Os Siareiros da Palabra desexamos, como non, un BO ANINOVO!, que despois dos últimos acontecementos ocorridos en París, queremos reforzar e, cun aceno de repudia de todo tipo de violencia estéril, defender a máis limpa liberdade de expresión e a convivencia pacífica entre os diferentes pobos e culturas.
Rematamos o trimestre anterior cunha sesión onde estivemos a traballar na preparación dunha posta en escena fotográfica e audiovisual, referente á violencia de xénero, dende a defensa do Bo Trato. Por desgracia a nosa volta ás aulas viuse acompañada pola mala nova do atentado terrorista contra a sede da revista "Charlie Hebdo" en París, que nos fixo alarmarnos e, sobre todo, ten que facernos reflexionar sobre a sociedade mundializada tan trastocada na que estamos a vivir. Será este un tema -con múltiples aspectos- que temos que analizar dende as aulas, e comentar para comprender a realidade que nos asalta as máis das veces.
Pero agora queremos volver a onde estabamos para completar o noso traballo. Pois ao longo de decembro pasado, reunímonos na biblioteca nos recreos para elaborar unha idea que partise do grupo do Club de Lectura, para implicármonos tamén na promoción do Bo Trato, e facer para a ocasión un eslogan co que compoñer unha imaxe fotográfica comprometida. Pensando, pensando acabaron por saír das cabezas de Águeda e de Alba uns versos que tentamos entre varias compañeiras e compañeiros, que se complementaran e ensartaran, e que resultou axeitado para recitar entre todas/os cunha efectiva posta en escena ante a cámara de vídeo. A sesión do último luns do trimestre pasado a mediodía, ocupámola co ensaio e a participación de todxs recitando algún dos versos que agora, desta volta, seremos xa quen de gravar; para o que quedaremos o luns 19 deste mes, a ver se nos sae como pretendemos:
Decidimos facer unha sesión en pequeno grupo este luns pasado, porque queriamos acadar a tranquilidade necesaria para seguir lendo en directo uns capítulos maís de "Calpurnia Tate", que quedaramos en ir comentando entre todxs.
Coidamos que conseguimos o noso propósito e disfrutamos da lectura compartida. Deste xeito poidemos comprobar como as persoas presentes ían quedando atrapadas na historia.
Música relaxante para acompañármonos.
Sabemos que houbo opinións diversas sobre facer ou non sesións separadas, pero consideramos, como coordinadores, que ás veces é necesario. Así tamén o valoraron varias alumnas, que fixeron unha interesante reflexión do que lle reportara a súa pertenza ao Club de Lectura: vencer a timidez, atreverse e aprender a falar en público, mellorar a capacidade lectora e comprensiva, compartir pareceres e historias, participar nas actividades, ser capaz de representar e dramatizar contacontos...
Escoitalas falar así foi sumamente alentador, instrutivo e aportounos luz sobre o acertado ou desacertado da dinámica do noso Club, para saber se hai algo que reestruturar.
Un pouco de música para contribuír á tranquilidade, ademais de disfrutar a natureza, na liña da protagonista do noso libro:
-En outubro, os membrxs do Club de Lectura, presentámonos como pensabamos, e falamos do método científico, a través das aventuras de "Calpurnia Tate", coa nosa invitada Ana, profe de Física.
-E tamén participamos na preparación do Recital de "Poesía e Ciencia", para celebrar o "Día das BE".Despois de arduos ensaios en diferentes recreos, por fin poidemos realizalo o día 7 de novembro na Biblioteca nunha sesión aberta para o público sensibilizado que tivo a ben asistir. Facemos a crónica completa no noso blog biblosvivos.
-O pasado luns día 10 fixemos unha sesión do Club á que asistiron 29 siareirxs intrigadxs coa proposta para pedir a súa colaboración para preparar unha "Sesión de lectura terrorífica" coa que celebrar este novembro de "Santos eDefuntos"; e aproveitar a ocasión para recomendar un bo feixe de lecturas e filmes relacionados con aparicións, coa Santa Compaña, con supersticións e crenzas arraigadas na nosa cultura, pero tamén con misterios sobrenaturais ou seres fantasmagóricos que nos poden facer tremer ata os miolos.
Para a sesión eliximos e seleccionamos os textos do libro " Aparicións e Santa Compaña", do antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro.
Adxudicamos as lecturas a cada participante na sesión que se realizou o xoves 13, no recreo e na Biblioteca, onde fomos convocadxs pola mismísima Santa Compaña, que vagou de aula en aula penando, relatando as súa coitas e colgando na corcheira de cada aula a "Relación de libros e filmes de terror do fondo da Calixtina", que xa temos expostos no corredor e na BE coa intención de promocionalos e animar á lectura...
A verdade é que en principio pensabamos nun grupo de 10 almas en pena, pero a animación foi tal que ao final contamos cunha procesión de case 20 almas vagando entre os vivos...
Sentámonos en círculo na biblioteca, ás escuras e só iluminados polas caracús (cabazas) elaboradas e presentadas a concurso estes días. Unha vez creado o ambiente idóneo, procedemos á lectura e vivimos unha experiencia arrepiante...
... da que deixamos constancia tamén no blog biblosvivos.
Un ano máis comezamos o outono coa presentación dxs novxs e dxs antigxs compañeirxs do Club de Lectura. Sempre é novidade escoitar os descubrimentos e as recomendacións de cada un. Falaremos das normas, da organización e do novo programa, como non, para poder facer en común esta nova andaina. Contamos con 53 persoas interesadas: 22 do 1º ciclo e 31 do 2º ciclo.
Reunímonos este luns 13 de outubro a mediodía na Biblioteca Calixtina, procuraremos estar alí ás 15h e ata ás 16' 15h. Temos pensado empezar lendo en directo o primeiro capítulo da novela titulada "A evolución de Calpurnia Tate" de Jasqueline Kelly, que podemos atopar traducida ao galego. Consideramos que sería interesante empezar deste xeito,por que esta lectura pareceunos idónea para relacionar co lema deste curso
"AS Ciencias e as Letras"
Para tal ocasión invitamos a profesora de CCNN, Ana, para que nos faga a presentación do libro e nos acompañe na súa lectura; pois ela o recomenda aos seus alumnxs para que entendan o método científico de traballo, que parte da observación atenta e dos apuntamentos coidadosos que nos poden levar a conclusións baseadas na experimentación.
Calpurnia é unha moza inqueda que experimenta levada pola curiosidade e atenta a todo o que a rodea: ademais de mostrarse rebelde con causa nunha época (1899) na que a muller era educada e programada a súa existencia para casarse e ter fillos, pero non para ser unha muller de ciencia. Destacamos a relación co seu avó, un naturalista afeccionado, pero moi serio na súa práctica, que a guiará e compartirán unha realidade sorprendida ante as novas teorías sobre a evolución das especies de Darwin.
Deixamos aquí o enlace ao novo blog do Departamento de Ciencias da Natureza "Os isótopos radioactivos de Salceda"onde podemos ler a entrada relacionada con esta lectura.
Este será o Programa mensual de actividadesdxs "Siareiros da Palabra" para este curso:
-OUTUBRO-
Presentación e posta en común
das lecturas feitas no verán,
para compartilas, falar dos gustos de cada un, das normas do Club, da
preparación dun recital de “Poesía e Ciencia”
no día da BE. Lectura en alto por e para todxs do 1º capítulo de “La evolución de Calpurnia Tate”. Invitada a profesora de CCNN Ana R. Sío para presentar
dito libro.
-NOVEMBRO-
Comentario de“La
evolución de Calpurnia Tate”.
-Lectura presencial de
relatos de Terror. Invitado Raúl, PT.
-DECEMBRO-Filme
e Ciencias:Traballar a linguaxe cinematográfica
elixindo algún filme: p.e.El
maquinista de la
General.Buster Keaton.
-XANEIRO-
Relatos: “Viaxe á lúa”. Mark Twain // Viaxe
á lúa. Tintín.
-FEBREIRO-Contacontos: Elección, grupos, ensaios: Números pares, impares e idiotas. J.J.
Millás.//Viva el mal! Viva el capital!.
S. Alba Rico.
-MARZO- Contacontos: representación no CRA Raíña Aragonta.
-MAIO-Tempo de Poesía: “Poesía, ritmo matemático e Ciencias”.
Invitados Antonio,
Matemáticas, José Antonio, Tecnoloxía.
Aprender a recitar en galego para
conmemorar as Letras Galegas)
-XUÑO-Saída a Cabo Home e costa do Morrazo:
Comida Literaria, rotas
pola contorna e leriamos textos de
poesía relacionada co mar, paisaxe…
OUTRAS ACTIVIDADES:
- Tamén Len:
Invitación mensual dun lector da contorna ou antigo alumno/a para ler un fragmento
ou relato e debate posterior, no recreo na Biblioteca, aberta a todos. En
colaboración co Dpt. de Lingua Castelá
-Presentación
de Libros: participación dalgún editor, autor, artista, etc.
- Concurso
fotográfico para fomento da lectura: Ler un relato ou
poema de entre varios aconsellados ou preferidos e realizar unha imaxe
fotográfica alusiva acompañada dun título suxestivo. Relacionado co eslogan da
Biblioteca deste ano: “As Ciencias e as
Letras”.
-Elaborar unha fotografía
inspirada no mundo da lectura que nos serva de imaxe soporte da nosa andaina
lectora e que sexa significativa.
- Contacontos:, de creación propia ou adaptada, representalo
en colaboración co CRAC Raíña Aragonta (a 300 nenos/as de 3-5 anos).
- O K LIN: nun recreo ao mes, na
BE, un alumno/a interesado fala sobre
unha lectura do seu gusto e compartimos
comentarios cos asistentes.
-Apoiar
a creación de Clubs de Lectura na
Biblioteca Municipal.
- Saídas:
- Excursión literaria de 1 día a Cabo
Home, mar, paisaxe,
paisanaxe e poesía, co profesorado da Comisión da B.E., para ler poesía e facer
algunha rota e unha comida literaria. Outras opcións: rota
de sendeirismo pola zona, nunha xornada literaria. Quedar unha noite de “viaxe
ás estrelas” guiados por alguén experto na contemplación da bóveda
celeste.
O día 5 de xullo fomos invitados a asistir á celebración do DÍA DO COOPERATIVISMO no Espazo Ágora da Coruña (día que se celebra a principios deste mes a nivel internacional). Foi o momento de subir todos os que alí estivemos ao escenario para recoller o premio e o diploma acreditativo que nos foi concedido polo noso traballo cos Contacontos...
...eeeeee, sorpresa, sorpreeeeesaaa!
Cada un dos alumnos e alumnas participantes foron agasallados cunha "tableta"!!!!
Imaxinade a cara de satisfacción que se nos puxo a todas e cada unha das persoas presentes: eles, nós os profes e algunha nai e pai que nos acompañaron.
Participamos en actividades diversas ao longo da xornada: escoitamos á enérxica e comprometida cantante Sés, a contacontos Paula Carvalheirabrindounos, tamén en directo, un bo exemplo de como contar historias con moita arte e gracia; degustamos produtos cooperativos que fixeron as delicias de todos á hora do xantar (aínda que a algúns e algunhas non lles chegaron a moito estas pequenas exquisiteces e botaron de menos un bo bocata); houbo xogos tradicionais e xogos cooperativos para quen quixo participar, teatro, etc. Pero é sabido que cunha tableta na man de cada quen, tiñamos pouco que facer para atraer a súa atención dun xeito tan irresistible como o fai calquera destes inventos... Son os tempos!!!
Volvimos ledos e libres para disfrutar dunhas boas vacacións!!
Hoxe, que foi día de recollida de notas, aproveitamos que estaban os alumnos e alumnas no Centro para ter a ocasión de celebrar co CRA de Salceda a experiencia:
CONTACONTOS "SIAREIROS DA PALABRA"
I ENCONTRO do IES Pedras Rubias-CRA Raíña Aragonta
2013-2014
Esta é a denominación que acuñaron as simpáticas e amables mestras que quixeron compartir con nós un bo momento para celebrar esta colaboración tan fructífera. A partr de agora falaremos de ENCONTROS, porque no futuro esperamos, ámbalas dúas partes, que haxa novos encontros anuais para compartir actividades de animación á lectura, teatro, contos...
Tiveron a ben agasallarnos cuns coloristas bolis e marcapáxinas con citas de autores sobranceiros alusivas á lectura. Hai que dicir que foron feitos por elas artesanalmente con efectos de troquelado, e quedaron moi, moi chulos.
Quedamos encantadas e brindamos e tomamos uns pinchos á saúde de todos e todas!
-Grazas ao CRA Raíña Aragonta pola súa amabilidade-
_______________________________________________
Lembrade que o Sábado 5 de Xullo quedamos en A DEVESA ás 8'30h-8'45 h da mañá, onde nos recolle o bus.
Hai uns días comunicáronnos a boa nova de que nos foi concedido o PREMIO DE COOPERATIVISMO NO ENSINO SECUNDARIO, na modalidade de actividades cooperativizadas na Categoría E: para alumnado de 1º Ciclo da ESO.
O traballo presentado a concurso foi:
"CONTACOTOS: COOPERAMOS ENLEANDO CONTOS NO BOSQUE"
PARABÉNS, SIAREIROS DA PALABRA!!!!
Dimos a noticia no recreo, cunha pequena festa-celebración, con "gholichadas", na Biblioteca, onde comunicamos que o sábado día 5 de Xullo teremos que facer acto de presenza na entrega de premios, nunha xornada na Coruña, onde haberá teatro, xogos cooperativos, degustación, etc. Deixamos aquí o enlace á concesión do Premio ao mellor traballo na categoría E: alumnas/os de 1º ciclo da ESO, e ao Programa da celebración, que coincide co Día Internacional do Cooperativismo, o 5 de xullo. http://www.cooperativasdegalicia.com/noticias/detalle.php?idNoticia=765 http://www.cooperativas2014.com/dia-do-cooperativismo/presentacion/