROS DA PALABRA!!!!



Dimos a noticia no recreo, cunha pequena festa-celebración, con "gholichadas", na Biblioteca, onde comunicamos que o sábado día 5 de Xullo teremos que facer acto de presenza na entrega de premios, nunha xornada na Coruña, onde haberá teatro, xogos cooperativos, degustación, etc. 

Deixamos aquí o enlace á concesión do Premio ao mellor traballo na categoría E: alumnas/os de 1º ciclo da ESO, e ao Programa da celebración, que coincide co Día Internacional do Cooperativismo, o 5 de xullo.

http://www.cooperativasdegalicia.com/noticias/detalle.php?idNoticia=765

http://www.cooperativas2014.com/dia-do-cooperativismo/presentacion/

http://www.cooperativas2014.com/dia-do-cooperativismo/programa/


ALÍ ESTAREMOS!!




8 jun 2014

UNHA TARDE FALANDO DE PELIS DE VAQUEIROS...


O luns 2 de xuño tamén tivemos invitado á sesión do noso Club a Xabier Romero, que foi o noso compañeiro de Historia durante 3 cursos, e que se brindou encantado a "facer dobrete"; porque despois de empezar a falar de "O Western: Documento dunha época ou lenda?" na concorrida sesión do Tamén Len no recreo, seguíu a súa interesante exposición sobre o tema, a mediodía connosco e con todas as persoas invitadas que quixer.



Poidemos disfrutar coas imaxes e cos fragmentos tan significativos que montou para a ocasión, facendo evidente que as pelis do Oeste americano foron un magnífico entretemento nunha época, pero tamén un documento cinematográfico excepcional, que creou unha mitoloxía contemporánea que nos influíu a todos. Non hai maís que ver as nosas vestimentas usuais, debedoras dese mundo tan particular de pioneiros, conquistadores, indios sometidos e vencidos, foraxidos...

30 may 2014

CENTAUROS DO DESERTO: UNHA APROXIMACIÓN AO WESTERN

Este luns 26, en sesión do Club, decidimos aventurarnos a facer unha viaxe ao oeste americano (EE.UU), e para tal fin eliximos o filme do gran director John Ford "Centauros do deserto" (1956), obra mestra no contido e na forma, (tedes a ficha de lectura no apartado deste blog: Películas que visionamos).



A idea é que os Siareiros da Palabra coñezan un xénero cinematográfico que entre a mocidade de hoxe non ten o mesmo seguemento que tivo na nosa época; mais somos moitos os que consideramos que pode ser de grande interese profundizar na historia, na paisaxe e nos arquetipos ou personaxes prototípicos destas historias: sheriff, xusticieiros ou pistoleiros, vaqueiros, bebedores; o papel da muller nese mundo de pioneiros fronte aos indios...e, por suposto, a historia real da conquista dun enorme territorio disputado entre respectar as tribos indias ou a nova presenza dos conquistadores vinculada á idea de progreso...

 O tema, polo tanto, dá para falar e debater; e tamén para relacionar con lecturas. Iso esperamos facer noutra sesión o luns 2 de xuño, cun invitado de excepción co que compartimos esta paixón. Polo de agora, preferimos que quede como sorpresa...

->Xa sabedes, haberá un Faladoiro sobre o western aberto a todo aquel que teña interese en participar.

22 may 2014

A GALIÑA AZUL E OS CONTACONTOS

Hoxe, xoves 22 de maio, estivemos representando os CONTACONTOS aos pequerrechísimos da GALIÑA AZUL de Salceda. 



Tiñamos certo temor de facerlles sentir medo con lobos, ladróns e demais personaxes dos contos. Algo choromicaron, pero, segundo palabras das súas coidadoras, estaban encantados porque non se movían do sitio; pois cando algo lles aburre, deseguido se levantan ou están a outra cousa. 


Cun público tan especial e esixente, quen sabe!!

A experiencia volveu ser moi gratificante para todas e todos. Así que, esperan que, unha vez iniciada esta actividade sexamos quen de darlle continuidade para o ano...

17 may 2014

Representamos CONTACONTOS na GALIÑA AZUL. Xoves 22 Maio.

De novo toca prepararse e reunírmonos este luns 19 a mediodía para ensaiar os Contacontos, porque, como xa anunciamos, chamáronnos da Escola infantil "A GALIÑA AZUL" do noso concello, para ir representar. Faremos unha sesión cos 4 contos, este xoves 22 de Maio, entre 10'30 h e 11'30 h.

Como iamos dicir que non...! 

Agradecemos a petición e poñerémonos unha vez maís a tentar facelo o mellor posible. 


Así que, este luns non podemos faltar ninguén. Alí disporemos todo o necesario...

ÁNIMO E ,ANTE TODO, MOITA CALMA!!

29 abr 2014

LER en MAN COMÚN destaca os Siareiros da Palabra

Deixamos constancia da mención que a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta vén de facer no seu blog Ler en Man Común, onde destaca a laboura do noso Club de Lectura coa colaboración entre centros educativos, compartindo lecturas e promocionando a narración oral a través da actividade dos Contacontos.

Este luns asistimos á reunión do Club para facer balance da experiencia e intercambiar pareceres. Hai que dicir que mereceu o esforzo, e incluso fomos quen de facer algo de sana autocrítica, xa que sempre hai cousas mellorables.

Tentamos facer o comentario da lectura do libro de Marilar Aleixandre, "A expedición do Pacífico",que quedara aprazado, pero os compañeiros estaban demasiado "efervescentes" para calquera comentario literario, para o que é mester a tranquilidade...


17 abr 2014

SAÍMOS DE XIRA COS CONTACONTOS

Despois de meses de planificación, elección dos contos, adaptación, ensaios e posta a punto no útimo momento, por fin os días 9 e 10 de abril representamos ante os maís pequerrechos do lugar os CONTOS DOS IRMÁNS GRIMM.


Cando a principio de curso nos fixeron esta proposta dende os CRA de Salceda, non pensamos que ía ter tanta aceptación por parte da maioría -por non dicir todos- dos SIAREIROS DA PALABRA, que facendo honor ao seu nome, deixáronnos sorprendidos das súas destrezas para traballar en grupo, repartir o traballo e colaborar para adaptar primeiro cada un dos contos dos seleccionados, e despois para ler, repartir os papeis, facerse co personaxe, coa súa voz, cos xestos, con algún aderezo distintivo e chamativo a modo de vestimenta... Chegou o momento de poñernos en pé, en situación e empezar a compoñer a escena do xeito máis equilibrado e atractivo para o pequeno público, sen deixar de amilanarnos á hora de buscar solucións ás pasaxes máis complicadas, que case sempre funcionan con recursos prácticos, sinxelos, pero conservando a súa capacidade de suxestión.



En realidade, acabamos facendo unhas representacións que podemos situar a medio camiño entre o Contacontos e o Teatro, mesturando ingredientes dos dous xéneros. O obxectivo era contar historias tendo presente a figura do narrador, a presenza do libro, da palabra, da oralidade, pero ao mesmo tempo, conseguir que das palabras do narrador foran saíndo as imaxes e cobraran vida nun plano de fondo os personaxes e as súas andainas; e aderazalo todo de notas de cor, de distintivos básicos pero efectivos aos ollos dos nenos e nenas e, como non, enmarcalo nun decorado colorista que acotase o espazo da representación e unificase dalgún xeito as diferentes historias, que acaban por desenvolverse nun inquietante pero encantador bosque.



Dar, deunos traballo...

O maís interesante foi comprobar como cada un foi deixando a timidez, os temores, o medo escénico a un lado e foron saíndo deles destrezas que non coñecían na maioría dos casos, e a forza de enfrontarse ao público foi mellorando a posta en escena. Temos que dicir, para ser xustos, que contamos cun elenco de actores que promete e que, unha vez vencida a inquedanza inicial, ata se atreveron a improvisar espontaneamente en escena enriquecendo as historias coas súas aportacións, ocorrencias e sentido do humor.



Así pois, do Club de Lectura pode saír unha boa canteira de actores que ben poderán incorporarse cando cheguen a 3º ESO ao Grupo de Teatro MUTIS POLO FORO. Só  dúas cousas: destacar que esta actividade colaborativa de grupo foi do maís estimulante e fecunda e agradecer a todas-os Siareiros da Palabra o seu entusiasmo.

Ah, que saibades que temos demanda de máis representacións!

Aquí deixamos constancia fotográfica das diferentes seisóns que fixemos en 3 intensos días.

 



...pero divertirnos e rir, rimos un rato longo...





30 mar 2014

MARZO-ABRIL ensaiando CONTACONTOS

A verdade é que, a adaptación primeiro e despois o ensaio e posta en pé de cada conto que estamos a traballar, lévanos todo o tempo das sesións dos últimos luns, e máis; porque estamos a quedar en recreos e ata mediados de abril así continuaremos. Pero a cousa vai por bo camiño. 

Temos que destacar que as adaptacións dos contos feitas polos compañeiros do Club en cada grupo formado foron moi efectivas e todos fixeron un bo traballo de síntese. Vai tomando forma e vanse metendo cadanseu papel.

Xa temos os días sinalados para representar nos CRA de Salceda: será en abril os días 9 mércores e 10 xoves.

Vémonos mañá luns a mediodía, contadores de historias!!

Cándido Pazó é un bo exemplo a seguir na arte de contar historias nun escenario.

 Por certo! estará no noso instituto dentro de poucos días actuando para nós.

Deixo este enlace a un fragmento da representación de Cándido Pazó da adaptación que fixo sobre a "Memoria das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

1 mar 2014

FEBREIRO: TRABALLANDO CONTACONTOS

Seguimos a reunirnos en recreos, e sesións do Club de Lectura, como este luns 24 de febreiro a mediodía, para procurar tempo que adicarlle á adaptación e ensaio dos diferentes personaxes que cada un vai asumindo de cada conto. somos 5 grupos con 5 contos a representar. 



Decidimos que cada grupo fixera unha laboura de simplificación dos textos adaptados a nenos pequenos. Ademais pensamos que sería doado fundir os contos do lobo e os cabritiños coo de Carapuchiña vermella, así aforramos esforzos e traballo, xa que o tempo vense enriba. Nestas andamos...



Ánimo, que estades a facelo moi ben!!

1 feb 2014

XANEIRO de CONTACONTOS

      Co mes de Xaneiro comezamos o ano e tamén unha nova actividade. Levamos xa feitas dúas sesións do Club, a primeira para comentar o filme de Chaplin, e a última para poñernos de acordo na organización do CONTACONTOS, cunha participación dos Siareiros en pleno.


CONTACONTOS – CLUB DE LECTURA: SIAREIROS DA PALABRA

Obxectivo:

       - Achegar Infantil e Secundaria a través da actividade compartida dos maiores cos pequerrechos: CONTACONTOS.

            En setembro de 2013 na Biblioteca Calixtina tivemos unha proposta da mestra Paula, que imparte aulas no Raíña Aragonta e coordina as labouras de Bilbioteca, para levar a cabo unha colaboración entre os Centros de Infantil (CRA) de Salceda de Caselas e o IES Pedras Rubias, coa idea de realizar unhas  sesións de CONTACONTOS.

            Nunha reunión en Decembro consideramos que o mellor momento sería realizalo entre o 7 e o 10 de abril, na semana anterior as vacacións de Semana Santa (coincidiría ademais coa celebración da Semana da Literatura Infantil). Organizamos as representacións de varios contos, que repartimos en dúas mañás con 4 pases cada unha do seguinte xeito:

1-     Centro da Esfarrapada: (170 nenos/as)

-Realizaranse 4 sesións ao longo da mañá:

1-10-10’30h (comezamos cos maís pequenos)
2-11-11’30h
         Recreo de 11’30 a 12’30h
3-12’30-1h
4-1-1’30h (acabamos cos maiores)

2-      Diferentes CRA das Parroquias:

-Realizaranse 4 sesións ao longo da mañá:

1-Picoña/San Xurxo: 9’30-10h. (30 nenos/as)
2-Entenza/Barreiro: 10’30-11h. (30 nenos /as)
         Recreo de 11 a 12h
3-Soutelo/Budiño: 12-12’30h. (25 nenos/as)
4-Revolta/Fontán: 1-1’30h. (30 nenos/as)

            Participan unha vintena de  membros do Club de Lectura: “Siareiros da Palabra”, coordinados polos profesores Xoán González Leirós e Paula Fernández Bañuelos.   
            Formamos 5 grupos que están ensaiando 6 contos diferentes dos irmáns Grimm: Os músicos de Bremen, O xastriño valente, O burriño, Pulgarciño, O lobo e os sete cabritos, Carapuchiña vermella, que fundiremos en 4 sesións.



- A idea é adaptar os diálogos e a intervención dos narradores ao esencial, cunha linguaxe clara e efectista para un público infantil: vocalización, interiorización do papel, ton de voz adecuado a cada caso, asumir xestos e particularidades de cada personaxe, aprender a proxectalo ante un público infantil que responde ante as xesticulacións ou esaxeracións oportunas e ben calculadas.
- Atender certa ambientación básica: algún decorado, algúns detalles que caractericen a cada personaxe, pintura no rostro, vestimenta...

- Seleccionar música que poida reforzar o representado.

          Polo de agora estamos a engrasar motores e algo despistados, pero a cousa promete e vai resultar moi divertido.