SESIÓN DO 6 DE NOVEMBRO DE 2017
Case pleno de asistencia dos alumnos anotados no club de
lectura de 3º e 4º de ESO (arredor de 20) na primeira sesión parece un bo
signo, sobre todo cando, máis alá do nome, descoñecen totalmente o contido e os
ingredientes do que se vai cociñar aquí. Parabéns, pois, para elas, e para eles, por destemidas/os.
E a verdade é que todo foi rodado.
Antes de entrar en materia houbo que poñerse formais e
acoutar maneiras de estar, compromisos, procedementos e aspiracións, pois un contexto
de acougo, de concentración distendida, de suavidade e respecto no trato fan
máis doada a palabra libre e fluída,
razoada, tal vez creadora, que se agarda da actividade que agora iniciamos.
Presentamos a continuación os libros elixidos. Obedecen
ao criterio común de achegarnos ás artes (“territorio das artes”, lema das
bibliotecas). Nada de sistematizacións; un pouco ao chou, pero con calidade.
Comezaremos por O
armiño dorme, novela extraordinaria de X.A. Neira Cruz, que nos permitirá
meternos na Florencia do século XVI da man da súa protagonista, Bianca de Médicis.
Seguiremos cun pintor barroco, Diego Velázquez. Para achegarnos a el escollemos o libro Cinco contos sobre Velázquez, da editorial Oxford, con cinco autores, entre os que volve toparse Neira Cruz
Pasaremos despois a Goya. Para iso leremos o libro de Vicente
Muñoz Puelles titulado El vuelo de la
razón (Goya, pintor de la libertad).
Remataremos con Van Gogh e o libro O pintor do sombreiro de malvas, do escritor Marcos Calveiro.
Temos algúns outros libros en
reserva. A súa lectura dependerá do ritmo que sexamos capaces de imprimir nas
sesións.
Ademais
iremos vendo documentais e algunha película que axuden a comprender mellor
tanto os textos como os pintores.
Para
rematar a sesión fixemos unha lectura colectiva da introdución de O armiño…
No hay comentarios:
Publicar un comentario