Tras un comezo de curso apurado co traslado da biblio ao novo espazo comezamos por fin as sesións do club e despois da reunión incial do mes de outubro, para a posta en común deste curso e marcar novas lecturas e reunións, puidemos hoxe gozar dunha agradable xuntanza para compartir a nosa experiencia lectura coas obras hoxe propostas. No grupo de 1º e 2º (no que tamén temos algún alumnado de 3º) leron Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure, obra coa que puideron trasladarse aos campamentos de refuxiados saharauís e emocionarse coa historia de Kori e o seu camelo Caramelo. No grupo de 4º e 1º de BACH analizamos algúns relatos de Made in Galiza de Sechu Sende dos que o noso alumnado fixo unha lectura moi produtiva. Aquí vai unha mostra das reunións. Boas lecturas e vémonos na seguinte.
Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao
13 nov 2023
19 jun 2023
EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO DO CLUB DE LECTURA
O pasado xoves 15 de xuño o alumnado do club de lectura clausurou o curso facendo unha excursión literaria ao Monte Aloia (Tui).
Logo dunha camiñata asfixiante ladeira arriba ata a zona do merendoiro, houbo tempo para o lecer compartindo xogos de mesa da biblioteca.Despois do xantar, houbo un emotivo coloquio literario no que cada compoñente do club de lectura expuxo o seu libro preferido e fixo recomendacións de lectura para a inminente época estival. Seguidamente, fíxose un pequeno percorrido ata o punto máis alto para contemplar as fermosas vistas.
E xa para finalizar e adozar se cabe aínda máis a xornada, degustáronse uns saborosos e fresquiños xeados que axudaron a entoar cánticos no traxecto de volta no autobús.
Bonita convivencia que permanecerá no recordo dos compoñentes do club de lectura 22/23.
Resultou unha actividade moi agradable e agardamos poder repetir o próximo curso. Tamén esperamos seguir adiante co noso club e poder gozar de novo compartindo diferentes lecturas e puntos de vista cos que poder enriquecernos. Aquí deixamos unhas fotiños dese día.
BOAS LECTURAS E BO VERÁN PARA TODOS E TODAS!!! AGARDÁ
MOSVOS O PRÓXIMO CURSO!!!!
8 jun 2023
ÚLTIMA SESIÓN CLUB
O luns 5 de xuño tivemos a nosa última reunión. Un grupo compartiu reflexións acerca do poemario de Berta Dávila "A pel do mundo" e o outro grupo de 1º e 2º leron "A nena lectora" de Manuel Rivas. En cuarto últimas reflexións acerca de "Los deseos oscuros" de Begoña Gil González. Lecturas proveitosas coas que gozamos e aprendemos.
19 may 2023
SESIÓN 15 DE MAIO
O luns 15 de maio volvemos reunirnos no club de lectura. Os grupos de 1º e 2º remataron con Ana Frank nun dos grupos e por outra banda o grupo de 4º falou sobre as súas impresións a partir da lectura de Los deseos oscuros de Begoña Gil Gónzalez. Ademais neste grupo de 4º aproveitamos para lermos composicións poéticas e de relato curto escritas por eles e elas. Resultou moi agradable e fixémolo ao aire libre, aproveitando o bo tempo que nos acompañou. Deixamos unha fotiño coa rapazada de 4º durante as súas lecturas.
13 may 2023
CHEGANDO A FIN DE CURSO
Durante estes meses os nosos grupos do club seguiron coas súas lecturas. En 4º de ESO, tras o encontro coa autora Begoña Gil González, leron algúns fragmentos de Un pequeño empujón, de Richard H. Thaler, con Pablo o profesor de Economía.
Tamén realizamos unha sesión poética debullando os poemas de Aplicación instantánea de Carlos Negro. Aproveitando un día de sol fixémolo no patio de fóra e lemos e comentamos en voz alta todo o que nos ofreceu este poemario fresco e actual co que se sentiu moi identificado este alumnado.
Durante este tempo a autora de Esto no es el CSI sacou ao prelo un novo libro no que Lila Madrigal ten que enfrontarse a un novo caso polo que o alumnado de 4º quixo facer un cambio de plans e cambiar algún dos títulos previstos por este outro xa que crearon un vínculo moi especial coa autora. Así que nos embarcamos na lectura de Los deseos oscuros. Seguimos así achegándonos á literatura da contorna máis próxima, a propia vila de Salceda pero agochada baixo o nome de Luanova. Trasladarémoslle a Begoña, a autora, as nosas impresións sobre esta nova obra.O grupo de 1º e 2º seguiu adiante coas súas lecturas, entre elas Amar unha serea , A nena lectora e Ana Frank, la memoria del holocausto. Con elas aprendemos sobre a importancia da amizade, do respecto, da tolerancia e da lectura a través dunha revisión tamén da historia recente e dunha visita virtual á casa de Ana Frank.Ademais de todo isto o día 17 de abril fixemos unha sesión conxunta de todos os grupo para falarmos sobre a obra de Fina Casalderrey Dúas letras, que contén un precioso documental protagonizado por ela e a súa nai co que aprendemos a importancia da lectura e a dureza da emigración vivida en Galicia. Foi unha sesión moi emotiva na que mesmo agromaron algunhas bágoas. Ademais puidemos contar coa conversa da profe Loli, amiga de Fina e da súa nai que nos achegou aínda máis a esta historia. Moi enriquecedor.