siareiros da palabra
Club de lectura do IES Pedras Rubias- Salceda de Caselas
Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao
12 nov 2024
NOVAS LECTURAS
14 oct 2024
REUNIÓN DE OUTUBRO DO NOSO CLUB
Tivemos hoxe unha nova sesión do club de lectura na que comentamos dúas obras teatrais: A derradeira bala e O achado do castro. Comentamos os seus argumentos e personaxes e dramatizamos algunhas escenas. Son obras que gustaron moito e que axudaron a que o alumnado vaia descubrindo o xénero teatral desde outra perspectiva. Agardamos unha próxima reunión pronto.
29 jun 2024
GRAVACIÓN DO PROGRAMA LÉOCHOEU CON FRAN ALONSO E O CLUB DE LECTURA
O 14 de xuño os integrantes do club de lectura de 4º ESO e 1º BACH gravaron na biblioteca un novo encontro con Fran Alonso para un programa sobre Clubs de Lectura que será emitido na TVG nos vindeiros meses. Reproduciron o seu anterior encontro co autor de Street Poems analizando de novo a obra e lembrando as impresións que lles producira a súa lectura. Moitas grazas á produción do programa por contar con nós e a Fran por volver a acompañarvos. E sobre todo moitas grazas aos membros do club por estar sempre dispostos a participar en todo o que lles propomos.
13 jun 2024
EXCURSIÓN FIN DE CURSO BIBLIO
Como peche ás actividades deste curso o 29 de maio fixemos unha excursión literaria conxunta co público máis fiel do Tamén Len, do club de lectura e cos colaboradores de voluntariado da biblioteca. Achegámonos ao universo literario de Domingo Villar facendo un percorrido por algúns escenarios nos que se desenvolve a novela A praia dos afogados. Visitamos así Panxón e fixemos lecturas de fragmentos da obra ademais de poder gozar dun día solleiro na praia. Grazas a todo o alumnado participante e agardamos que o próximo curso teñamos moitas máis lecturas proveitosas. Aquí vos deixamos unha pequena mostra en imaxes do día.
27 may 2024
Sesións dos clubs de lectura
Lembramos as sesións do club de lectura que celebramos no terceiro trimestre. O 8 de abril xuntáronse os de 1º e 2º ESO para coñecer a obra A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto, unha novela gráfica que nos leva a tempos da memoria histórica a través dunha emotiva historia. O 15 de abril foron os de 1º BACH e 4º ESO os que se runiron para comentar a obra Nómades de Xosé Tomás, unha ollada reflexiva sobre diferentes problemáticas sociais que atinxen á muller. Por fin o martes 16 de abril o club de profes tivo o pracer de realizar a súa reunión co escritor Manuel Portas, autor da obra Por puntos que resultou ser unha entretida lectura sobre a que puidemos conversar con el. Moi agradecidas e agradecidos pola súa presenza.
No mes de maio realizamos as últimas reunións do club de alumnado. O luns 13 de maio o club de 1º e 2º ESO reuniuse para seguir coñecendo máis cousiñas da obra de Eva Mejuto, A lavandeira de San Simón, e sobre a historia da Illa de San Simón como campo de concentración. O alumnado de 1º BACH e 4º de ESO reuniuse para facer unha lectura dramatizada da obra A derradeira bala de Fernando Castro Paredes, gañadora do I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño convocado polo IES Ribeira do Louro (2018). Resultou unha sesión moi amena e divertida.
6 feb 2024
Club de lectura de profes
Hoxe por fin arrancamos co club de lectura de profes. Foi unha xuntanza moi agradable e produtiva no que cada un e cada unha de nós debullamos a obra que lemos para esta ocasión: Azucre de Bibiana Candia na que se dá conta dun feito (descoñecido para moitos e moitas) que marcou a historia galega da emigración en 1853 cando un grupo de case 1800 rapaces galegos partiron nun barco dende Galicia para traballar como escravos na recollida da cana de azucre en Cuba. Intercambiamos impresións e enriquecémonos coas achegas sobre diferentes aspectos da obra as cales resultaron moi interesantes. Vémonos en abril co próximo libro.
Novas xuntanzas do club de lectura
Despois da última reunión feita en decembro con 1º e 2º na que o alumnado leu a Agustín Fernández Paz e os seus Contos por palabras, retomamos as reunións agora en febreiro. Onte día 5 xuntámonos os grupos de 1º/2º co poemario Cidades de Fran Alonso. O grupo de 1º Bach comentou o libro Enderezo descoñecido que leron o mes anterior e tamén comentamos e lemos poemas de Street Poems o último poemario de Fran Alonso no que nos achega unha visión diferente da poesía mesturada cos graffitis que o autor foi fotografiando en diversos lugares da cidade de Vigo e arredores. O día 19 de febreiro tivemos o pracer de recibir a Fran Alonso para compartir con el as nosas impresións sobre os seus dous poemarios Street Poems e Cidades. Un agradable encontro onde tamén se falou da arte urbana do grafitti e mesmo escoitamos poemas da autoría do noso alumnado. Moitísimas grazas a Fran pola súa visita. Aí van imaxes do encontro.