O luns 23 fixemos unha posta en común dos distintos contos da Galiña azul que leron os rapaces do club, recollendo as distintas propostas que consideraban axeitadas para a súa posible adaptación dramática. A partir dos textos orixinais fumos entrelazando entre todos/as as distintas historias, identificando distintos personaxes e establecendo os diálogos oportunos. Nos vindeiros días iremonos xuntando para darlle remate á adaptación e comezar a traballar con ela a partir do mes de febreiro. Aí vos deixamos o inicio da nosa adaptación:
A GALIÑA AZUL
(Entra pola praza do pobo o Leoncio,
un tolo con manías de electricista. Preto da fonte atópase unha señora vendendo
froita, e uns nenos xogando)
LEONCIO: (subido a unha pedra e dirixíndose ao ceo a berros) os avións non
son paxaros e polo tanto non poden voar.
(Achégase unha nena a el mirándoo sorprendida)
LEONCIO: se eu quixese podería facerte voar coma se foses unha bolboreta
FROITEIRA (dirixíndose a nena) non lle fagas caso ao Leoncio, é un tolo con
manías de electricista. Encántanlle os inventos. Xa leva inventado unha
alfombra voadora e non sei que máis... Anda todo o día a falar cos paxaros e as
formigas, seica inventou un idioma chamado o “papapío” que lle permite
comunicarse con eses animais
LEONCIO (mirando un paxaro) paspallís pío pío pían... raspapín pau...
(Entra o garda pola praza do pobo, movendo a súa porra. Desaparece)
FROITEIRA: ¡laranxas, pavías, ameixas e mazás! ¡coman
froita, tres pezas ao día! ¡San e natural!
(os nenos deixan de xogar e póñense a falar)
NENO 1 esta mañá apareceron formigas no cuarto rosa da miña casa. Viñan do
formigueiro que está no patio. Entraban pola ventá e ían cara a cociña na busca
de azucre
NENO 2 (pondo cara desexosa de azucre e movendo as mans como se fose unha
formiga camiñando) azucre azucre
NENO 1 meu pai, que sente gran cariño polos bichos, andou mirando a
caravana de formigas cunha lupa e descubriu unha formiga que camiña fóra da
fila
NENA 3 as formigas van sempre en caravana e en fila india
NENO 1 pois esta camiñaba pola súa conta, fóra da fila, moi paseniñamente.
O meu pai mirouna coa lupa, e sabedes que descubriu? Que a formiga tiña unha
pata rota, por iso andaba tan a modiño
NENO 2 (imitando a un esquiador) como nevou o outro día, ao mellor andou
esquiando e partiu unha pata
NENA 3 e entón que lle pasou a formiga esquiadora?
NENO 1 meu pai estívoa observando todo o tempo, a formiga tardou moito en
chegar ao sitio do azucre, pero chegou. Sabes o que fixo entón? Colleu unha
pedra grandísima, a pedra de azucre máis grande que había, e marchou con ela (o
neno 2 trata de imitar os movementos que vai narrando o neno 1 ) Levoulle preto
dunha hora atravesar unha baldosa, cando a tiña atravesada, meteuse, sen
querer, nunha pucharquiña de auga, e como andaba tan amodiño, derretéuselle o
azucre.
NENA 3 ouhhh que pena!
NENO 1 deu a volta e volveu coller outra pedra de azucre grande. Aínda non andara
dúas baldosas, cando chegou unha mosca e lle roubou o azucre (neno 2 facendo
burla)
NENA 3 ouhhh que pena!