Durante estes meses os nosos grupos do club seguiron coas súas lecturas. En 4º de ESO, tras o encontro coa autora Begoña Gil González, leron algúns fragmentos de Un pequeño empujón, de Richard H. Thaler, con Pablo o profesor de Economía.
Tamén realizamos unha sesión poética debullando os poemas de Aplicación instantánea de Carlos Negro. Aproveitando un día de sol fixémolo no patio de fóra e lemos e comentamos en voz alta todo o que nos ofreceu este poemario fresco e actual co que se sentiu moi identificado este alumnado.
Durante este tempo a autora de Esto no es el CSI sacou ao prelo un novo libro no que Lila Madrigal ten que enfrontarse a un novo caso polo que o alumnado de 4º quixo facer un cambio de plans e cambiar algún dos títulos previstos por este outro xa que crearon un vínculo moi especial coa autora. Así que nos embarcamos na lectura de Los deseos oscuros. Seguimos así achegándonos á literatura da contorna máis próxima, a propia vila de Salceda pero agochada baixo o nome de Luanova. Trasladarémoslle a Begoña, a autora, as nosas impresións sobre esta nova obra.O grupo de 1º e 2º seguiu adiante coas súas lecturas, entre elas Amar unha serea , A nena lectora e Ana Frank, la memoria del holocausto. Con elas aprendemos sobre a importancia da amizade, do respecto, da tolerancia e da lectura a través dunha revisión tamén da historia recente e dunha visita virtual á casa de Ana Frank.Ademais de todo isto o día 17 de abril fixemos unha sesión conxunta de todos os grupo para falarmos sobre a obra de Fina Casalderrey Dúas letras, que contén un precioso documental protagonizado por ela e a súa nai co que aprendemos a importancia da lectura e a dureza da emigración vivida en Galicia. Foi unha sesión moi emotiva na que mesmo agromaron algunhas bágoas. Ademais puidemos contar coa conversa da profe Loli, amiga de Fina e da súa nai que nos achegou aínda máis a esta historia. Moi enriquecedor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario