Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

22 may 2014

A GALIÑA AZUL E OS CONTACONTOS

Hoxe, xoves 22 de maio, estivemos representando os CONTACONTOS aos pequerrechísimos da GALIÑA AZUL de Salceda. 



Tiñamos certo temor de facerlles sentir medo con lobos, ladróns e demais personaxes dos contos. Algo choromicaron, pero, segundo palabras das súas coidadoras, estaban encantados porque non se movían do sitio; pois cando algo lles aburre, deseguido se levantan ou están a outra cousa. 


Cun público tan especial e esixente, quen sabe!!

A experiencia volveu ser moi gratificante para todas e todos. Así que, esperan que, unha vez iniciada esta actividade sexamos quen de darlle continuidade para o ano...

17 may 2014

Representamos CONTACONTOS na GALIÑA AZUL. Xoves 22 Maio.

De novo toca prepararse e reunírmonos este luns 19 a mediodía para ensaiar os Contacontos, porque, como xa anunciamos, chamáronnos da Escola infantil "A GALIÑA AZUL" do noso concello, para ir representar. Faremos unha sesión cos 4 contos, este xoves 22 de Maio, entre 10'30 h e 11'30 h.

Como iamos dicir que non...! 

Agradecemos a petición e poñerémonos unha vez maís a tentar facelo o mellor posible. 


Así que, este luns non podemos faltar ninguén. Alí disporemos todo o necesario...

ÁNIMO E ,ANTE TODO, MOITA CALMA!!

29 abr 2014

LER en MAN COMÚN destaca os Siareiros da Palabra

Deixamos constancia da mención que a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta vén de facer no seu blog Ler en Man Común, onde destaca a laboura do noso Club de Lectura coa colaboración entre centros educativos, compartindo lecturas e promocionando a narración oral a través da actividade dos Contacontos.

Este luns asistimos á reunión do Club para facer balance da experiencia e intercambiar pareceres. Hai que dicir que mereceu o esforzo, e incluso fomos quen de facer algo de sana autocrítica, xa que sempre hai cousas mellorables.

Tentamos facer o comentario da lectura do libro de Marilar Aleixandre, "A expedición do Pacífico",que quedara aprazado, pero os compañeiros estaban demasiado "efervescentes" para calquera comentario literario, para o que é mester a tranquilidade...


17 abr 2014

SAÍMOS DE XIRA COS CONTACONTOS

Despois de meses de planificación, elección dos contos, adaptación, ensaios e posta a punto no útimo momento, por fin os días 9 e 10 de abril representamos ante os maís pequerrechos do lugar os CONTOS DOS IRMÁNS GRIMM.


Cando a principio de curso nos fixeron esta proposta dende os CRA de Salceda, non pensamos que ía ter tanta aceptación por parte da maioría -por non dicir todos- dos SIAREIROS DA PALABRA, que facendo honor ao seu nome, deixáronnos sorprendidos das súas destrezas para traballar en grupo, repartir o traballo e colaborar para adaptar primeiro cada un dos contos dos seleccionados, e despois para ler, repartir os papeis, facerse co personaxe, coa súa voz, cos xestos, con algún aderezo distintivo e chamativo a modo de vestimenta... Chegou o momento de poñernos en pé, en situación e empezar a compoñer a escena do xeito máis equilibrado e atractivo para o pequeno público, sen deixar de amilanarnos á hora de buscar solucións ás pasaxes máis complicadas, que case sempre funcionan con recursos prácticos, sinxelos, pero conservando a súa capacidade de suxestión.



En realidade, acabamos facendo unhas representacións que podemos situar a medio camiño entre o Contacontos e o Teatro, mesturando ingredientes dos dous xéneros. O obxectivo era contar historias tendo presente a figura do narrador, a presenza do libro, da palabra, da oralidade, pero ao mesmo tempo, conseguir que das palabras do narrador foran saíndo as imaxes e cobraran vida nun plano de fondo os personaxes e as súas andainas; e aderazalo todo de notas de cor, de distintivos básicos pero efectivos aos ollos dos nenos e nenas e, como non, enmarcalo nun decorado colorista que acotase o espazo da representación e unificase dalgún xeito as diferentes historias, que acaban por desenvolverse nun inquietante pero encantador bosque.



Dar, deunos traballo...

O maís interesante foi comprobar como cada un foi deixando a timidez, os temores, o medo escénico a un lado e foron saíndo deles destrezas que non coñecían na maioría dos casos, e a forza de enfrontarse ao público foi mellorando a posta en escena. Temos que dicir, para ser xustos, que contamos cun elenco de actores que promete e que, unha vez vencida a inquedanza inicial, ata se atreveron a improvisar espontaneamente en escena enriquecendo as historias coas súas aportacións, ocorrencias e sentido do humor.



Así pois, do Club de Lectura pode saír unha boa canteira de actores que ben poderán incorporarse cando cheguen a 3º ESO ao Grupo de Teatro MUTIS POLO FORO. Só  dúas cousas: destacar que esta actividade colaborativa de grupo foi do maís estimulante e fecunda e agradecer a todas-os Siareiros da Palabra o seu entusiasmo.

Ah, que saibades que temos demanda de máis representacións!

Aquí deixamos constancia fotográfica das diferentes seisóns que fixemos en 3 intensos días.

 



...pero divertirnos e rir, rimos un rato longo...





30 mar 2014

MARZO-ABRIL ensaiando CONTACONTOS

A verdade é que, a adaptación primeiro e despois o ensaio e posta en pé de cada conto que estamos a traballar, lévanos todo o tempo das sesións dos últimos luns, e máis; porque estamos a quedar en recreos e ata mediados de abril así continuaremos. Pero a cousa vai por bo camiño. 

Temos que destacar que as adaptacións dos contos feitas polos compañeiros do Club en cada grupo formado foron moi efectivas e todos fixeron un bo traballo de síntese. Vai tomando forma e vanse metendo cadanseu papel.

Xa temos os días sinalados para representar nos CRA de Salceda: será en abril os días 9 mércores e 10 xoves.

Vémonos mañá luns a mediodía, contadores de historias!!

Cándido Pazó é un bo exemplo a seguir na arte de contar historias nun escenario.

 Por certo! estará no noso instituto dentro de poucos días actuando para nós.

Deixo este enlace a un fragmento da representación de Cándido Pazó da adaptación que fixo sobre a "Memoria das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

1 mar 2014

FEBREIRO: TRABALLANDO CONTACONTOS

Seguimos a reunirnos en recreos, e sesións do Club de Lectura, como este luns 24 de febreiro a mediodía, para procurar tempo que adicarlle á adaptación e ensaio dos diferentes personaxes que cada un vai asumindo de cada conto. somos 5 grupos con 5 contos a representar. 



Decidimos que cada grupo fixera unha laboura de simplificación dos textos adaptados a nenos pequenos. Ademais pensamos que sería doado fundir os contos do lobo e os cabritiños coo de Carapuchiña vermella, así aforramos esforzos e traballo, xa que o tempo vense enriba. Nestas andamos...



Ánimo, que estades a facelo moi ben!!

1 feb 2014

XANEIRO de CONTACONTOS

      Co mes de Xaneiro comezamos o ano e tamén unha nova actividade. Levamos xa feitas dúas sesións do Club, a primeira para comentar o filme de Chaplin, e a última para poñernos de acordo na organización do CONTACONTOS, cunha participación dos Siareiros en pleno.


CONTACONTOS – CLUB DE LECTURA: SIAREIROS DA PALABRA

Obxectivo:

       - Achegar Infantil e Secundaria a través da actividade compartida dos maiores cos pequerrechos: CONTACONTOS.

            En setembro de 2013 na Biblioteca Calixtina tivemos unha proposta da mestra Paula, que imparte aulas no Raíña Aragonta e coordina as labouras de Bilbioteca, para levar a cabo unha colaboración entre os Centros de Infantil (CRA) de Salceda de Caselas e o IES Pedras Rubias, coa idea de realizar unhas  sesións de CONTACONTOS.

            Nunha reunión en Decembro consideramos que o mellor momento sería realizalo entre o 7 e o 10 de abril, na semana anterior as vacacións de Semana Santa (coincidiría ademais coa celebración da Semana da Literatura Infantil). Organizamos as representacións de varios contos, que repartimos en dúas mañás con 4 pases cada unha do seguinte xeito:

1-     Centro da Esfarrapada: (170 nenos/as)

-Realizaranse 4 sesións ao longo da mañá:

1-10-10’30h (comezamos cos maís pequenos)
2-11-11’30h
         Recreo de 11’30 a 12’30h
3-12’30-1h
4-1-1’30h (acabamos cos maiores)

2-      Diferentes CRA das Parroquias:

-Realizaranse 4 sesións ao longo da mañá:

1-Picoña/San Xurxo: 9’30-10h. (30 nenos/as)
2-Entenza/Barreiro: 10’30-11h. (30 nenos /as)
         Recreo de 11 a 12h
3-Soutelo/Budiño: 12-12’30h. (25 nenos/as)
4-Revolta/Fontán: 1-1’30h. (30 nenos/as)

            Participan unha vintena de  membros do Club de Lectura: “Siareiros da Palabra”, coordinados polos profesores Xoán González Leirós e Paula Fernández Bañuelos.   
            Formamos 5 grupos que están ensaiando 6 contos diferentes dos irmáns Grimm: Os músicos de Bremen, O xastriño valente, O burriño, Pulgarciño, O lobo e os sete cabritos, Carapuchiña vermella, que fundiremos en 4 sesións.



- A idea é adaptar os diálogos e a intervención dos narradores ao esencial, cunha linguaxe clara e efectista para un público infantil: vocalización, interiorización do papel, ton de voz adecuado a cada caso, asumir xestos e particularidades de cada personaxe, aprender a proxectalo ante un público infantil que responde ante as xesticulacións ou esaxeracións oportunas e ben calculadas.
- Atender certa ambientación básica: algún decorado, algúns detalles que caractericen a cada personaxe, pintura no rostro, vestimenta...

- Seleccionar música que poida reforzar o representado.

          Polo de agora estamos a engrasar motores e algo despistados, pero a cousa promete e vai resultar moi divertido.