Hoxe 26 de maio tivemos unha nova sesión do club de lectura. Por unha banda no grupo de primeiro da ESO seguimos coa dramatización da obra Dormente de Raquel Castro. As nosas actrices convertéronse nos personaxes da obra e deron voz a todos eles dun xeito fantástico. Por outra banda o club de manga adentrouse na nova lectura Hanako Kun de Aida Iro e compartiron as súas impresións de xeito moi entretido.
Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao
3 jun 2025
Club lectura marzo
Este luns 31 tamén nos reunimos no club de lectura. No club manga falaron de My Hero Academia, en 3º ESO leron Fóra de campo e en primeiro dramatizamos o comezo de Dormente de Raquel Castro. Aquí van unhas fotiños das marabillosas actrices.
Club lectura febreiro
O 3 de febreiro celebramos novas reunións do club de lectura. No de 1º ESO entramos no mundo virtual dos videoxogos coa obra de Paula Carballeira Wombo Combo e ao final da reunión cada lectora creou o seu propio avatar tal como vedes aquí:
No grupo de 3º ESO leron Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial, obra coa que gañou o Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 de teatro. No club de manga tiveron unha interesante conversa con Uxía Samartín, experta en anime na que aprenderon mesmo a deseñar os seus propios disfraces de manga. Aquí vai a mostra gráfica:
14 ene 2025
Sesión de xaneiro
Onte luns 13 de xaneiro reuniuse de novo o club de lectura e tras analizar as obras lidas (Trece anos branca, de Agustín Fernández Paz; Non cantan os paxaros neste bosque, de Carlos Negro e Spy x family 3 no club de manga) fixemos algunhas montaxes knolling a partir do que lles suxeriu a lectura das obras ao alumnado. Aquí volas deixamos.
12 nov 2024
NOVAS LECTURAS
14 oct 2024
REUNIÓN DE OUTUBRO DO NOSO CLUB
Tivemos hoxe unha nova sesión do club de lectura na que comentamos dúas obras teatrais: A derradeira bala e O achado do castro. Comentamos os seus argumentos e personaxes e dramatizamos algunhas escenas. Son obras que gustaron moito e que axudaron a que o alumnado vaia descubrindo o xénero teatral desde outra perspectiva. Agardamos unha próxima reunión pronto.
29 jun 2024
GRAVACIÓN DO PROGRAMA LÉOCHOEU CON FRAN ALONSO E O CLUB DE LECTURA
O 14 de xuño os integrantes do club de lectura de 4º ESO e 1º BACH gravaron na biblioteca un novo encontro con Fran Alonso para un programa sobre Clubs de Lectura que será emitido na TVG nos vindeiros meses. Reproduciron o seu anterior encontro co autor de Street Poems analizando de novo a obra e lembrando as impresións que lles producira a súa lectura. Moitas grazas á produción do programa por contar con nós e a Fran por volver a acompañarvos. E sobre todo moitas grazas aos membros do club por estar sempre dispostos a participar en todo o que lles propomos.













