Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

11 dic 2012

CRITERIOS E NORMAS PARA FORMAR PARTE DO CLUB DE LECTURA

   Érase unha vez un club de lectura  ao que quixeron pertencer tantos "siareiros da palabra" que tivemos que establecer por acordo unhas normas para poder entendernos, falar e escoitar.

   Consideramos que sería práctico publicalas no noso blog para que todos as teñamos en conta.



I
NORMAS E COMPROMISOS
 DOS MEMBROS DO CLUB DE LECTURA

15 nov 2012


O luns día 29 de Outubro fixemos a primeira reunión do Club de lectura, que serviu de presentación dos novos membros, (asistiron 30 dos 51 que  forman o Club este ano) e tamén de reflexión ante uns criterios e normas de convivencia que elaboramos para favorecer a comunicación e a dinámica do grupo. (enlace)
            De seguido, puidemos escoitar dun xeito espontáneo as recomendacións das lecturas favoritas de moitos dos presentes: Trece anos de Branca, Los juegos del hambre, Abdel, Charlie y la fábrica de chocolate, Seré tu héroe, Diario violeta de Carlota, Buenos días princesa; ata un libro portugués sobre o mundo das drogas: A lúa de Xoana, que nos recomendou Gwen; sen deixar de nomear o entusiasmo de David Gómez falando da Guía moogle del mundo mágico, onde descubrir a maxia a través da maxia, en relación aos relatos de Harry Potter.
            Anunciamos os libros que leremos en novembro:
 

A banda sen futuro de Marilar Aleixandre para o 1º ciclo,
La gramática del amor de Rocío Carmona para o 2º ciclo.

 A nosa intención é traballalos en relación á presenza da música que atopamos en cada un deles. Cremos que as sesións que fagamos serán de gran interese e atractivo.
            Para finalizar, o profesor Xoán deu cunha páxina web moi boa onde se fan entrevistas a diferentes escritores e escritoras: conoceralAutor. Eliximos escoitar as palabras de Elvira Lindo. Mais,  non deu tempo a facer todo o que pensabamos, pero para empezar está moi ben…

Sentimos  e pedimos desculpas porque houbo algúns compañeiros e compañeiras que non pudieron asistir porque non lles chegou a autorización no seu debido momento, pero podedes deixarnos aquí os vosos comentarios e así facer extensiva a vosa participación.

Xa temos exemplares do libro A banda sen futuro, que podedes pasar a recoller á biblioteca. Os outros chegarán esta semana.

19 jun 2012

V Xornada dos clubs de lectura


Certo, alí estivemos en sábado, cansos pero gardando o tipo, para asistir a esta  xornada que este ano tiña a novidade de invitar a alumnas e alumnos e pais e nais que participan en Clubs de Lectura.

Do noso Club acompañáronme tres compañeiros (sentimos a ausencia de David por un imprevisto), que xuran que o pasaron moi ben e que tivo interese para eles o alí falado e compartido, malia estar un día enteiro metidos nun espazo de conferencias e charlas.  Proba superada e volta a casa cun Diploma acreditativo da vosa asistencia. Noraboa e grazas por asistir!

Quen mellor ca eles para facernos unha crónica do acontecidoEste ano a convocatoria da V Xornada de Clubs de Lectura tivo unha moi boa acollida por parte dos alumnos/as e profesores de todos os institutos galegos que puideron acudir, pese a ser fin de semana.

Os nosos acompañantes: José Barros, Javi González, Isaac Casal e Sergio Pérez
O día 9 de xuño celebrouse en Santiago e o alumnado puido disfrutar, entre outras cousas: da presentación, de diferentes obradoiros (como o de poesía, cómic ou o do rap), e dos diferentes agasallos e sorpresas. Para repoñer forzas, alumnado e profesores degustaron dunha boa gastronomía.

O día foi perfecto, a excepción da choiva, pois coñeceuse a xente nova, compartirónse opinións, entregáronse diplomas e demáis sorpresas.

Quizais foi un pouco cargado, pois a presentación e as charlas foron un pouco longas para escoitalas nun sábado madrugador, pero polo demais, foi todo moi divertido a agradable. Sen dúbida unha boa alternativa (pois foi moito máis ca unha saída) para disfrutar dun día como o sábado.

Esperamos que chegue o ano que vén para poder disfrutalo de novo, e que máis alumnos/as do I.E.S. Pedras Rubias nos representen na próxima.

Mr. Casal
                                                                                                          Mr. Barros
                                                                                                          Señorito González

Persoa libro: Sara do IES de Mugardos. Recita "Cartafol de saudade" de Xosé María Pérez Parallé.

Persoa libro: Marta, tamén do IES de Mugardos era "Obra viva" de Avilés de Taramancos.

6 jun 2012

Fahrenheit 451


Que hai de novo? 

Non, non nos esquecimos de todos vós, é que tivemos demasiado traballo e non tivemos tempo de  asomarnos a está ventá, que agora queremos adornar con esta nova entrada sobre a lectura da novela de ciencia ficción Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, que foi a última que comentamos no faladoiro do Club de Lectura este mes de Maio. Foi unha conversa moi interesante entre un pequeno grupo de “siareiros da palabra” e agora queremos que os que non poidéchedes estar alí, e todos os que así o desexedes e teñades na cabeza esta atractiva historia, crítica coa sociedade real a través dun futuro hipotético, teñades a ben deixar escritos os vosos comentarios e pareceres sobre este libro, que esperamos impacientes.

Premendo no enlace do título podedes visionar unha das escenas máis famosas da adaptación cinematográfica feita por François Truffaut en 1966.

FICHA DE LECTURA:FAHRENHEIT 451

TÍTULO: Fahrenheit 451
AUTOR: Ray Bradbury
LUGAR DE PUBLICACIÓN: Vigo
EDITORIAL: Edicións Xerais de Galicia
COLECCIÓN: Fóra de Xogo
ANO DE PUBLICACIÓN: 1953
PUBLICADO EN GALEGO: 2005
PREMIOS:

SOBRE O AUTOR:

Ray Bradbury naceu en 1920 en Waukegan, Illinois. Durante a Gran Depresión trasladouse coa súa familia a Os Ánxeles, onde se graduou en 1938 en Os Ánxeles High School. A súa educación académica acabou aí, pero continuou formándose por conta propia ata que en 1943 convertiuse en escritor profesional.
As súas obras máis coñecidas son Crónicas marcianas (1950), O home ilustrado (1951) e Fahrenheit 451 (1953). Bradbury non só é novelista, tamén escribiu innumerables guións de televisión, ensaios e poemas. A súa preocupación como escritor non só se centra en cuestionarse o modo de vida actual, tamén se adentra no reino do fantástico e marabilloso, cun estilo poético e, ás veces, provocativo. Na súa nenez, Bradbury foi moi propenso aos pesadelos e horribles fantasías, que acabou por plasmar nos seus relatos moitos anos despois.

ARGUMENTO:  Fahrenheit 451 é a temperatura á cal nun libro prende o lume e arde. Guy Montag é bombeiro, pertence ao Departamento do Lume que persegue os disidentes que se atreven a ler, e o seu traballo consiste en queimar libros, que están prohibidos e son fonte de discordia e infelicidade. Montag séntese desgraciado: o seu matrimonio está en crise. Acaso hai libros agochados na súa casa?. Un clásico da literatura do século XX, antiutopía en que os libros están prohibidos e un grupo secreto de libros viventes se esforzan en transmitir de boca en boca a antiga cultura.

CUESTIÓNS:

1-Tema (en dúas liñas)
2-Argumento (máximo 20 liñas)
3-Caracterización dos personaxes principais.
4-Describe a sociedade da historia e como son as persoas que viven nela.
5-Cres posible un mundo sen literatura, sen contos, sen libros?
6-Conclusión e valoración persoal.

Tamén nos gustaría que lle botásedes unha ollada ao seguinte video sobre unha curiosa  experiencia que xurdiu aquí en  España, baseada na existencia de “persoas libro” que os memorizan para poder contalos e que pervivan na nosa memoria oral.




Interesante, non?


Os coordinadores do Club de Lectura

26 ene 2012

Ano novo, libro novo: "Un viejo que leía novelas de amor" de Luis Sepúlveda



FICHA DE LECTURA:

UN VIEJO QUE LEÍA NOVELAS DE AMOR

TÍTULO: Un viejo que leía novelas de amor
AUTOR: Luis Sepúlveda
LUGAR DE PUBLICACIÓN: Barcelona
EDITORIAL: Tusquets Editores
COLECCIÓN: Maxi
ANO DE PUBLICACIÓN: 1989
PUBLICADO EN ESPAÑA: 1993. Esta é a 9ª edición, 2011
PREMIOS: Premio Tigre Juan

SOBRE O AUTOR:

     LUIS SEPÚLVEDA naceu en Ovalle, Chile en 1949. Percorreu case todos os territorios posibles da xeografía e as utopías, do Amazonas ao Sahara, da Patagonia a Hamburgo ou ao barco de Greenpeace. Desa vida axitada deu conta en obras como Mundo del fin del mundo, Patagonia Espress, Historia de una gaviota. Un viejo que leía novelas de amor está traducida a 33 idiomas e con vendas millonarias, foi a novela que lle deu máis fama. Nesta obra enlaza con harmonía a exuberancia tropical, a falsa inxenuidade e a verdadeira sabiduría.

CUESTIÓNS para guiar o coloquio sobre a lectura:

1-Tema
2-Argumento
3-Caracterización dos personaxes principais
4-Cres que o entorno é protagonista?
5-Que relación teñen os personaxes co seu medio?
6-Cal desas actitudes che parece máis positiva e coherente?
7-Cres que respectamos o medio no que vivimos e as diferentes culturas que nel habitan?
8-Conclusión e valoración persoal.

Recordade que as reunións do club son:

-         Luns 30 de xaneiro ás 15:00 h para 3º e 4º ESO.
-         Luns 6 de febreiro ás 15:00 h para 1º e 2º ESO.

7 nov 2011

O pintor do sombreiro de malvas

Abrimos a xeira dun novo curso coa xuntanza do noso Club o pasado luns 17 de outubro – temos que dicir que máis nutrido que nunca- pois na maís comezar xa tiñamos un número tan elevado de peticións para participar nel que nos vimos obrigados a establecer unhas pautas de compromiso e de saber estar para participar en cada sesión que convoquemos un luns de cada mes. Como somos uns 70 membros lectores decidimos facer dous grupos por cada ciclo da ESO e convocar en días diferentes.  Aínda así seguimos a ser moitos, e polo de agora tivemos que decidir -moi ao noso pesar- que restan en espera outras persoas que tamén queren formar parte do Club de Lectura.

Na primeira sesión fixemos a presentación, falamos de acordos, e entre uns e outros recomendamos as ultimas lecturas preferidas de cada quen, cun intercambio de ideas moi interesante e variado. Coñecimos a novos compañeiros e compañeiras de 1º, que están encantados e parecen ter moito que aportar.
Como este ano o eslogan da Biblioteca é “As Artes e as Letras” quixemos empezar coa lectura de

Marcos Calveiro: "O pintor do sombreiro de malvas”
 Vigo: Edicións Xerais, Colección Fóra de Xogo, 4ª edición, 2011.

Novela que recrea as preocupacións dun adolescente e a súa relación co pintor Vincent Van Gogh durante o verán de 1890; toda unha figura que nos serve para coñecer e disfrutar a súa obra pictórica e adentrarnos no seu significado.

Queremos recordar que tedes tempo dabondo para ler este libro, pois decidimos que as seguintes sesións serán:

-          21 Novembro luns: 3º e 4º ESO
-          28 Novembro luns: 1º e 2º ESO

Así que a todas aquelas persoas que queiran comentar e compartir as  ideas  e sensacións que lle transmitiu esta historia, podemos recomendarlle que comece ese “Caderno de Notas das miñas lecturas” onde pode ir apuntándoas, para así cando chegue o día da xuntanza recordar o lido e conservar unha ficha cos datos do libro e cos comentarios  e valoracións persoais.

Ah! Tamén podedes ir deixando comentarios nesta entrada do blog.

Anticipamos que no mes de Decembro xuntarémonos nunha  sesión para ver un filme sobre a vida do pintor e así completar o noso achegamento.

¡¡ESPELIDE, BULIDE, 
QUE OS EXEMPLARES DO LIBRO XA ESTÁN RODANDO DE MAN EN MAN!!

29 jun 2011

Despedímonos ata setembro.

Non podíamos atopar unha forma de despedírmonos máis fermosa que estes paragrafos escritos por Rosa Aneiros no pregón que fixo para a Feira do Libro de Ferrol. Todo un canto de loubanza aos clubes de lectura e á súa revolución silenciosa:

"...Segue habendo un mundo agardando por nós en cada libro. Seguen querendo contarnos historias. Cousas do cotío, pulsos contra a tristura para facernos felices.

Por iso hoxe quixen traer comigo un ronsel de faíscas luminosas, un ronsel de esperanzas.

Escoitaron vostedes falar algunha vez dos Morcegos de Canido? Dos pantasmas de papel de Neda? Do Sansaliber de San Sadurniño? Do Segrel de Neda? Dos siareiros de Sofía ou de Saturnino Hermida? Saben vostedes de que lles falo? Fálolles da gran revolución silenciosa que está a sacudir dende hai uns anos as bibliotecas públicas de Galicia, tanto as dos centros de ensino como aquelas municipais. Falo dos clubs de lectura. Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura. Actualmente están funcionando douscentos clubs de lectura en centros de secundaria en Galicia. Estes clubs acollen tanto a alumnado como a pais e nais que participan do coloquio, que comparten a extraordinaria experiencia lectora. Ademais destes douscentos centros están aqueles vinculados a bibliotecas municipais, tamén as que nacen ao abeiro dos centros de primaria. Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis. É por iso que non lles abonda con clubs, pequenos encontros nos centros públicos, nas aulas. Non, querenmáis. Todos os clubs reúnense fóra de horario lectivo, nos recreos, nas pausas do xantar, polas tardes... cando poden. Renuncian ao seu lecer privado por falar de libros. De libros! Pero xa non abonda cos libros en xeral, hai clubs de lectura de manga, de novela realista, de misterio, de ciencia ficción, de poesía... Xa non abonda coas reunións presenciais, teñen blogs nos que van avanzando os progresos nas lecturas, póñenlles música, vídeos, falan de arte, organizan excursións a escenarios literarios. Tampouco abonda xa coa experiencia dos compañeiros e compañeiras de aulas. Deciden reunirse na rúa, nos parques, nas bibliotecas, con membros doutros clubs e partillar escenas, personaxes, cancións, tramas, finais felices ou tristes, citas literarias."

"... É unha revolución silenciosa realmente extraordinaria.

Non é ruidosa, nin mediática, nin dolorosa, nin interesada, nin sanguenta, nin de profundo fedor a petróleo ou gas. Aquí, nestas aulas de esperanza, falan de libros, de historias que os sacoden, de novelas e poemas que andan e desandan nas súas cabezas inquedas. É a revolución da xente nova que nos estamos perdendo porque é máis doado desprezar os seus hábitos e dicir que tolean coa tele ou con Internet ca meternos no que de verdade eles aman. No que len. No que lles gusta. No que odian. No que de verdade os fai soñar. E saben quen promove e fai virar esta espiral? Eles e elas mesmas coa axuda do profesorado quen, sen ningún tipo de compensación curricular ou económica, entrega o seu esforzo, o seu tempo, en aprenderlles a voar."

Grazas, Rosa, e a vós felices vacacións e pracenteras lecturas!