Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

19 dic 2016

"As laranxas de Carlos Casares" II

                                                                  Sesión: luns 19 de decembro


Despois de pór en común a experiencia dos diversos membros do club que puxeron en práctica a lectura dun conto a algún amigo ou familiar pequecho, todas moi positivas, e todos encantados da experiencia. Retomamos a figura de Carlos Casares, falamos un chisco do "Principiño", e lanzámonos a unha primeira aproximación da obra "As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas", vendo as primeiras dificultades técnicas para a súa representación, manifestando preferencia dos alumnos/as polos distintos papeis, intentando darlle un primeiro sentido ao texto. Os membros do club quedaron encantantados co proxecto de preparar a súa representación, polo que na próxima sesión comezaremos os primeiros ensaios.
Antes de dar por rematada a sesión de hoxe lemos algúns contos de "A galiña azul", e explicamos de forma básica como se pode transformar un pequeno relato nunha obra dramática. Repartimos os distintos contos e por grupos quedaron encargados de facer unha primeira adapatación deste textos, que tentaremos perfeccionar en próximas reunións para que os membros do outro grupo do Club poida tamén participación na representación que temos idea de facer no mes de maio polas distintas escolas do concello.
 

13 dic 2016

Agustín Fernández Paz (II)



Días antes do Nadal xuntámonos para falar de CONTOS POR PALABRAS. Un pequeno grupo de alumnas fixo unha lectura completa do libro. Un grupo máis amplo leu algúns contos. Algúns alumnos non leron nada. Para eles, para metelos nos textos, fixemos lectura colectiva de fragmentos. Para os demais ese exercicio serviu para poñernos en situación e facer un pequeno debate. Gustounos a variedade de narracións, de historias; o artellamento destas a partir da realidade, para cambiala ou facela máis divertida; e que ás veces atopamos historias dentro doutras historias. Menos unanimidade houbo no que chamamos “historias sen final”ou “historias con final aberto”. Algúns preferían un final claro, tal vez encontrar a dona daquela outra chave da felicidade. Pero as cousas suceden doutro xeito. Alguén desexaría unhas historias máis longas e a outros pareceulle arbitraria a escolla de personaxes para apareceren na portada de Enjamio. Así que aquí va dúas portadas alternativas:





Ariadna e Elena escribiron ademais uns breves comentarios:

“Este libro gustoume moito porque cada relato é sacado dun anuncio de periódico e trata temas moi diferentes: hai de humor, de medo... E o autor explica de onde sacou as ideas”. (Ariadna)

 “O libro CONTOS POR PALABRAS gustoume porque me pareceu un libro moi interesante, xa que non coñecía ningún libro no que as historias saísen de algo tan real como os anuncios por palabras do periódico. Tamén me gustaron moito os debuxos que traía cada historia do libro. Eu recomendaríao para os nenos de primaria, xa que lles gustaría moito”. (Elena)

Aí quedan.


28 nov 2016

Agustín Fernández Paz (I)



 Toma de contacto, formación dun grupo de lectoras (e algúns lectores), bases previas, breves normas ambientais (elementais) para, nalgún intre, eclosionar como conversadoras; compromisos: biblioteca, actos de lectura pública, colaboracións. E logo Fernández Paz. Se había tantos motivos, se era tan inevitable e tan doado antes iniciarse como bos lectores a  través de libros tan ben matinados, imaxinados e escritos, inescusable resulta agora a homenaxe mergullándonos na súa corrente definitiva. Comezamos por Contos por palabras. Alguén do grupo xa o leo no curso pasado, a outras sóalle dos libros de texto ou de velo nos andeis da biblioteca. As avanzadas introdúcennos e destacan tres contos: “A chave da felicidade!” (Unha chave non é suficiente), “Spiderman! (Ser superheroe non é nada doado) e “o do león! (Un león en apuros). Avanzan argumentos. Ven mesturado un unicornio. Buscamos a canción de Silvio Rodríguez, a letra (o poema). O tempo aprémanos. Repartimos libros para que todos o traian lido o próximo día. RAPAZAS irá en xaneiro. Fotos. Fotos.



21 nov 2016

"As laranxas de Carlos Casares" I



Sesión: Luns 21 de novembro

1.     Literatura infantil, xuvenil e para adultos

2.     Principais obras e autores da literatura infantil e xuvenil en galego, castelán e outras linguas.

3.     As traducións: O principiño

4.     Carlos Casares: datos biográficos e principais obras.

5.     Lectura dalgunha obra infantil a algún cativo/a.

Nesta primeria sesión reflexionamos sobre as diferencias entre a literatura infantil, xuvenil e a destinada a un público adulto, revisando algúns dos títulos máis sobranceiros de cada apartado. Os límites entre a literatura dirixida a distintos públicos quedou en entredito a partir da obra "O principiño" (1943) de Antoine de Saint-Exupéry, que algúns alumnos veñen de ler recentemente, descubrindo novos aspectos non captados na primeira toma de contacto co libro hai anos.
A partir do libro do "Principiño" centrámonos na figura dos traductores, valorando o seu papel dentro do mundo literario. Centrámonos na tradución de Carlos Casares, a primeira do Principiño en galego, alá polo ano 1972. Xogamos nós tamén a tradutores, e a partir do texto en inglés e en francés do Principiño escribimos as nosas propias traducións, comparándoas logo coa versión de Casares.
Cando iamos centrarnos en aspectos biográfiocos de Carlos Casares chamou a televisión ás nosas portas... Seica andaban polo instituto os do canal de fútbol Bein Sports a gravar unha reportaxe sobre o futbolista do FC Barcelona e exalumno do noso instituto, Denis Suárez. E claro non desaproveitamos a oportunidade de amosar a nosa Biblioteca Calixtina a todos os amantes de fútbol... e a ver se de paso os animamos a ler un pouco. Fútbol e literatura, tantas veces tan distantes. Aproveitamos para desexarlle moita sorte a Denis.

Antes de rematar esta sesión  invitamos aos compoñentes do noso Clube a que nas vindeiras semanas lles leran contos a cativos que teñán próximos, os contos de Casares ou calquer outro... e na próxima sesión intercambiaremos experiencias.

18 nov 2016

Actividades previstas 1617

- Programa de Lecturas mensuais:

-OUTUBRO -Presentación e posta en común das lecturas feitas no verán, para compartilas, falar dos gustos de cadaquen, das normas do Club, das actividades previstas neste curso.

-NOVEMBRO a)-Comentario de Contos por palabras de Agustín Fernández Paz. Achegamento a súa vida e obra.
b) Toma de contacto coa literatura infantil de Carlos Casares mediante a lectura de A galiña azul. A importancia das traducións: O principiño, versión galega de Casares.

-DECEMBRO - a)-Comentario de Rapazas de Agustín Fernández Paz. Características da súa obra.
b) Toma de contacto coa literatura infantil de Carlos Casares mediante a lectura de As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas. Claves para facer unha adaptación dramática dunha obra infantil.

-XANEIRO –Adaptación das obras infantiles de Casares (A galiña azul) e algún relato de Fernández Paz (Contos por palabras) para ser representadas en maio nas distintas escolas do concello.

-FEBREIRO –Adaptación das obras infantiles de Casares (As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas.) e algún relato de Fernández Paz (Rapazas) para ser representadas en maio nas distintas escolas do concello.

-MARZO a)-Comentario de O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz. Claves narrativas desta obra.
b)-Comentario de Vento ferido de Carlos Casares. Claves narrativas desta obra.

-ABRIL a)-Comentario de Lúa de Senegal de Agustín Fernández Paz. Claves narrativas desta obra.
b)-Comentario de Os escuros soños de Clío de Carlos Casares. Claves narrativas desta obra. Posibilidade de realizar algunha curtametraxe a partir dalgún relato.

-MAIO a)-Novela gráfica: Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz. Achegamento a Banda Deseñada gaelga.
b)-Organización de actividades en relación coa figura de Carlos Casares no mes en que se celebra o día das Letras Galegas adicado a súa figura.
a)b) Representación das obras e relatos de Casares e Fernández Paz polos colexios do concello.

 -XUÑO -Saída a Nigrán  ao paseo de Carlos Casares, coa lectura de fragmentos das súas obras.
     
-Tamén Len: Invitación mensual dun lector/a da contorna ou antigo alumno/a para ler un fragmento ou relato e facer debate posterior, no recreo na Biblioteca, aberta a todos. En colaboración co Dpt. de Lingua Castelá

- Presentación de Libros: participación dalgún editor, autor, artista, etc.
-Concurso fotográfico para fomento da lectura: Ler un relato ou  poema de entre  varios aconsellados ou preferidos e realizar unha imaxe fotográfica alusiva acompañada dun título suxestivo. Relacionado co eslogan da BE deste ano:Base de exploracións”

-Elaborar unha fotografía inspirada no mundo da lectura que nos serva de imaxe soporte da nosa andaina lectora e que sexa significativa.

-Concurso de Cali-gramas: relacionado co día dos Namorados ou da Muller.

-Contacontos:, arredor da temática do medo no novembro. O venres 4 en colaboración con Normalización teremos unha sesión especial coa visita de Quico Cadaval.

-O K LIN: nun recreo ao trimestre, na BE, un alumno/a interesado fala sobre  unha lectura do seu gusto e compartimos comentarios cos asistentes.

-Contacto de posible colaboración co Club de Lectura da Biblioteca Municipal.

-  Saídas:
- Excursión literaria de 1 día a Nigrán, ao paseo de Carlos Casares, coa lectura de fragmentos das súas obras. Outras opcións: Rota de sendeirismo no Faro de Entenza “Rincón de Lectura na zona, nunha xornada literaria.