Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

17 abr 2018

Curso 2017-2018


                                    Sesión do 26 de febreiro de 2018

     5ª sesión co grupo de 1º e 2º da ESO. Hoxe tiñan que traer lido o libro El Juego de Christopher.
Comezamos falando da historia e comparándoa coa película Wonder , comentando que este personaxe non aparece na película pero resulta ser moi importante xa que foi o primeiro amigo de August (o protagonista da saga).



    Limos en alto e comentamos algúns dos episodios que nos pareceron máis interesantes. Despois reflexionamos sobre a evolución de Christopher, que pasa de ser un rapaz moi déspota, que trata mal á súa nai  e que non presta a debida atención á súa amizade con August, a converterse nun rapaz moito máis responsable e que se decata da boa sorte que ten na súa vida, coa súa familia,  as súas amizades e a súa vida en xeral.

    Rematamos esta sesión lendo o seguinte libro da saga Wonder,  Charlotte tiene la palabra, que nos axudará a entender os conflitos, os problemas e as “estrañas” amizades que xorden ao comezo da Secundaria.

11 abr 2018

Curso 2017-2018


CLUB DE LECTURA
3º/4º ESO
SESIÓN DO 19 DE FEBREIRO DE 2018

Tocaba traer lido o libro CINCO CONTOS SOBRE VELÁZQUEZ, ou case. Balance desigual. Lembramos –reconstruímos- o argumento de cada conto e pasamos os cadros e algunhas historias mitolóxicas inspiradoras (caso de Aracné, por exemplo).





Falamos das sibilas:
Como consecuencia do encontro con Ignacio Sobradiel, Mercedes tivo todo o día o tema das sibilas vivo no pensamento.

Ao iniciarse nos estudos da cultura clásica xa lle chamara especialmente a atención. Foi lembrando aspectos daquelas personaxes, sempre mulleres, que no mundo antigo eran oráculos que tiñan o don de predicir o futuro, en especial feitos de tipo espiritual, relixioso ou político que, de se cumpriren, haberían de orixinar importantes consecuencias na vida das xentes e das nacións.
Segundo constaba en numerosos textos da Antigüidade clásica, e en moitos outros posteriores, elas desenvolvían a súa portentosa actividade á marxe de sacerdotes, templos e palacios, e buscaban a densidade dos bosques, a penumbra silenciosa das cavernas e a influencia inspiradora dos torrentes que baixaban das montañas ou dos ríos que fluían polos bosques e polas chairas fértiles.
Manifestaban as súas profecías en estado de transo ou éxtase, e as primeiras que existiron facíano en hexámetros gregos, que se pasaban á escritura para que permanecesen.”
(Os soños da sibila, Joan Manuel Gisbert, páxinas 45-46).




Tratamos de entender mellor o conto de INOCENCIO X (Daniel Nesquens). Por algunha razón –tal vez os nomes dos pintores que aparecen mencionados, a viaxe a Italia, a foto no xardín e os preparativos para o cadro ou unha lectura apresurada- a algunhas alumnas lle resultou difícil.


     
Para rematar proxectamos algúns fragmentos do vídeo de Televisión Española sobre o pintor (DIEGO VELÁZQUEZ O EL REALISMO SALVAJE) e, en especial, as interpretacións doutros pintores ( de Goya a Bacon), fotógrafos e cineastas.