Hoxe tivemos a última reunión deste curso do club de lectura de 1º ESO a cal quedara pendente de realizarse no mes de maio debido a imprevistos. Comentamos o libro Bruxas e dragóns, unha xenial aposta lúdica e literaria de Ledicia Costas. Resultou unha lectura "sorprendente, intrigante, máxica, aventureira, emocionante e moi entretida" en palabras das nosas ávidas lectoras. Unha lectura que leva por diferentes camiños segundo a escolla que vaian facendo os e as lectoras. Ademais, nesta sesión, fixemos xa propostas de actividades e títulos para o próximo curso e valoramos de xeito xeral as lecturas que fixemos ao longo do curso, as que máis e menos gustaron. Por ser o último encontro tivemos unhas sobremesas gorentosas para acompañarnos. Agardamos que o próximo curso sigamos gozando co noso club e que vos unades a el. Aí vos vai unha fotiño do encontro. 💜📙
Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao
1 jun 2026
SSESIÓN DE MARZO
Onte 9 de marzo reunímonos no club de lectura de 1º de ESO para intercambniar as nosas impresións tras a lectura da obra teatral La foto de los mil me gusta de Nando López. En xeral faltoulles máis contido e algo de "chispa" dentro da obra e comentaron os diferentes personaxes. Tamén comezamos a preparar os contos que lles van ler aos alumnos e alumnas de infantil do CRA Altamira, o noso cole adscrito, nunha nova edición do apadriñamento lector que xa fixemos o curso pasado. Tamén decidimos que a próxima lectura sería Heartstopper en banda deseñada. Aquí vos deixamos unha mostra da sesión.
12 feb 2026
SESIÓNS FEBREIRO
Neste mes, o 9 de febreiro, reuniuse de novo o grupo de cuarto da ESO para comentar, desta volta, as poesías de Carlos Negro. As obras escollidas foron Maquinaria e Aplicación instantánea nas que o autor conecta moi ben coa rapazada cunha poesía fresca, directa e coa súa propia linguaxe.
O club de profes reuniuse o 11 de febreiro para comentar unha existosa obra de Laettitia Colombini, A trenza. Gustounos moito e gozamos coa lectura das tres historias protagonizadas por tres mulleres de lugares moi distantes (Canadá, India, Italia). Cada unha delas vive unhas circunstancias moi diferentes inzadas de obstáculos, emocións, retos e loitas persoais que nos amosan a problemátca social e persoal á que cada unha delas ten que enfrontarse. O final da obra entrelaza as tres vidas de xeito sorprendente. Cunha prosa fácil e que engancha dende o comezo a autora fíxonos emocionar. A versión cinematográfica, dirixida pola propia autora, tamén está dispoñible.
CLUB LECTURA XANEIRO
Hoxe xuntámonos de novo no club de lectura. No grupo de 3º e 4º ESO comentaron La foto de los mil me gusta, de Nando López, unha obra de teatro fresca e actual que lles gustou. En primeiro de ESO comentamos as lecturas que levamos para o Nadal de escolla propia. Títulos como O neno do pixama de raias, Crónicas de la torre, Mitos griegos ou Pulsaciones espertaron a curiosidade nos membros do grupo que non as leran para coñecelas. Para o próximo encontro leremos La foto de los mil me gusta. Deixamos unha fotiño do encontro. Agardámosvos na biblio!!!💚
DECEMBRO
O luns19 de decembro, para rematar as sesións deste trimestre do club de lectura, reunímonos de novo para ler e comentar a obra de banda deseñada TAM. Fixemos a lectura compartida e logo intercambiamos opinións. Gustounos esta banda deseñada escrita por Anémona de Río, pseudónimo de Aldara Álvarez García, Vigo, 1995. Gustoulle debuxar dende sempre pero nunca o contemplou como unha profesión ata que en 2013 entrou na escola de cómic e banda deseñada O Garaxe Hermético, onde participou en dous álbums: 221BD e Verne imaxinado. O seu proxecto Tam gañou o Premio Fin de Curso e foi publicado por Retranca Editora. Durante estes anos tamén realizou varias tiras cómicas para o Diario de Pontevedra. En 2019, gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético con A proba de auga. Actualmente dedícase a facer encargos personalizados. Pódense atopar máis mostras do seu traballo en Instagram e Twitter en @anemonaderio.
Aquí vos deixamos unhas fotiños da sesión.
O club de manga segue coas súas reunións semanais no recreo dos martes e coa súa participación no chat que temos na aula virtual destinado ao club. En cuarto non puidemos realizalo por enfermidade da profesora que o coordina.
NOVEMBRO
Neste mes celebramos unha nova sesión do club de lectura:
- no club manga seguen reuníndose semanalmente e, ademais de comentar Hanko Kun, aprenden moito de debuxo manga coas indicacións dalgunha das participantes no club:
- no grupo de 1º de ESO comentamos este mes o libro Dúas bágoas por máquina, de Fina Casalderrey que nos transmitiu a importancia do amizade e do cariño entre humanos e animais:
SESIÓNS DO CLUB DE LECTURA
Arrancamos este novo curso coa nosa biblio en obras. Ampliouse o espazo de xeito que contamos cun lugar máis acolledor e lumninoso. Comezamos polo tanto o camiño este ano moi devagar ata que todo estea listo. Esperamos que vos guste e contamos coa vosa visita.
Neste curso continuamos co club de manga que amplia o número de integrantes e contamos con outros dous, un de 1º de ESO e outro de 3º e 4º. Arrancamos en outubro, mes no que se realizaron as primeiras sesións. En 1º comezamos coa lectura de Trece avisos de Paula Carballeira para adentrarnos no mundo do sobrenatural de xeito entretido e ir así achegándonos ao noso Samaín e a cultura popular relacionada co medo. En cuarto escollemos unha obra breve pero moi intensa que nos fará reflexionar sobre a barbarie das guerras, Enderezo descoñecido de Kressman Taylor. As reunións de manga lévanse a cabo todos os martes no recreo e a primeira dos outros dous grupos foi este luns 20 de outubro. Queremos mostrarvos aquí a creatividade que amosan os membros do club manga xa que nesta primeira reunión, na que analizaron a saga Hanako Kun, crearon uns debuxos fantásticos que aquí vos mostramos.
3 jun 2025
ültima sesión de manga
Onte na última sesión do club de manga deseñaron unha chulísima bolboreta como a que protagoniza algunhas páxinas do manga que leron: Hanako Kun. Grazas á profe Helga por levar o club e á profe ESther de plástica que axudou no deseño da bolboreta. Agardamos continuar co club o próximo curso. Aquí vos deixamos a testemuña gráfica:
Novas sesións en maio
Hoxe 26 de maio tivemos unha nova sesión do club de lectura. Por unha banda no grupo de primeiro da ESO seguimos coa dramatización da obra Dormente de Raquel Castro. As nosas actrices convertéronse nos personaxes da obra e deron voz a todos eles dun xeito fantástico. Por outra banda o club de manga adentrouse na nova lectura Hanako Kun de Aida Iro e compartiron as súas impresións de xeito moi entretido.
Club lectura marzo
Este luns 31 tamén nos reunimos no club de lectura. No club manga falaron de My Hero Academia, en 3º ESO leron Fóra de campo e en primeiro dramatizamos o comezo de Dormente de Raquel Castro. Aquí van unhas fotiños das marabillosas actrices.
Club lectura febreiro
O 3 de febreiro celebramos novas reunións do club de lectura. No de 1º ESO entramos no mundo virtual dos videoxogos coa obra de Paula Carballeira Wombo Combo e ao final da reunión cada lectora creou o seu propio avatar tal como vedes aquí:
No grupo de 3º ESO leron Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial, obra coa que gañou o Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 de teatro. No club de manga tiveron unha interesante conversa con Uxía Samartín, experta en anime na que aprenderon mesmo a deseñar os seus propios disfraces de manga. Aquí vai a mostra gráfica:
14 ene 2025
Sesión de xaneiro
Onte luns 13 de xaneiro reuniuse de novo o club de lectura e tras analizar as obras lidas (Trece anos branca, de Agustín Fernández Paz; Non cantan os paxaros neste bosque, de Carlos Negro e Spy x family 3 no club de manga) fixemos algunhas montaxes knolling a partir do que lles suxeriu a lectura das obras ao alumnado. Aquí volas deixamos.
12 nov 2024
NOVAS LECTURAS
14 oct 2024
REUNIÓN DE OUTUBRO DO NOSO CLUB
Tivemos hoxe unha nova sesión do club de lectura na que comentamos dúas obras teatrais: A derradeira bala e O achado do castro. Comentamos os seus argumentos e personaxes e dramatizamos algunhas escenas. Son obras que gustaron moito e que axudaron a que o alumnado vaia descubrindo o xénero teatral desde outra perspectiva. Agardamos unha próxima reunión pronto.
29 jun 2024
GRAVACIÓN DO PROGRAMA LÉOCHOEU CON FRAN ALONSO E O CLUB DE LECTURA
O 14 de xuño os integrantes do club de lectura de 4º ESO e 1º BACH gravaron na biblioteca un novo encontro con Fran Alonso para un programa sobre Clubs de Lectura que será emitido na TVG nos vindeiros meses. Reproduciron o seu anterior encontro co autor de Street Poems analizando de novo a obra e lembrando as impresións que lles producira a súa lectura. Moitas grazas á produción do programa por contar con nós e a Fran por volver a acompañarvos. E sobre todo moitas grazas aos membros do club por estar sempre dispostos a participar en todo o que lles propomos.
13 jun 2024
EXCURSIÓN FIN DE CURSO BIBLIO
Como peche ás actividades deste curso o 29 de maio fixemos unha excursión literaria conxunta co público máis fiel do Tamén Len, do club de lectura e cos colaboradores de voluntariado da biblioteca. Achegámonos ao universo literario de Domingo Villar facendo un percorrido por algúns escenarios nos que se desenvolve a novela A praia dos afogados. Visitamos así Panxón e fixemos lecturas de fragmentos da obra ademais de poder gozar dun día solleiro na praia. Grazas a todo o alumnado participante e agardamos que o próximo curso teñamos moitas máis lecturas proveitosas. Aquí vos deixamos unha pequena mostra en imaxes do día.



.jpg)

.jpg)























