Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

23 ene 2017

Agustín Fernández (III)





O 23 de xaneiro  falamos de RAPAZAS, cun balance lector semellante ao anterior (demasiadas tarefas escolares? Demasiadas ocupacións extraescolares?). De novo fixemos lectura colectiva, orientada polas boas lectoras. Os contos elixidos foron QUERIDA AVOA e A PRIMEIRA META. O primeiro deu lugar a un pequeno debate sobre inmigración con bastantes referencias espontáneas á realidade cercana, a persoas con pensamentos semellantes aos de mamá Sara, que consumiu o noso tempo. Quedaron suxerencias no aire, como preparar marcadores con fragmentos para convidar á lectura ou para motivar o vindeiro  8 de marzo (ai, aquel CURSO CON ANA!). Andaremos. Agora pararemos nas dramatizacións.

19 dic 2016

"As laranxas de Carlos Casares" II

                                                                  Sesión: luns 19 de decembro


Despois de pór en común a experiencia dos diversos membros do club que puxeron en práctica a lectura dun conto a algún amigo ou familiar pequecho, todas moi positivas, e todos encantados da experiencia. Retomamos a figura de Carlos Casares, falamos un chisco do "Principiño", e lanzámonos a unha primeira aproximación da obra "As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas", vendo as primeiras dificultades técnicas para a súa representación, manifestando preferencia dos alumnos/as polos distintos papeis, intentando darlle un primeiro sentido ao texto. Os membros do club quedaron encantantados co proxecto de preparar a súa representación, polo que na próxima sesión comezaremos os primeiros ensaios.
Antes de dar por rematada a sesión de hoxe lemos algúns contos de "A galiña azul", e explicamos de forma básica como se pode transformar un pequeno relato nunha obra dramática. Repartimos os distintos contos e por grupos quedaron encargados de facer unha primeira adapatación deste textos, que tentaremos perfeccionar en próximas reunións para que os membros do outro grupo do Club poida tamén participación na representación que temos idea de facer no mes de maio polas distintas escolas do concello.
 

13 dic 2016

Agustín Fernández Paz (II)



Días antes do Nadal xuntámonos para falar de CONTOS POR PALABRAS. Un pequeno grupo de alumnas fixo unha lectura completa do libro. Un grupo máis amplo leu algúns contos. Algúns alumnos non leron nada. Para eles, para metelos nos textos, fixemos lectura colectiva de fragmentos. Para os demais ese exercicio serviu para poñernos en situación e facer un pequeno debate. Gustounos a variedade de narracións, de historias; o artellamento destas a partir da realidade, para cambiala ou facela máis divertida; e que ás veces atopamos historias dentro doutras historias. Menos unanimidade houbo no que chamamos “historias sen final”ou “historias con final aberto”. Algúns preferían un final claro, tal vez encontrar a dona daquela outra chave da felicidade. Pero as cousas suceden doutro xeito. Alguén desexaría unhas historias máis longas e a outros pareceulle arbitraria a escolla de personaxes para apareceren na portada de Enjamio. Así que aquí va dúas portadas alternativas:





Ariadna e Elena escribiron ademais uns breves comentarios:

“Este libro gustoume moito porque cada relato é sacado dun anuncio de periódico e trata temas moi diferentes: hai de humor, de medo... E o autor explica de onde sacou as ideas”. (Ariadna)

 “O libro CONTOS POR PALABRAS gustoume porque me pareceu un libro moi interesante, xa que non coñecía ningún libro no que as historias saísen de algo tan real como os anuncios por palabras do periódico. Tamén me gustaron moito os debuxos que traía cada historia do libro. Eu recomendaríao para os nenos de primaria, xa que lles gustaría moito”. (Elena)

Aí quedan.


28 nov 2016

Agustín Fernández Paz (I)



 Toma de contacto, formación dun grupo de lectoras (e algúns lectores), bases previas, breves normas ambientais (elementais) para, nalgún intre, eclosionar como conversadoras; compromisos: biblioteca, actos de lectura pública, colaboracións. E logo Fernández Paz. Se había tantos motivos, se era tan inevitable e tan doado antes iniciarse como bos lectores a  través de libros tan ben matinados, imaxinados e escritos, inescusable resulta agora a homenaxe mergullándonos na súa corrente definitiva. Comezamos por Contos por palabras. Alguén do grupo xa o leo no curso pasado, a outras sóalle dos libros de texto ou de velo nos andeis da biblioteca. As avanzadas introdúcennos e destacan tres contos: “A chave da felicidade!” (Unha chave non é suficiente), “Spiderman! (Ser superheroe non é nada doado) e “o do león! (Un león en apuros). Avanzan argumentos. Ven mesturado un unicornio. Buscamos a canción de Silvio Rodríguez, a letra (o poema). O tempo aprémanos. Repartimos libros para que todos o traian lido o próximo día. RAPAZAS irá en xaneiro. Fotos. Fotos.



21 nov 2016

"As laranxas de Carlos Casares" I



Sesión: Luns 21 de novembro

1.     Literatura infantil, xuvenil e para adultos

2.     Principais obras e autores da literatura infantil e xuvenil en galego, castelán e outras linguas.

3.     As traducións: O principiño

4.     Carlos Casares: datos biográficos e principais obras.

5.     Lectura dalgunha obra infantil a algún cativo/a.

Nesta primeria sesión reflexionamos sobre as diferencias entre a literatura infantil, xuvenil e a destinada a un público adulto, revisando algúns dos títulos máis sobranceiros de cada apartado. Os límites entre a literatura dirixida a distintos públicos quedou en entredito a partir da obra "O principiño" (1943) de Antoine de Saint-Exupéry, que algúns alumnos veñen de ler recentemente, descubrindo novos aspectos non captados na primeira toma de contacto co libro hai anos.
A partir do libro do "Principiño" centrámonos na figura dos traductores, valorando o seu papel dentro do mundo literario. Centrámonos na tradución de Carlos Casares, a primeira do Principiño en galego, alá polo ano 1972. Xogamos nós tamén a tradutores, e a partir do texto en inglés e en francés do Principiño escribimos as nosas propias traducións, comparándoas logo coa versión de Casares.
Cando iamos centrarnos en aspectos biográfiocos de Carlos Casares chamou a televisión ás nosas portas... Seica andaban polo instituto os do canal de fútbol Bein Sports a gravar unha reportaxe sobre o futbolista do FC Barcelona e exalumno do noso instituto, Denis Suárez. E claro non desaproveitamos a oportunidade de amosar a nosa Biblioteca Calixtina a todos os amantes de fútbol... e a ver se de paso os animamos a ler un pouco. Fútbol e literatura, tantas veces tan distantes. Aproveitamos para desexarlle moita sorte a Denis.

Antes de rematar esta sesión  invitamos aos compoñentes do noso Clube a que nas vindeiras semanas lles leran contos a cativos que teñán próximos, os contos de Casares ou calquer outro... e na próxima sesión intercambiaremos experiencias.