Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

21 abr 2016

LENDO A JOHN GREEN



Nesta sesión decidimos comentar a lectura que cada quen tiña feito dos libros de John Green, pois, como están "de moda", crin que lles encantarían, pero, sorpresa!!, non foi así.

Para empezar, non todxs leran a este autor, e entre as persoas que o leron, houbo diversidade de opinións e variedade de gustos e disgustos ao respecto. Estamos ante un público esixente, polo que puidemos comprobar, valorando tamén as versións cinematográficas que algúns coñecían xa.

Deixamos enlaces aos libros Baixo a mesma estrelaCidades de papel por se alguén quere lelos online. 
Por certo, na columna lateral esquerda deste blog, tedes fichas de lecturas de varios libros cos datos básicos e con citas destacadas, se queredes entrades en fichas técnicas de lecturas ou de filmes tamén.


Bajo-la-misma-estrellaPortada Ciudades de Papel.



17 mar 2016

SESIÓN ANIMADA E FESTIVA PARA FINAL DE TRIMESTRE


O luns día 7 deste mes fixemos a sesión de final de trimestre no Club de Lectura, e dun xeito distendido limos certos pasaxes do libro que tiñamos entre mans por concluír: "Rebelión na granxa," e comentamos o seu significado, visionando ademais algunhas pasaxes do filme de animación baseado nesta obra de Orwell.

Unha cousa levou a outra e acabamos falando das aparencias, de transformacións, de música e de baile. De aí a presenza do video de Michael Jackson "Thriller", que revisamos e que serviu para pechar a xuntanza en plan moi festivo, imitando os magníficos pases de baile do artista para descargar as tensións acumuladas polos exames. 
Para mostra, estes divertidos fragmentos:



23 feb 2016

CALI-GRAMAS // BO AMOR - NO CLUB DE LECTURA


Desta volta, reunímonos para aprender a facer CALI-GRAMAS, que tiñamos que relacionar co tema do BO AMOR, pero entendido e practicado como benquerencia, respecto, dignidade, liberdade, e todos os conceptos que se nos ocorran en positivo, para non caer no abrazo do desamor, do control, da submisión...
Hai quer dicir que contamos con alumnas que xa traballaran este tipo de creación poética nun "Obradoiro de excelencia" o ano anterior no CEP ALTAMIRA.

Pareceunos interesante e divertido e esperamos ver as diversas aportacións na exposición que estará no corredor ao longo deste mes de febreiro. Todxs podemos participar. Ánimo!


31 ene 2016

A REVOLTA DOS ANIMAIS

O pasado luns 25 de xaneiro quedamos a mediodía cun clásico da literatura entre as mans: A revolta dos animais, Rebelión na granxa ou A granxa dos animais (ANIMAL FARM) de escritor británico George Orwell


Fixemos unha presentación do autor e da súa obra e comezamos a lectura do primeiro capítulo en alto. Como tiñamos dúas traducións diferentes desta obra ao galego, foi interesante atender aos comentarios que a/os lectora/es ían facendo sobre as diferenzas que atopaban. Expresamos os variados títulos anteditos, para referirse á mesma obra traducida a outras linguas.



Para animar esta lectura, relacionamos tamén as versións cinematográficas que se fixeron desta fábula onde os personaxes son animais que representan a humanos no xogo simbólico que o autor quixo establecer cunha historia que fala de rebelión dos sometidos contra os seus amos, pero relata despois como as ansias de poder, os enfrontamentos, a corrupción, as mentiras, volven a levar ao sometemento e á falta de liberdade, fracasando así a revolución, (en alusión á época estalinista na URSS). A finalidade do autor é mostrar os perigos dos totalitarismos e defender as diferenzas. "A liberdade -dicía Orwell- significa o dereito a dicirlle á xente o que non quere oír". No enlace de arriba tedes máis información sobre esta obra e sobre o pensamento e vida deste autor tan significativo e influínte. 

Van os enlaces a dúas versións fílmicas da novela, de 1954 en animación, e de 1999 con animais reais, por si queredes velas enteiras:



13 ene 2016

COMEZA A FUNCIÓN

Pois si, este luns 11 de xaneiro do novo ano que estreamos, tamén nos estreamos querendo coñecer os segredos dunha linguaxe tan importante como a linguaxe literaria, que ademais está tamén moi presente nas nosas vidas: a linguaxe cinematográfica. (neste enlace tedes unhas nocións básicas, que complementamos coa presentación que preparamos e que colgamos no post anterior).


Porque, dende que se inventou o cinematógrafo alá polo final do século XIX, tivo unha influencia manifesta como entretemento ou espectáculo, e tamén como medio para contar historias profundas a través do poder das imaxes, que nos fan reflexionar sobre a condición humana tanto como calquera bo libro. 
Vivimos rodeados de imaxes e para entender todo o significado que encerran debemos coñecer os seus propios recursos expresivos.


Por iso, despois de ver na anterior sesión o filme de Buster Keaton, nesta ocasión quedamos para comentalo e para dar unhas nocións básicas dos recursos dos que se vale o cinema para atraparnos, engaiolarnos e reconstruír tanto mundos reais como imaxinados, do pasado ou do presente, e incluso do futuro, ante os que caemos rendidos poloa súa capacidade de "ilusión"...

 
Disfrutamos moito e quedan apuntadas varias suxestións e peticións dos Siareiros para próximas sesións de cinema: "Cantando bajo la lluvia"... Agradecementos ao noso invitado, o profe Raúl Francés, que encantado quixo compartir con tod@s nós o amor pola "Sétima Arte"  e, en especial, por Buster Keaton, entreténdonos en desvelar, imaxinar ou supoñer os posibles trucos ou destrezas que daquela utilizarían para rodar con ese "saber facer". QUE ARTE!!

10 ene 2016

A LINGUAXE CINEMATOGRÁFICA: BUSTER KEATON


O luns 14 de decembro acabamos o trimestre cunha sesión do Club que aproveitamos para dar a coñecer a Buster Keaton e o seu filme "El maquinista de La General". 

Entregamos unha ficha sobre a "Linguaxe Cinematográfica" cos aspectos básicos para introducírmonos nos recursos expresivos deste medio, pois a nosa intención é quedar este luns 11 de xaneiro para facer os comentarios sobre o filme e un achegamento á arte do cinema, para o que preparamos a seguinte presentación que facilitará este obxectivo, esperando que resulte do interese dos siareiros. Nesta ocasión contaremos coa presenza do profesor Raúl Francés como invitado especial para compartir connosco a paixón polo cinema, en especial o de Buster Keaton.

21 nov 2015

SESIÓN SOBRE VIOLENCIA MACHISTA NO CLUB.

O luns 16 fixemos unha sesión especial coa idea de falar sobre as violencias machistas, para que as persoas presentes poideramos intercambiar pareceres, ademais de coller ideas para elaborar un Cartel en contra que presentar a concurso no centro. Partimos dos diferentes diarios de Carlota escritos pola escritora Gemma Lienas, sobre todo "O diario violeta de Carlota" e "O diario azul de Carlota", para dalos a coñecer e ler varios fragmentos seleccionados que nos permitiran guiar o debate. 


Unha cousa levou a outra e o interese que espertaron estes libros foi importante, porque varias siareiras quixeron levar exemplares para ler, ademais de interesarse tamén polo "Diario vermello de Carlota" e o "Diario vermello de Flánagan".



Retomaremos o tema na seguinte xuntanza, para conversar ao redor das relacións dxs xóvenes e analizar os diferentes comportamentos e poñernos as "gafas violetas" todos os días para aprender a detectar e rexeitar condutas discriminatorias ou violentas no xeito de relacionarse. Lembrade que no noso blog biblosvivos hai entradas con diversos documentos relacionados en contra da violencia de xénero ou machista e tamén están colgadas as bases do Concurso de Carteis

E por certo, compraremos o "Diario laranxa de Carlota", que non temos na BE e que fala dunha temática de total actualidade como é a da inmigración e os dereitos humanos.