Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

6 feb 2024

Club de lectura de profes

 Hoxe por fin arrancamos co club de lectura de profes. Foi unha xuntanza moi agradable e produtiva no que cada un e cada unha de nós debullamos a obra que lemos para esta ocasión: Azucre de Bibiana Candia na que se dá conta dun feito (descoñecido para moitos e moitas) que marcou a historia galega da emigración en 1853 cando un grupo de case 1800 rapaces galegos partiron nun barco dende Galicia para traballar como escravos na recollida da cana de azucre en Cuba. Intercambiamos impresións e enriquecémonos coas achegas sobre diferentes aspectos da obra as cales resultaron moi interesantes. Vémonos en abril co próximo libro.



Novas xuntanzas do club de lectura

 Despois da última reunión feita en decembro con 1º e 2º na que o alumnado leu a Agustín Fernández Paz e os seus Contos por palabras, retomamos as reunións agora en febreiro. Onte día 5 xuntámonos os grupos de 1º/2º co poemario Cidades de Fran Alonso. O grupo de 1º Bach comentou o libro Enderezo descoñecido que leron o mes anterior e tamén comentamos e lemos poemas de Street Poems o último poemario de Fran Alonso no que nos achega unha visión diferente da poesía mesturada cos graffitis que o autor foi fotografiando en diversos lugares da cidade de Vigo e arredores. O día 19 de febreiro teremos ocasión de comentar co propio autor ambos poemarios xa que nos visitará na nosa biblioteca. 



13 nov 2023

SESIÓN DE NOVEMBRO DO CLUB DE LECTURA

 Tras un comezo de curso apurado co traslado da biblio ao novo espazo comezamos por fin as sesións do club e despois da reunión incial do mes de outubro, para a posta en común deste curso e marcar novas lecturas e reunións, puidemos hoxe gozar dunha agradable xuntanza para compartir a nosa experiencia lectura coas obras hoxe propostas. No grupo de 1º e 2º (no que tamén temos algún alumnado de 3º)  leron Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure, obra coa que puideron trasladarse aos campamentos de refuxiados saharauís e emocionarse coa historia de Kori e o seu camelo Caramelo. No grupo de 4º e 1º de BACH analizamos algúns relatos de Made in Galiza de Sechu Sende dos que o noso alumnado fixo unha lectura moi produtiva. Aquí vai unha mostra das reunións. Boas lecturas e vémonos na seguinte.






19 jun 2023

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO DO CLUB DE LECTURA

 

O pasado xoves 15 de xuño o alumnado do club de lectura clausurou o curso facendo unha excursión literaria ao Monte Aloia (Tui).

Logo dunha camiñata asfixiante ladeira arriba ata a zona do merendoiro, houbo tempo para o lecer compartindo xogos de mesa da biblioteca.Despois do xantar, houbo un emotivo coloquio literario no que cada compoñente do club de lectura expuxo o seu libro preferido e fixo recomendacións de lectura para a inminente época estival. Seguidamente, fíxose un pequeno percorrido ata o punto máis alto para contemplar as fermosas vistas.

E xa para finalizar e adozar se cabe aínda máis a xornada, degustáronse uns saborosos e fresquiños xeados que axudaron a entoar cánticos no traxecto de volta no autobús.

Bonita convivencia que permanecerá no recordo dos compoñentes do club de lectura 22/23.

Resultou unha actividade moi agradable e agardamos poder repetir o próximo curso. Tamén esperamos seguir adiante co noso club e poder gozar de novo compartindo diferentes lecturas e puntos de vista cos que poder enriquecernos. Aquí deixamos unhas fotiños dese día. 

BOAS LECTURAS E BO VERÁN PARA TODOS E TODAS!!! AGARDÁ



















MOSVOS O PRÓXIMO CURSO!!!!


8 jun 2023

ÚLTIMA SESIÓN CLUB

 O luns 5 de xuño tivemos a nosa última reunión. Un grupo compartiu reflexións acerca do poemario de Berta Dávila "A pel do mundo" e o outro grupo de 1º e 2º leron "A nena lectora" de Manuel Rivas. En cuarto últimas reflexións acerca de "Los deseos oscuros" de Begoña Gil González. Lecturas proveitosas coas que gozamos e aprendemos. 








19 may 2023

SESIÓN 15 DE MAIO

 O luns 15 de maio volvemos reunirnos no club de lectura. Os grupos de 1º e 2º remataron con Ana Frank nun dos grupos e por outra banda o grupo de 4º falou sobre as súas impresións a partir da lectura de Los deseos oscuros de Begoña Gil Gónzalez. Ademais neste grupo de 4º aproveitamos para lermos composicións poéticas e de relato curto escritas por eles e elas. Resultou moi agradable e fixémolo ao aire libre, aproveitando o bo tempo que nos acompañou. Deixamos unha fotiño coa rapazada de 4º durante as súas lecturas.



13 may 2023

CHEGANDO A FIN DE CURSO

 Durante estes meses os nosos grupos do club seguiron coas súas lecturas. En 4º de ESO, tras o encontro coa autora Begoña Gil González, leron algúns fragmentos de Un pequeño empujón, de Richard H. Thaler, con Pablo o profesor de Economía. 


Tamén realizamos unha sesión poética debullando os poemas de Aplicación instantánea de Carlos Negro. Aproveitando un día de sol fixémolo no patio de fóra e lemos e comentamos en voz alta todo o que nos ofreceu este poemario fresco e actual co que se sentiu moi identificado este alumnado. 

Durante este tempo a autora de Esto no es el CSI sacou ao prelo un novo libro no que Lila Madrigal ten que enfrontarse a un novo caso polo que o alumnado de 4º quixo facer un cambio de plans e cambiar algún dos títulos previstos por este outro xa que crearon un vínculo moi especial coa autora. Así que nos embarcamos na lectura de Los deseos oscuros. Seguimos así achegándonos á literatura da contorna máis próxima, a propia vila de Salceda pero agochada baixo o nome de Luanova. Trasladarémoslle a Begoña, a autora, as nosas impresións sobre esta nova obra.

O grupo de 1º e 2º seguiu adiante coas súas lecturas, entre elas Amar unha serea , A nena lectora e Ana Frank, la memoria del holocausto. Con elas aprendemos sobre a importancia da amizade, do respecto, da tolerancia e da lectura a través dunha revisión tamén da historia recente e dunha visita virtual á casa  de Ana Frank.

Ademais de todo isto o día 17 de abril fixemos unha sesión conxunta de todos os grupo para falarmos sobre a obra de Fina Casalderrey Dúas letras, que contén un precioso documental protagonizado por ela e a súa nai co que aprendemos a importancia da lectura e a dureza da emigración vivida en Galicia. Foi unha sesión moi emotiva na que mesmo agromaron algunhas bágoas. Ademais puidemos contar coa conversa da profe Loli, amiga de Fina e da súa nai que nos achegou aínda máis a esta historia. Moi enriquecedor.