Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

13 ene 2016

COMEZA A FUNCIÓN

Pois si, este luns 11 de xaneiro do novo ano que estreamos, tamén nos estreamos querendo coñecer os segredos dunha linguaxe tan importante como a linguaxe literaria, que ademais está tamén moi presente nas nosas vidas: a linguaxe cinematográfica. (neste enlace tedes unhas nocións básicas, que complementamos coa presentación que preparamos e que colgamos no post anterior).


Porque, dende que se inventou o cinematógrafo alá polo final do século XIX, tivo unha influencia manifesta como entretemento ou espectáculo, e tamén como medio para contar historias profundas a través do poder das imaxes, que nos fan reflexionar sobre a condición humana tanto como calquera bo libro. 
Vivimos rodeados de imaxes e para entender todo o significado que encerran debemos coñecer os seus propios recursos expresivos.


Por iso, despois de ver na anterior sesión o filme de Buster Keaton, nesta ocasión quedamos para comentalo e para dar unhas nocións básicas dos recursos dos que se vale o cinema para atraparnos, engaiolarnos e reconstruír tanto mundos reais como imaxinados, do pasado ou do presente, e incluso do futuro, ante os que caemos rendidos poloa súa capacidade de "ilusión"...

 
Disfrutamos moito e quedan apuntadas varias suxestións e peticións dos Siareiros para próximas sesións de cinema: "Cantando bajo la lluvia"... Agradecementos ao noso invitado, o profe Raúl Francés, que encantado quixo compartir con tod@s nós o amor pola "Sétima Arte"  e, en especial, por Buster Keaton, entreténdonos en desvelar, imaxinar ou supoñer os posibles trucos ou destrezas que daquela utilizarían para rodar con ese "saber facer". QUE ARTE!!

10 ene 2016

A LINGUAXE CINEMATOGRÁFICA: BUSTER KEATON


O luns 14 de decembro acabamos o trimestre cunha sesión do Club que aproveitamos para dar a coñecer a Buster Keaton e o seu filme "El maquinista de La General". 

Entregamos unha ficha sobre a "Linguaxe Cinematográfica" cos aspectos básicos para introducírmonos nos recursos expresivos deste medio, pois a nosa intención é quedar este luns 11 de xaneiro para facer os comentarios sobre o filme e un achegamento á arte do cinema, para o que preparamos a seguinte presentación que facilitará este obxectivo, esperando que resulte do interese dos siareiros. Nesta ocasión contaremos coa presenza do profesor Raúl Francés como invitado especial para compartir connosco a paixón polo cinema, en especial o de Buster Keaton.

21 nov 2015

SESIÓN SOBRE VIOLENCIA MACHISTA NO CLUB.

O luns 16 fixemos unha sesión especial coa idea de falar sobre as violencias machistas, para que as persoas presentes poideramos intercambiar pareceres, ademais de coller ideas para elaborar un Cartel en contra que presentar a concurso no centro. Partimos dos diferentes diarios de Carlota escritos pola escritora Gemma Lienas, sobre todo "O diario violeta de Carlota" e "O diario azul de Carlota", para dalos a coñecer e ler varios fragmentos seleccionados que nos permitiran guiar o debate. 


Unha cousa levou a outra e o interese que espertaron estes libros foi importante, porque varias siareiras quixeron levar exemplares para ler, ademais de interesarse tamén polo "Diario vermello de Carlota" e o "Diario vermello de Flánagan".



Retomaremos o tema na seguinte xuntanza, para conversar ao redor das relacións dxs xóvenes e analizar os diferentes comportamentos e poñernos as "gafas violetas" todos os días para aprender a detectar e rexeitar condutas discriminatorias ou violentas no xeito de relacionarse. Lembrade que no noso blog biblosvivos hai entradas con diversos documentos relacionados en contra da violencia de xénero ou machista e tamén están colgadas as bases do Concurso de Carteis

E por certo, compraremos o "Diario laranxa de Carlota", que non temos na BE e que fala dunha temática de total actualidade como é a da inmigración e os dereitos humanos.

27 oct 2015

PROGRAMA DO CLUB DE LECTURA. 2015-2016

Comezamos xa un novo curso e queremos presentarvos o programa que deseñamos para o Club dos Siareiros da Palabra.

Presentámonos o luns 19 de Outubro, e este luns 26 volvimos a reunírmonos para preparar o Recital de Poesía Adolescente que temos entre mans e que significará a presentación do novo Club de Lectura, con novos membros de 1º ESO moi animados a ler e a participar nas actividades. Estamos entusiasmadxs porque a nosa invitación as alumnas/os poetas do IES Ribeira do Louro é posible e van estar connosco no recital do día 4 de novembro, para celebrar o Día das Bibliotecas Escolares, promocionar a lectura en galego...



ACTIVIDADES PREVISTAS:

- Programa de Lecturas mensuais:

-OUTUBRO -Presentación e posta en común das lecturas feitas no verán, para compartilas, falar dos gustos de cadaquen, das normas do Club, da preparación dun recital de Poesía: Con textura de fume no día da BE. Lectura en alto de poemas seleccionados do Premio Escolar de Poesía Rosalía de Castro. Invitar ao recital a varias alumnas premiadas, do IES Ribeira do Louro de O Porriño.

-NOVEMBRO -Comentario de Fahrenheit 451 de Ray Bradbury. Libro, BD e filme.
Facer fotografía de persoas-libro no bosque, inspirada nesta lectura. Invitada profe física Ana Sío.

-DECEMBRO -Filme: Traballar a linguaxe cinematográfica elixindo algún filme: p.e. El maquinista de la General de Buster Keaton. // Up...

-XANEIRO –Novela: A revolta dos animais de George Orwell. // Ademais dunha lectura proposta polos Siareiros da Palabra, entre as súas favoritas. Invitar profes Hª.

-FEBREIRO –Novela: Ciudades de papel. John Green. // La lección de August. Invitada a Orientadora et alt.
Contacontos: Elección, grupos, ensaios: Adaptación de: Viva el mal! Viva el capital!. Santiago Alba Rico. // Ou un relato de ciencia-ficción.//Ou de Galeano. “Imaxinar un mundo mellor...

-MARZO -Contacontos: representación co CRA Raíña Aragonta. Invitados CRA.

-ABRIL -BD: Superheroes... Ciencia-Ficción. Invitado Nacho, profe Plástica.

-MAIO -Tempo de Poesía: Recital:Poesia e paisaxe con Manuel María”. Invitar as/os profes de galego. (Aprender a recitar para conmemorar as Letras Galegas).

 -XUÑO -Saída a Cabo Home e costa do Morrazo: Comida Literaria,  rota  pola  contorna e textos de poesía relacionada coa paisaxe… Ou ao Faro de BudiñoInvitar profes Edu. Física.
      

           - Outras actividades:

-Tamén Len: Invitación mensual dun lector/a da contorna ou antigo alumno/a para ler un fragmento ou relato e facer debate posterior, no recreo na Biblioteca, aberta a todos. En colaboración co Dpt. de Lingua Castelá

Recitais de poesía.

- Presentación de Libros: participación dalgún editor, autor, artista, etc.

-Concurso fotográfico para fomento da lectura: Ler un relato ou  poema de entre  varios aconsellados ou preferidos e realizar unha imaxe fotográfica alusiva acompañada dun título suxestivo. Relacionado co eslogan da BE deste ano:Imaxina que....
-Elaborar unha fotografía inspirada no mundo da lectura que nos serva de imaxe soporte da nosa andaina lectora e que sexa significativa.

-Concurso de Cali-gramas: relacionado co día dos Namorados ou da Muller.

-Contacontos:, de creación propia ou adaptada, representalo en colaboración co CRAC Raíña Aragonta (a nenos/as de 3-5 anos).

-O K LIN: nun recreo ao trimestre, na BE, un alumno/a interesado fala sobre  unha lectura do seu gusto e compartimos comentarios cos asistentes.

-Contacto de posible colaboración co Club de Lectura da Biblioteca Municipal.

     -  Posibles saídas:

- Excursión literaria de 1 día a Cabo Home, mar, paisaxe, paisanaxe, para ler poesía e facer algunha rota e unha comida literaria. Outras opcións: Rota de sendeirismo no Faro de Budiño “Rincón de Lectura na zona, nunha xornada literaria. Quedar unha noite de “Viaxe ás estrelas” guiados por alguén experto na contemplación da bóveda celeste.

21 jun 2015

SESIÓN DE XUÑO COMENTANDO A DERRADEIRA LECTURA DO CURSO.

O pasado luns 7 de xuño, caloroso día, reunímonos para compartir impresións e expresións sobre a lectura do libro de Édouard Louis, que temos entre mans e na cabeza, ademais de valorar o Contacontos deste ano en colaboración co CRA da Revolta.

 Con este acto rematamos este curso no que tivemos experiencias interesantes e divertidas. Á volta teremos o compromiso de buscar entre todxs a fórmula para mellorar un Club de Siareiros da Palabra que leva xa feita unha boa andaina, pero que é esixente e cada ano tenta probar cousas novas, de actualidade, relacionadas coa realidade que vivimos, tirando de diferentes formas de comunicar a palabra; sexan recitais, escenificacións, debates, relacionar palabra e imaxe, audiovisuais,etc.

Compre sempre agradecer a participación de todo o alumnado inquieto que asiste ás reunións, dá ideas e colabora dun xeito aberto e creativo sempre que xurde unha oportunidade. 
Vémonos en setembro para falar das experiencias literarias ou cinematográficas de cadaquen no tempo de verán, que xa ansiamos.


Pero antes, queremos deixar un pouco de música para acompañar os día libres, e nada mellor que facelo a través da actuación de varias alumnas de 4º ESO, que nos deleitaron coas súas voces na festa de fin de curso, e que pertenceron ao noso Club de Lectura ao longo desta singradura que compartimos varios anos. Desexamos un magnífico futuro a Alba, Lucía, Fabiola (coros) e Selena (solista)... Por certo, á guitarra está Dani Peroja.


CONTACONTOS: COLABORANDO CO CRA "A REVOLTA" NUN TAMÉN LEN ESPECIAL




O pasado xoves 4 de xuño os Siareiros da Palabra, xunto co alumnado de 1º ESO, os mesmos que no ano 2007 viñeran visitarnos ao Tamén Len que daquela fixeramos para achegármonos aos máis pequenos da contorna, foron os que na actualidade deron a benvida aos nosos invitados, os pequenos do CRA "A Revolta", para compartir un recreo especial nunha sesión moi teatral que presentaron al "alimón" Martín e Uxía: 


Os nenos e nenas italianos cantan unha cantiga moi popular nese país, con letra deste maxistral texto de Gianni Rodari e melodía composta polo cantautor Sergio Endrigo. Como unha típica filastrocche, a modo de copla ou retahíla, esta canción é a presentación ideal para “Que fai falta?”, que se acaba de incorporar (2011) á colección de Clásicos Contemporáneos de KALANDRAKA. Silvia Bonanni ilustra a obra do que fora un gran referente para a pedagoxía moderna.

-primeiro vimos no escenario a simpática representación do conto de Gianni Rodari "Que fai falta" e doutro adaptado titulado "Os bos amigos". 
-De seguido,  o Club de Lectura encarnou "Los números árabes", un dos relatos de Juan José Millás do libro "Números pares, impares e idiotas" e, finalmente, os alumnos e alumnas de 1º ESO escenificaron outro deles "El 8 y el ocho". Esta elección tiña a intención de xogar cos números dentro dunhas historias que puideran entender os máis pequenos pero que resultaran entretidas e tamén gustaran ao público do noso instituto que nos acompañou neste recreo cun cheo de sala completo, que é de agradecer.

Aquí deixamos o enlace ao post de biblosvivos contando esta experiencia:
http://biblosvivos.blogspot.com.es/2015/06/contacontos-colaborando-co-cra-da.html

Porén,  vai a man o voso video en especial:


Sempre é un pracer contar convosco!!!!

26 abr 2015

PRESENTACIÓN DUN NOVO LIBRO E DOS ESCRITOS DE VARIAS alumnas SIAREIRAS DA PALABRA

-Na última sesión do Club de Lectura varias compañeiras e compañeiros ofrecéronse para formar os xurados que valorarían e elixirían os mellores traballos presentados ao Concurso "Unha Ollada á Paz" e ao Certame "Fórmulas de Bo Amor".

-Presentamos un novo libro como próxima lectura do Club, dos máis recentes publicados en Francia e agora traducido ao castelá editado por Salamandra, que nos pareceu moi interesante polo seu contido e por como está escrito. 

Escrito por un xovencísimo Édouard Louis e titulado "Para acabar con Eddy Bellegueule"
fai un magnífico relato da súa propia vida, contando con claridade e cortante dureza feitos violentos e discriminatorios; tanto no espazo das rúas, como na escola ou na propia casa. Esa dureza emana das estruturas sociais e familiares, nun medio desfavorecido polas condicións laborais, polo desemprego e a pobreza, polo alcolismo, polo machismo, pola homofobia; porque como di o  autor "se nos etiqueta nada máis chegar a este mundo e imos construíndonos como persoas nesa dominación invisible". Recoñece que é dificil confesar que un sufre, que é humillado e excluído e chega á conclusión de que a violencia está fóra dos individuos. É o sistema quen a produce.


Comeza o libro con estas palabras:

"De mi infancia no me queda ningún recuerdo feliz. No quiero decir que no haya tenido nunca, en esos años, ningún sentimiento feliz o alegre. Lo que pasa es que el sufrimiento es totalitario, hace desaparecer todo cuanto no entre en su sistema. 
En el pasillo aparecieron dos chicos: uno, alto y pelirrojo; otro, bajo y encorvado. El pelirrojo alto escupió: ¡Toma, en toda la jeta!.
El escupitajo me fue resbalando por la cara, amarillo y espeso...".

O seu estilo mestura con aparente facilidade a voz coidada do narrador con brutas expresións coloquiais. E acaba deixándonos co asco, a xenreira e a impotencia metidas na boca, porque nos fai sentir como el se sinte; pero tamén quere que comprendamos como é capaz incluso de protexer aos seus agresores homófobos para tentar dalgún xeito sentirse aceptado e rematar coas humillacións. Pero a súa única saída foi fuxir da miseria material e moral da localidade do norte onde naceu e da súa familia, e acabou refuxiándose na literatura despois de estudar Historia e tamén Socioloxía na universidade. Usa a expresión literaria para denunciar a violencia e remover as bases dunha sociedade que se quere culta e igualitaria, e que invisibiliza no discurso político estas problemáticas. Escribir sobre a violencia é unha forma de combatila. Di " a violencia que coñecín non é responsabilidade dos que a exercían, senón producida pola súa propia exclusión. Por iso constrúo o meu libro describindo a vida dos outros.Todo está calculado literariamente para acadar unha revolta non contra a violencia das clases populares, senón contra o que produce toda esa violencia".
 Explica na entrevista publicada en El País Babelia (7-2-2015) que non puido disfrutar da lectura ata os 16 anos, porque nese contexto social ler é de maricas, que che guste a escola tamén, porque hai un desaxuste real entre a escola e os fillos das clases populares e pensa que nada cambia se non modificas o sistema escolar. 
O reencontro segue a ser violento, sen solución, tanto coa familia como na súa vila.
Está a piques de rematar o seguinte libro, que fala da violencia racista contra os inmigrantes alxerianos en Francia, tamén partindo dunha historia real.

-O resto da sesión tivemos o pracer de escoitar a experiencia que varias alumnas do Club teñen coa escritura: Alba Fernández e Lucía, de 4º e Laura Delgado e Leticia, de 2º. Adoitan publicar os seus textos na Rede, en Wattpad (es una comunidade en línea en torno a temas de escritura y narración. Los usuarios pueden publicar artículos, relatos y poemas sobre cualquier cosa, ya sea en línea o a través de la aplicación Wattpad. El contenido incluye obras de autores desconocidos y publicados. Los usuarios pueden comentar y pueden votar por las historias o unirse a grupos asociados con el sitio web. Wikipedia)

Leu Alba un pequeno fragmento do inicio do que quere ser unha historia ao redor dunha xoven adicta ás drogas, a quen botan fóra da casa, vive na rúa e coñecerá a novos personaxes dos que recibirá axuda, pero Alba pensa que ten definido un final non moi feliz... Destacar o estilo conciso pero usando a descrición dun xeito efectivo.
De seguido, Lucía leu un capítulo dunha historia titulada "La chica de las mariposas", ambientada na Inglaterra vitoriana, onde puidemos apreciar un estilo dialogado e bastante cinematográfico, construído con frases curtas, ao redor dun personaxe escuro e rodeado de misterio, que resulta ser unha fada.
Tamén se animaron a intervir Laura e Leticia para falarnos da súa experiencia de escritura compartida sobre o relato titulado "La temática de los sueños".

Houbo un intercambio de ideas moi interesante sobre as súas experiencias como escritoras  e quixemos saber algo máis das pautas que cada unha utiliza para montar unha historia, e o xeito é diverso. Pois, moito ánimo e a escribir, que é un exercicio creativo magnífico. 
Recomendámoslles ler "La gramática de la fantasía" de Gianni Rodari, como boa guía para aprender a estruturar o relato, así como tamén beber da boa novela policial para taballar os diálogos.