Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

30 mar 2014

MARZO-ABRIL ensaiando CONTACONTOS

A verdade é que, a adaptación primeiro e despois o ensaio e posta en pé de cada conto que estamos a traballar, lévanos todo o tempo das sesións dos últimos luns, e máis; porque estamos a quedar en recreos e ata mediados de abril así continuaremos. Pero a cousa vai por bo camiño. 

Temos que destacar que as adaptacións dos contos feitas polos compañeiros do Club en cada grupo formado foron moi efectivas e todos fixeron un bo traballo de síntese. Vai tomando forma e vanse metendo cadanseu papel.

Xa temos os días sinalados para representar nos CRA de Salceda: será en abril os días 9 mércores e 10 xoves.

Vémonos mañá luns a mediodía, contadores de historias!!

Cándido Pazó é un bo exemplo a seguir na arte de contar historias nun escenario.

 Por certo! estará no noso instituto dentro de poucos días actuando para nós.

Deixo este enlace a un fragmento da representación de Cándido Pazó da adaptación que fixo sobre a "Memoria das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas.

1 mar 2014

FEBREIRO: TRABALLANDO CONTACONTOS

Seguimos a reunirnos en recreos, e sesións do Club de Lectura, como este luns 24 de febreiro a mediodía, para procurar tempo que adicarlle á adaptación e ensaio dos diferentes personaxes que cada un vai asumindo de cada conto. somos 5 grupos con 5 contos a representar. 



Decidimos que cada grupo fixera unha laboura de simplificación dos textos adaptados a nenos pequenos. Ademais pensamos que sería doado fundir os contos do lobo e os cabritiños coo de Carapuchiña vermella, así aforramos esforzos e traballo, xa que o tempo vense enriba. Nestas andamos...



Ánimo, que estades a facelo moi ben!!

1 feb 2014

XANEIRO de CONTACONTOS

      Co mes de Xaneiro comezamos o ano e tamén unha nova actividade. Levamos xa feitas dúas sesións do Club, a primeira para comentar o filme de Chaplin, e a última para poñernos de acordo na organización do CONTACONTOS, cunha participación dos Siareiros en pleno.


CONTACONTOS – CLUB DE LECTURA: SIAREIROS DA PALABRA

Obxectivo:

       - Achegar Infantil e Secundaria a través da actividade compartida dos maiores cos pequerrechos: CONTACONTOS.

            En setembro de 2013 na Biblioteca Calixtina tivemos unha proposta da mestra Paula, que imparte aulas no Raíña Aragonta e coordina as labouras de Bilbioteca, para levar a cabo unha colaboración entre os Centros de Infantil (CRA) de Salceda de Caselas e o IES Pedras Rubias, coa idea de realizar unhas  sesións de CONTACONTOS.

            Nunha reunión en Decembro consideramos que o mellor momento sería realizalo entre o 7 e o 10 de abril, na semana anterior as vacacións de Semana Santa (coincidiría ademais coa celebración da Semana da Literatura Infantil). Organizamos as representacións de varios contos, que repartimos en dúas mañás con 4 pases cada unha do seguinte xeito:

1-     Centro da Esfarrapada: (170 nenos/as)

-Realizaranse 4 sesións ao longo da mañá:

1-10-10’30h (comezamos cos maís pequenos)
2-11-11’30h
         Recreo de 11’30 a 12’30h
3-12’30-1h
4-1-1’30h (acabamos cos maiores)

2-      Diferentes CRA das Parroquias:

-Realizaranse 4 sesións ao longo da mañá:

1-Picoña/San Xurxo: 9’30-10h. (30 nenos/as)
2-Entenza/Barreiro: 10’30-11h. (30 nenos /as)
         Recreo de 11 a 12h
3-Soutelo/Budiño: 12-12’30h. (25 nenos/as)
4-Revolta/Fontán: 1-1’30h. (30 nenos/as)

            Participan unha vintena de  membros do Club de Lectura: “Siareiros da Palabra”, coordinados polos profesores Xoán González Leirós e Paula Fernández Bañuelos.   
            Formamos 5 grupos que están ensaiando 6 contos diferentes dos irmáns Grimm: Os músicos de Bremen, O xastriño valente, O burriño, Pulgarciño, O lobo e os sete cabritos, Carapuchiña vermella, que fundiremos en 4 sesións.



- A idea é adaptar os diálogos e a intervención dos narradores ao esencial, cunha linguaxe clara e efectista para un público infantil: vocalización, interiorización do papel, ton de voz adecuado a cada caso, asumir xestos e particularidades de cada personaxe, aprender a proxectalo ante un público infantil que responde ante as xesticulacións ou esaxeracións oportunas e ben calculadas.
- Atender certa ambientación básica: algún decorado, algúns detalles que caractericen a cada personaxe, pintura no rostro, vestimenta...

- Seleccionar música que poida reforzar o representado.

          Polo de agora estamos a engrasar motores e algo despistados, pero a cousa promete e vai resultar moi divertido.


16 dic 2013

AS VIAXES NO CINEMA: A QUIMERA DO OURO DE CHARLES CHAPLIN

Este luns 16 de decembro vimos de ver o filme de Chaplin na sesión do Club de Lectura, que será comentada á volta das vacacións. Reunímosnos uns 27 socios e disfrutamos un montón co humor de Charlot, sendo o primeiro filme que a maioría coñecía deste autor xenial. Quen maís e quen menos quedou con ganas de achegarse a outras obras del.

Coa desculpa do tema das viaxes que estamos a traballar este ano, é este un filme que esperamos programar na semana de cinema, no 2º trimestre, e pensamos que é boa idea que sexan os propios compañeiros/as do Club de Lectura que xa a coñecen, quen presenten A quimera do ouro ante o resto do alumnado. Dispostos e encantados coa idea están.




    




  A QUIMERA DO OURO            
  CHARLES CHAPLIN

FICHA TÉCNICA

TÍTULO: A quimera do ouro. (The gold rush)
DIRECCIÓN: Charles Chaplin.
GUIÓN: Charles Chaplin.
PRODUCIÓN: Alfred Reeves. / United Artist.
FOTOGRAFÍA: R. H. Totheroh.
MÚSICA: Charles Chaplin
ACTORES: Charles Chaplin, Mack Swain, Georgia Hale, Tom Murray, Henry Bergman, Malcom Waite, Betty Morrisey.
PAÍS: EE.UU.
ANO: 1925
DURACIÓN: 69 minutos.
XÉNERO: Cómico.


SOBRE O DIRECTOR:

            Charles Chaplin naceu ao redor de 1889 en Londres, nun barrio pobre. Era fillo de actores de music-hall. O seu pai abandonou a familia pouco despois de nacer Charlie         e morreu borracho. A súa nai acabou perdendo a cabeza e Charlie e o seu irmán viviron a miseria e tempos atroces de orfanatos, noites ao raso e días de fame. Lograron sobrevivir á catástrofe e se empregaron nunha compañía de teatro, music-hall, coa que fixeron xiras por Europa e EE.UU. Foi importante a súa formación e experiencia coa linguaxe da mímica nestes anos. En Broadway vai ser descuberto por Mack Sennett, produtor das súas curtametraxes cómicas dende 1914 e quen animou a gran creación de Chaplin: Charlot, o vagabundo, personaxe que debén un dos maís importantes do s. XX e que trascendeu os seus filmes,  tendo entidade case que real. O vagabundo adoita responder aos seus inimigos con patadas ou ladrillazos. A fórmula de Chaplin no momento de filmar consistía en xestos esaxerados e outros métodos de comedia física.
            Charlot estivo profundamente identificado coa época do cinema mudo. Cando na década de 1920 comezaron as producións sonoras, Chaplin negouse a encarar ao seu personaxe falado. De feito, en Luces da cidade (1931), non aparece ningún diálogo. Chaplin abandonou o seu personaxe no filme Tempos modernos, que finaliza co vagabundo camiñando por unha estrada sen fin cara ao horizonte, da man de Paulette Goddard. O filme foi practicamente mudo, aínda que nunha escena se puido escoitar cantar a Chaplin coa súa propia voz. Cústalle aceptar o cinema sonoro, porque pensaba que era posible comunicarse sen problema con imaxes e xestos, que esa era a esencia da linguaxe cinematográfica.
            O primeiro filme falado de Chaplin, O gran ditador (1940), significou un acto de desafío contra o nazismo. Foi filmado e lanzado un ano antes de que Estados Unidos entrara na Segunda Guerra Mundial. Chaplin interpretou o personaxe de Adenoid Hynkel, o ditador de Tomainia, inspirado no ditador alemán Adolf Hitler, que tiña un bigote similar ao de Charlot. Tamén presentou ao comediante Jack Oakie como Benzino Napaloni, o ditador de Bacteria, unha parodia ao ditador italiano Benito Mussolini.  Filme visto como un acto de valentía no momento político da época, tanto pola súa ridiculización do nazismo como pola súa representación de xudeos perseguidos polo réxime. Pois interviña o personaxe dun barbeiro xudeo, similar ao vagabundo, que tamén sufriu a persecución. Ao final, o barbeiro pronuncia un discurso denunciando a  ditadura, a codicia, o odio e a intolerancia, pronunciándose a favor da liberdade e a fraternidade humana. Foi prohibida en España e estreouse 36 anos despois, en 1976, cando xa falecera o ditador Francisco Franco e nas salas de cine de todo o país o público aplaudiu no the end.
            Chaplin é un dos artistas e autores máis completos do cinema: director, actor, guionista, compositor de música, formou parte da produtora e distribuidora United Artits, fundada en 1919 con outros artistas, o que lles conferiu independencia creativa e económica; e foi representativo do pensamento maís aberto do Hollywood daqueles anos, tanto que na época da “Caza deBruxas” (en EE.UU. entre 1950-56, acusacións infundadas sobre persoas sospeitosas de ser comunistas) tivo problemas polas súas ideas socialistas e acabou instalándose en Europa (Vevey, Suíza) ata a súa morte en 1977.
             Os xóvenes de hoxe pouco coñecen a Chaplin, e non disfrutaron da experiencia de escachar a rir coas súas peripecias. Pero os seus filmes son imperecederos e intemporais, e nunca é tarde para rescatalos e disfrutar co xenio dun dos pioneiros máis completos e perfeccionistas do cinema de principios do s. XX e un dos mellores humoristas de todos os tempos, xunto a Buster Keaton, Harold Lloyd e os irmáns Marx. Nas súas películas, facía referencia aos problemas e inxustizas da sociedade do seu tempo; entre eles, as dificultades, constantes loitas e humillacións dos inmigrantes desamparados e dos problemas laborais.
            Filmou infinidade de curtas de cinema cómico e obras mestras como: O chico (1921), Unha muller de París (1923), O circo (1928), Luces da cidade (1931), Tempos modernos (1936), O gran ditador (1940), Monsieur Verdoux (1947), Candilexas (1952), Unha condesa de Hong Kong (1966).
            A quimera do ouro (1925), é o filme polo que Chaplin quería ser recordado. Foi un dos máis caros, maís caprichosos e máis prolongados na súa rodaxe da historia do cinema. Fixo outra versión deste filme en 1942 onde engadiu música e voces en off..  Chaplin recibiu tres premios da Academia ao longo da súa vida: Mellor Banda Sonora e outros dous de carácter honorífico: Será en 1973 cando volve a EE.UU. para recibir o premio ao conxunto da súa obra, calificada como “de efecto incalculable na construción da arte cinematográfica neste século”. Chaplin recibiu unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood en 1970. Foi nomeado Sir en 1975 á idade de 85 anos pola raíña Isabel II.


ARGUMENTO:

      
      Un vagabundo solitario, Charlot, absurdo e torpe aventureiro ataviado con bombín, chaqueta, zapatóns e bastón, diríxese a Alaska coa intención de atopar ouro. O filme ábrese cunha longa fila de buscadores de ouro trepando por unha montaña, en exteriores naturais, pero acabará sendo rodado en estudo cunha custosa reconstrución con xeso, fariña, etc, da paisaxe nevada de Alaska.
            Este filme é un dos mellores traballos de Charles Chaplin, considerado entre os mellores filmes da historia do cinema, xunto con outros seus. Máis ca unha comedia, é unha traxedia con trazos humorísticos que recrea a peripecia dun extraño nun mundo hostil en busca de compaña, esperanza e ilusión.
            Quizá estea lembrando, a soidade e miseria que sufríu o propio autor na súa infancia e adolescencia dende unha posición tenra e emotiva. 
Chaplin presenta o seu personaxe, un vagabundo do que non coñecemos o seu nome nin o seu pasado, un homiño de boa vontade con comportamientos bufonescos que nunca perde a dignidade. En plena febre do ouro trasládase a Alaska para probar fortuna nos seus fríos territorios co propósito de atopar unha mina. Deambulando polas súas montañas nevadas e populosas ciudades, coñecerá novas amizades e terminará namorándose.
            Fonda mestría a de Chaplin para compoñer emocións humanas cunha imaxinativa construción de gags e excelentes interpretacións. 
            A danza dos panciños, a cea do día de acción de grazas onde se come a súa propia bota, o desvarío imaxinativo do seu compañeiro que o convirte nun xigante polo ou a cabana ao borde do precipicio, son alguns exemplos da súa facilidade para ofrecer inesquecibles momentos de humor en situacións vitais fatalmente adversas.

CUESTIÓNS:

1-     Tema (en 1 ou 2 liñas)
2-     Argumento ( en 10 ou 15 liñas)
3-     Caracterización de personaxes principias ( que destaca na súa forma de ser e no seu aspecto exterior de significativo na historia).
4-     Que destacarías do personaxe de Charlot?. Que cres que representa?
5-     Destaca a túa escena ou secuencia favorita e di por que.
6-     Fai unha valoración do cinema mudo.
7-     Cres que este filme é unha boa comedia? Por que?
8-     Conclusión e valoración persoal do filme.


CITAS:

-“Alaska foi soño e esperanza, di a voz dos aventureiros, sirena do lonxano norte que lles atraía hacia os seus ermos e rexións descoñecidas. O paso Chilkoot cerraba o acceso ao ouro. Todos atopaban miseria e infortunio, moitos perdían a vida, algúns caían exhaustos, outros renunciaban e volvían, pero os valentes seguían”.

-“No tenía idea sobre qué maquillaje ponerme. No me gustaba mi personaje como reportero (en Carlitos periodista). Sin embargo en el camino al guardarropa pensé en usar pantalones bombachudos, grandes zapatos, un bastón y un sombrero hongo. Quería que todo fuera contradictorio: los pantalones holgados, el saco estrecho, el sombrero pequeño y los zapatos anchos. Estaba indeciso entre parecer joven o mayor, pero recordando que Sennett quería que pareciera una persona de mucha más edad, agregué un pequeño bigote que, pensé, agregaría más edad sin ocultar mi expresión. No tenía ninguna idea del personaje pero tan pronto estuve preparado, el maquillaje y las ropas me hicieron sentir el personaje, comencé a conocerlo y cuando llegué al escenario ya había nacido por completo.

-“Mirada de cerca, la vida parece una tragedia; vista de lejos, parece una comedia. Nunca te olvides de sonreír, porque el día en que no sonrías será un día perdido. La vida es una obra de teatro que no permite ensayos. Por eso, canta, ríe, baila, llora y vive cada momento, antes de que baje el telón y la obra termine sin aplausos. Hay que tener fe en uno mismo. Aún cuando estaba en el orfanato o recorría las calles buscando qué comer, me consideraba el actor más grande del mundo. La vida es maravillosa...si no se le tiene miedo. Sin haber conocido la miseria, es imposible valorar el lujo. Más que maquinaria necesitamos humanidad, y más que inteligencia, amabilidad y cortesía. Fui perseguido y desterrado, pero mi único credo político siempre fue la libertad.” (Ch.Chaplin)
-“Lo lamento, pero yo no quiero ser un emperador, ése no es mi negocio, no quiero gobernar o conquistar a alguien. Me gustaría ayudar a todos si fuera posible: a los judíos y a los gentiles, a los negros y a los blancos. Todos deberíamos querer ayudarnos, así son los seres humanos. Queremos vivir con la felicidad del otro, no con su angustia. No queremos odiarnos y despreciarnos. En este mundo hay sitio para todos, y la tierra es rica y puede proveer a todos. El camino de la vida podría ser libre y hermoso...”
(Fragmento de El gran dictador (1940), interpretado por el personaje del barbero).



6 dic 2013

LENDO ROBINSON CRUSOE

O pasado luns día 2 reunímonos para falar e vivir as aventuras de ROBINSON CRUSOE. Para estar cómodos, dispuxemos unha gran mesa no centro da biblioteca. Eramos unhas 20 persoas e conseguimos facer unha sesión onde o libro foi lido por case todos os presentes que, animándonos cada vez maís, partimos da localización no mapa dos itinerarios feitos por Robinson, para falar dos aspectos maís importantes do libro a través da selección de citas significativas.

Acompañamos a charla con algunhas secuencias cinematográficas desta historia dun náufrago  nunha illa deserta. Explicamos como este clasico da literatura universal chegou a convertirse nun mito contemporáneo, pois exemplifica a idea do home adaptando o medio ao estilo de vida europeo, como se dun colonizador se tratara. Acabará compartindo a súa illa e espantando a soidade coa chegada de Venres.


Ás veces unha lectura leva a outra e, neste caso, non puidems menos que recomendar ler a adaptación desta historia que fixera o escritor francés Michel Tournier, que titulou "Venres ou a vida salvaxe", onde lle dá a volta aos pesonaxes, e será agora o colonizado quen lle ensine outro modo de vivir na illa a Robinson.

Sorprendeunos atopar enteira na Rede, a versión fiel que o director de cine Luis Buñuel fixo no ano 1954 de Robinson Crusoe, un filme ben particular e pouco coñecido.

*Premendo na columna esquerda deste blog (Lecturas que fixemos) teredes colgadas as fichas de lectura destes dous libros.
                            -------------------  *  ------------------

Aproveitamos para anunciar que a seguinte sesión pensamos poder facela o luns 16 de decembro. Quedaremos para ver o filme de Charles Chaplin 
"A quimera do ouro
que nos permitirá compartir con  Charlot as peripecias dos buscadores de ouro en Alaska. Á volta de vacacións, en xaneiro quedaremos para comentala.

Siiii, xa sabemos!, é cinema mudo, en branco e negro, 
moi antiga, bufff!
... pero vos aseguramos que descubriredes a un xenio nunha aventura divertidísima e nun magnífico filme.


27 oct 2013

Presentación do Club de Lectura no curso 2013-2014

O luns 21 de Outubro quedamos a mediodía para iniciar esta nova andaina a redor da lectura. Comezamos por presentarnos, sobre todo aos novos compañeiros e compañeiras, falamos do programa para este curso, non perdemos de vista as normas e criterios para formar parte desta experiencia, comentamos as actividades nas que poderemos participar: colaboración en montaxe de exposicións, contacontos, concursos, ideas a aportar, etc. 
Relacionamos as lecturas e filmes seleccionados co lema da B.E. elixido para artellar as diversas actividades de dinamización e animación á lectura: 
"Viaxes Reais, Viaxes Imaxinadas"

Campos de Castela en Corrales, Zamora. (P.F.Bañuelos)

Escultura na Illa de San Simón. (P.F.Bañuelos)

  ACTIVIDADES PREVISTAS:

- Programa de Lecturas mensuais:
-OUTUBRO- Presentación e posta en común das lecturas feitas no verán, para compartilas e poder intercambiar impresións, recomendacións, etc.
-NOVEMBRO-Clásicos: Robinson Crusoe ou A Illa do Tesouro.
-DECEMBRO-Filmes e viaxes: Traballar a linguaxe cinematográfica  elixindo algún filme: La quimera del oro. El diablo sobre ruedas. Welcome.
-XANEIRO-Outras culturas: Irmán do vento. (Iraq, guerra)  M. Lourenzo González.
-FEBREIRO-Outros mundos: A expedición do Pacífico. Marilar Aleixandre.
                      -filme: Master and Commander.
-MARZO-BD: Aventuras: Corto Maltés, Hugo Pratt. Tintín, Hergé.
-ABRIL-Teatro curto: buscar entre os autores galegos. // Contacontos.
              -Cidades con  misterioEl retrato de Carlota. (Venecia). Ana   Alcolea.
 -MAIO- Tempo de Poesía: “Poesía, Música e Paisaxe”. Aprender a recitar. 
             -Letras Galegas: Nimbos. Xosé María Díaz Castro.
     -XUÑO-Saída a Cabo Home e costa do Morrazo. Fariamos un par de rotas pola contorna e leriamos textos de poesía relacionada co mar…
     
    - Tamén Len: Invitación mensual dun lector da contorna ou antigo alumno/a para ler un fragmento ou relato e debate posterior, no recreo na Biblioteca, aberta a todos. En colaboración co Dpt. de Lingua Castelá

     - Presentación de Libros: participación dalgún editor, autor, artista, etc.

     - Concurso fotográfico para fomento da lectura: Ler un relato ou  poema de entre varios aconsellados ou preferidos e realizar unha imaxe fotográfica alusiva acompañada dun título suxestivo. Relacionado co eslogan da Biblioteca  deste ano:Viaxes reais, viaxes imaxinadas”.
     -Elaborar unha fotografía inspirada no mundo da lectura que nos serva de imaxe soporte da nosa andaina lectora e que sexa significativa.

     - Contacontos:, de creación propia ou adaptada, para representalo en colaboración co CRAC Raíña Aragonta (a 300 nenos/as de 3-5 anos en todo o Municipio).

      -Club de Lectura de Profes ”O Anel de Palova”. Un libro por trimestre. Tamén abriremos un apartado no blog biblosvivos.blogspot.com de “Recomendacións de lecturas para adultos

      -Idea de promover a creación de Clubs de Lectura de adultos, nenos e xóvenes na Biblioteca Municipal.

     -Saídas:
- Excursión literaria de 1 día a Cabo Home ou ás Illas Cíes ou Illa de Ons, mar, paisaxe, paisanaxe e poesía, co profesorado do Equipo da B.E., para ler poesía e facer algunha rota e unha comida literaria. Outras opcións: facer unha rota de sendeirismo pola zona, nunha xornada literaria. Quedar unha noite para facer unha “viaxe ás estrelas” guiados por alguén experto na contemplación da bóveda celeste.

                   ---------------------- * -----------------------
Pensamos que sería boa idea comezar lendo un clásico como "Robinson Crusoe" de Daniel Defoe, que cremos xerará una debate do máis interesante e que facilitará referencias a outras obras literarias, a filmes, etc.

Esperamos que os nosos corenta e tantos siareiros da palabra deste ano, pasen moi bos momentos coa súa lectura. 

   continuará...

18 jun 2013

“Sobre unha montaña, un tipo e un libro en Nepal”


Na última sesión do Club de Lectura “Siareiros da Palabra”, o luns 3 de xuño,  quixemos facer algo especial, e deixamos reservada para esta ocasión a colaboración amable e desinteresada do profe de matemáticas David, que este ano tivo a ben compartir con nós en varias ocasións as súas experiencias de “grandes viaxes”, como el mesmo as denomina.

A súa presentación estivo estruturada en apartados e comezou cunha adicatoria: feita ao seu pai e ao seu irmá, quen foron os que o educaron na liberdade, na aventura da viaxe exótica, no amor pola montaña e por descubrir emocións ao límite: pero sen esquecer o agradecemento e apoio da súa actual compañeira.

Deseguido comeza a falar “Sobre montañas e libros. Ou de como un tipo, un libro e Nepal se xuntan nun certo momento”con intención de facer un relato que ten moito de literario. Segue a falar dos personaxes: el, o libro e o sitio. Introduce despois un limiar para falar das “viaxes previas”, cando era máis xoven: Bélxica, París, Italia, Praga… e pasar a contar como chega a realizar as grandes viaxes: Vietnam, Alxeria, Groenlandia, Etiopía, Siria, Islandia e esta viaxe ao Himalaia nepalés. No apartado que titula “O libro e o Himalaia” sitúanos no oeste de Nepal coa axuda de mapas e de imaxes do lugar e dos nepalíes: as súas casas, costumes, vestimentas, a súa amabilidade; os seus mosteiros budistas, chamados lamaserías, cun concepto da oración e dos ritos relixiosos moi diferente ao cristiá; o atractivo balbordo das súas cidades e da populosa capital, Katmandú; ata ascender pola paisaxe da gran montaña por excelencia: inmensa nas súas alturas de oitomiles, esta terra que racha o ceo: o HIMALAIA. Acaba o seu itinerario cunha humorística mención especial á súa cazadora negra, compañeira de mil andanzas, que despois de moito tempo estragou sen remedio.

Fotografía de David Rodríguez Amil


Fotografía de David Rodríguez Amil
Foi interesante a súa capacidade para transportarnos a un lugar tan afastado -tanto en distancia como en altitude- e para espertar a curiosidade de facermos preguntas sobre tantos aspectos que chaman a nosa atención ante tamaña aventura, na que estiveron sometidos á presión de 5300 m. de altitude, onde o organismo se rebela e ten síntomas do máis molesto e alarmante, pero a pesar dos riscos que entraña unha viaxe destas características, el recoméndanola encarecidamente, así como algo tan especial como esas longas horas en campamentos a baixas temperaturas cando baixa o sol, que entreteñen coa charla, a lectura ou a escrita durante horas.

 El levaba como compañeiros de viaxe o libro no que viviu paralelamente o coñecemento e a espiritualidade deste lugar tan especial, titulado “El tercer ojo,” e o seu inseparable caderno a modo de “diario de viaxe” onde apuntar mil e unha impresións, emocións, acontecementos, palabras na nova lingua, costumes…, desta parte oeste da gran cadea montañosa asiática, que atacaron pola parte nepalí do Ganesh Himal, esta parte da montaña adicada ao deus Ganesh, ese tan curioso que ten cabeza de elefante…

Fotografía de David Rodríguez Amil


Vaia aquí o enlace á entrada de biblosvivos incluída na serie que titulamos “A viaxe dun libro: Viaxe a Nepal contada por David Rodríguez Amil.

Que mellor que aproveitar este contexto para anunciarvos que o curso que vén o lema ou idea ao redor da cal xirarán moitas das actividades e lecturas que fagamos na Biblioteca Calixtina e no Club será:

Viaxes reais, viaxes imaxinadas

Suxestivo, non si?

Desexamos así a tod@s  un bo verán de xiros e danzas ao redor da música, as letras, as charlas desenfadadas, as xentes e os lugares, o descanso estival e, como non, as xustas doses de

preguiza…


: )