Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

24 ene 2017

"As laranxas de Carlos Casares" (III)

O luns 23 fixemos unha posta en común dos distintos contos da Galiña azul que leron os rapaces do club, recollendo as distintas propostas que consideraban axeitadas para a súa posible adaptación dramática. A partir dos textos orixinais fumos entrelazando entre todos/as as distintas historias, identificando distintos personaxes e establecendo os diálogos oportunos. Nos vindeiros días iremonos xuntando para darlle remate á adaptación e comezar a traballar con ela a partir do mes de febreiro. Aí vos deixamos o inicio da nosa adaptación:



A GALIÑA AZUL
 (Entra pola praza do pobo o Leoncio, un tolo con manías de electricista. Preto da fonte atópase unha señora vendendo froita, e uns nenos xogando)
LEONCIO: (subido a unha pedra e dirixíndose ao ceo a berros) os avións non son paxaros e polo tanto non poden voar.
(Achégase unha nena a el mirándoo sorprendida)
LEONCIO: se eu quixese podería facerte voar coma se foses unha bolboreta
FROITEIRA (dirixíndose a nena) non lle fagas caso ao Leoncio, é un tolo con manías de electricista. Encántanlle os inventos. Xa leva inventado unha alfombra voadora e non sei que máis... Anda todo o día a falar cos paxaros e as formigas, seica inventou un idioma chamado o “papapío” que lle permite comunicarse con eses animais
LEONCIO (mirando un paxaro) paspallís pío pío pían... raspapín pau...
(Entra o garda pola praza do pobo, movendo a súa porra. Desaparece)
 FROITEIRA:  ¡laranxas, pavías, ameixas e mazás! ¡coman froita, tres pezas ao día! ¡San e natural!
(os nenos deixan de xogar e póñense a falar)
NENO 1 esta mañá apareceron formigas no cuarto rosa da miña casa. Viñan do formigueiro que está no patio. Entraban pola ventá e ían cara a cociña na busca de azucre
NENO 2 (pondo cara desexosa de azucre e movendo as mans como se fose unha formiga camiñando) azucre azucre
NENO 1 meu pai, que sente gran cariño polos bichos, andou mirando a caravana de formigas cunha lupa e descubriu unha formiga que camiña fóra da fila
NENA 3 as formigas van sempre en caravana e en fila india
NENO 1 pois esta camiñaba pola súa conta, fóra da fila, moi paseniñamente. O meu pai mirouna coa lupa, e sabedes que descubriu? Que a formiga tiña unha pata rota, por iso andaba tan a modiño
NENO 2 (imitando a un esquiador) como nevou o outro día, ao mellor andou esquiando e partiu unha pata
NENA 3 e entón que lle pasou a formiga esquiadora?
NENO 1 meu pai estívoa observando todo o tempo, a formiga tardou moito en chegar ao sitio do azucre, pero chegou. Sabes o que fixo entón? Colleu unha pedra grandísima, a pedra de azucre máis grande que había, e marchou con ela (o neno 2 trata de imitar os movementos que vai narrando o neno 1 ) Levoulle preto dunha hora atravesar unha baldosa, cando a tiña atravesada, meteuse, sen querer, nunha pucharquiña de auga, e como andaba tan amodiño, derretéuselle o azucre.
NENA 3 ouhhh que pena!
NENO 1 deu a volta e volveu coller outra pedra de azucre grande. Aínda non andara dúas baldosas, cando chegou unha mosca e lle roubou o azucre (neno 2 facendo burla)
NENA 3 ouhhh que pena!

23 ene 2017

Agustín Fernández (III)





O 23 de xaneiro  falamos de RAPAZAS, cun balance lector semellante ao anterior (demasiadas tarefas escolares? Demasiadas ocupacións extraescolares?). De novo fixemos lectura colectiva, orientada polas boas lectoras. Os contos elixidos foron QUERIDA AVOA e A PRIMEIRA META. O primeiro deu lugar a un pequeno debate sobre inmigración con bastantes referencias espontáneas á realidade cercana, a persoas con pensamentos semellantes aos de mamá Sara, que consumiu o noso tempo. Quedaron suxerencias no aire, como preparar marcadores con fragmentos para convidar á lectura ou para motivar o vindeiro  8 de marzo (ai, aquel CURSO CON ANA!). Andaremos. Agora pararemos nas dramatizacións.