Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

14 jul 2014

RECOLLENDO O PREMIO AOS CONTACONTOS.

O día 5 de xullo fomos invitados a asistir á celebración do DÍA DO COOPERATIVISMO no Espazo Ágora da Coruña (día que se celebra a principios deste mes a nivel internacional). Foi o momento de subir todos os que alí estivemos ao escenario para recoller o premio e o diploma acreditativo que nos foi concedido polo noso traballo cos Contacontos...

...eeeeee, sorpresa, sorpreeeeesaaa! 
Cada un dos alumnos e alumnas participantes foron agasallados cunha "tableta"!!!!

Imaxinade a cara de satisfacción que se nos puxo a todas e cada unha das persoas presentes: eles, nós os profes e algunha nai e pai que nos acompañaron.

Participamos en actividades diversas ao longo da xornada: escoitamos á enérxica e comprometida cantante Sés, a contacontos Paula Carvalheira brindounos, tamén en directo, un bo exemplo de como contar historias con moita arte e gracia; degustamos produtos cooperativos que fixeron as delicias de todos á hora do xantar (aínda que a algúns e algunhas non lles chegaron a moito estas pequenas exquisiteces e botaron de menos un bo bocata); houbo xogos tradicionais e xogos cooperativos para quen quixo participar, teatro, etc. Pero é sabido que cunha tableta na man de cada quen, tiñamos pouco que facer para atraer a súa atención dun xeito tan irresistible como o fai calquera destes inventos... Son os tempos!!!

Volvimos ledos e libres para disfrutar dunhas boas vacacións!!






25 jun 2014

BROCHE DE OURO: CELEBRACIÓN COA INVITACIÓN DO CRA RAÍÑA ARAGONTA

Hoxe, que foi día de recollida de notas, aproveitamos que estaban os alumnos e alumnas no Centro para ter a ocasión de celebrar co CRA de Salceda a experiencia:


 CONTACONTOS "SIAREIROS DA PALABRA

I ENCONTRO do IES Pedras Rubias-CRA Raíña Aragonta
2013-2014

Esta é a denominación que acuñaron as simpáticas e amables mestras que quixeron compartir con nós un bo momento para celebrar esta colaboración tan fructífera. A partr de agora falaremos de ENCONTROS, porque no futuro esperamos, ámbalas dúas partes, que haxa novos encontros anuais para compartir actividades de animación á lectura, teatro, contos...

Tiveron a ben agasallarnos cuns coloristas bolis e marcapáxinas con citas de autores sobranceiros alusivas á lectura. Hai que dicir que foron feitos por elas artesanalmente con efectos de troquelado, e quedaron moi, moi chulos. 



Quedamos encantadas e brindamos e tomamos uns pinchos á saúde de todos e todas!

-Grazas ao CRA Raíña Aragonta pola súa amabilidade-


_______________________________________________
Lembrade que o Sábado 5 de Xullo quedamos en A DEVESA ás 8'30h-8'45 h da mañá, onde nos recolle o bus. 

Procurade ser puntuais!!

12 jun 2014

PREMIO DE COOPERATIVISMO NO ENSINO PARA OS CONTACONTOS

Hai uns días comunicáronnos a boa nova de que nos foi concedido o PREMIO DE COOPERATIVISMO NO ENSINO SECUNDARIO, na modalidade de actividades cooperativizadas na Categoría E: para alumnado de 1º Ciclo da ESO. 

O traballo presentado a concurso foi: 
"CONTACOTOS: COOPERAMOS ENLEANDO CONTOS NO BOSQUE"


PARABÉNS, SIAREIROS DA PALABRA!!!!



Dimos a noticia no recreo, cunha pequena festa-celebración, con "gholichadas", na Biblioteca, onde comunicamos que o sábado día 5 de Xullo teremos que facer acto de presenza na entrega de premios, nunha xornada na Coruña, onde haberá teatro, xogos cooperativos, degustación, etc. 

Deixamos aquí o enlace á concesión do Premio ao mellor traballo na categoría E: alumnas/os de 1º ciclo da ESO, e ao Programa da celebración, que coincide co Día Internacional do Cooperativismo, o 5 de xullo.

http://www.cooperativasdegalicia.com/noticias/detalle.php?idNoticia=765

http://www.cooperativas2014.com/dia-do-cooperativismo/presentacion/

http://www.cooperativas2014.com/dia-do-cooperativismo/programa/


ALÍ ESTAREMOS!!




8 jun 2014

UNHA TARDE FALANDO DE PELIS DE VAQUEIROS...


O luns 2 de xuño tamén tivemos invitado á sesión do noso Club a Xabier Romero, que foi o noso compañeiro de Historia durante 3 cursos, e que se brindou encantado a "facer dobrete"; porque despois de empezar a falar de "O Western: Documento dunha época ou lenda?" na concorrida sesión do Tamén Len no recreo, seguíu a súa interesante exposición sobre o tema, a mediodía connosco e con todas as persoas invitadas que quixer.



Poidemos disfrutar coas imaxes e cos fragmentos tan significativos que montou para a ocasión, facendo evidente que as pelis do Oeste americano foron un magnífico entretemento nunha época, pero tamén un documento cinematográfico excepcional, que creou unha mitoloxía contemporánea que nos influíu a todos. Non hai maís que ver as nosas vestimentas usuais, debedoras dese mundo tan particular de pioneiros, conquistadores, indios sometidos e vencidos, foraxidos...

30 may 2014

CENTAUROS DO DESERTO: UNHA APROXIMACIÓN AO WESTERN

Este luns 26, en sesión do Club, decidimos aventurarnos a facer unha viaxe ao oeste americano (EE.UU), e para tal fin eliximos o filme do gran director John Ford "Centauros do deserto" (1956), obra mestra no contido e na forma, (tedes a ficha de lectura no apartado deste blog: Películas que visionamos).



A idea é que os Siareiros da Palabra coñezan un xénero cinematográfico que entre a mocidade de hoxe non ten o mesmo seguemento que tivo na nosa época; mais somos moitos os que consideramos que pode ser de grande interese profundizar na historia, na paisaxe e nos arquetipos ou personaxes prototípicos destas historias: sheriff, xusticieiros ou pistoleiros, vaqueiros, bebedores; o papel da muller nese mundo de pioneiros fronte aos indios...e, por suposto, a historia real da conquista dun enorme territorio disputado entre respectar as tribos indias ou a nova presenza dos conquistadores vinculada á idea de progreso...

 O tema, polo tanto, dá para falar e debater; e tamén para relacionar con lecturas. Iso esperamos facer noutra sesión o luns 2 de xuño, cun invitado de excepción co que compartimos esta paixón. Polo de agora, preferimos que quede como sorpresa...

->Xa sabedes, haberá un Faladoiro sobre o western aberto a todo aquel que teña interese en participar.

22 may 2014

A GALIÑA AZUL E OS CONTACONTOS

Hoxe, xoves 22 de maio, estivemos representando os CONTACONTOS aos pequerrechísimos da GALIÑA AZUL de Salceda. 



Tiñamos certo temor de facerlles sentir medo con lobos, ladróns e demais personaxes dos contos. Algo choromicaron, pero, segundo palabras das súas coidadoras, estaban encantados porque non se movían do sitio; pois cando algo lles aburre, deseguido se levantan ou están a outra cousa. 


Cun público tan especial e esixente, quen sabe!!

A experiencia volveu ser moi gratificante para todas e todos. Así que, esperan que, unha vez iniciada esta actividade sexamos quen de darlle continuidade para o ano...

17 may 2014

Representamos CONTACONTOS na GALIÑA AZUL. Xoves 22 Maio.

De novo toca prepararse e reunírmonos este luns 19 a mediodía para ensaiar os Contacontos, porque, como xa anunciamos, chamáronnos da Escola infantil "A GALIÑA AZUL" do noso concello, para ir representar. Faremos unha sesión cos 4 contos, este xoves 22 de Maio, entre 10'30 h e 11'30 h.

Como iamos dicir que non...! 

Agradecemos a petición e poñerémonos unha vez maís a tentar facelo o mellor posible. 


Así que, este luns non podemos faltar ninguén. Alí disporemos todo o necesario...

ÁNIMO E ,ANTE TODO, MOITA CALMA!!