Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

9 jun 2017

Representando a Casares

O xoves 1 e o venres 2 de xuño o club de lectura do IES Pedras Rubias desprazouse até as escolas das distintas parroquia para representar a versión de A Galiña Azul que levabamos preparando durante os meses anteriores. O xoves 1 fixemos catro representacións no Cra Raíña Aragonta de Salceda. Asistiron todos os alumnos/as de infantil.  O venres 2 realizamos catro novas representacións, desta volta, tivemos que andar ás présas coa nosa “galiña azul”, dunha parroquia a outra: Budiño, Picoña, Barreiro e Parderrubias, foron os puntos onde o noso alumnado fixo gala da súa arte

Unha experiencia moi gratificante para os membros do noso club que ademais da experiencia da actuación viviron momentos intensos no contacto cos cativos e cativas das distintas escolas.
Por outra banda, o mércores 7, o outro grupo do Club de lectura representou unha versión de “A laranxa máis laranxa de todas as laranxas” para o alumnado de sexto de primaria do colexio Altamira, que neste día viñeron visitar o que será o seu novo centro o vindeiro curso. Despois de moito traballo a representación foi todo un éxito.


 O camiño do Club de lectura deste curso remata o vindeiro venres 23 de xuño na que representaran estas obras, conxuntamente coas obras do grupo de teatro do instituto, Mutis polo foro, no acto de despedida do curso, no que un ano máis o teatro é o protagonista no peche deste curso escolar.

21 may 2017

Roteiro literario Carlos Casares


O luns 15 de maio fumos de roteiro literario pola cidade de Ourense tras os pasos de Carlos Casares. Durante as semanas anteriores estivemos a preparar distintos textos do autor homenaxeado nas Letras Galegas deste 2017 parair lendoos en lugares claves da súa biografía.

A primeira parada foi no pobo de Beiro, próximo a Ourense, onde Carlos pasou a súa infancia e onde situou distintas obras, como a infantil "O can Rin e o lobo Crispín", ou a súa obra póstuma "O sol do verán". Alí puidemos disfrutar do valor artístico que presenta  a súa igrexa, onde por certo, casou Carlos coa súa dona sueca, Kristina. Tamén lembramos a figura de Basilio Álvarez, o cura de Beiro, que exerceu nesa pequena igrexa, onde lle adicaron un pequeno busto.


Antes de entrar na cidade achegámonos ao Seminario Menor onde Casares pasou uns anos da súa adolescencia e que o marcou en moitos aspectos vitais, tamén literarios. Alí lemos un fragmento de "Xoguetes para un tempo prohibido".


O autobús deixounos no parque de San Lázaro onde iniciamos o roteiro a pé pola cidade facendo parada en distintos puntos claves na vida de Casares, onde fumos lendo fragmentos de obras súas e comentando aspectos diversos da súa obra, como o seu papel de traductor, o estudo de figuras claves da literatura ourensán e galega, o gusto polo cine...  Tamén aproveitamos a visita para coñecer millor a cidade de Ourense, as súas xoias arquitectónicas e aos seus escritores máis importantes.

Catedral de Ourense

Xardíns do Padre Feijoo

Rúa do Paseo

Parque de San Lázaro
Xunto á  figura de Eduardo Blanco Amor
Dúas paradas tiveron especial significación, unha ao final da Rúa do Paseo xunto a escultura do "Moucho" de Xaime Quessada, lugar mítico da cidade de Ourense onde antigamente se cambiaban cromos e tebeos, e que presenta unhas plaquiñas que lembran aos jpersonaxes de cómics máis famosos. Alí aproveitamos para lembrar toda a obra infantil de Carlos Casares.


A outra parada significativa foi no Liceo de Ourense ao onde Carlos acudía sempre que visitaba a súa cidade natal para falar cos seus amigos, el que tanto gustaba das tertulias. Ali recibiunos o seu amigo José Luis Trotiño que nos relatou anécdotas e afectos da súa amizade. Nese mesmo salón onde Casares falaba cos seus amigos fixemos un ensaio das adaptacións de Carlos que andamos a preparar. Todo un luxo para nós, por nas nosas voces as súas palabras literarias no lugar onde el disfrutaba tanto da conversa.

Ensaio de "As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas"

Ensaio de "A galiña azul"
 Despois de tantas letras e tanta visita rematamos a xornada nas termas de Ourense, na chavasqueira, un merecido descanso para un inesquecible roteiro literario arredor da figura de Carlos Casares, que xa forma parte da familia do club de lectur "Os siareiros da palabra".








1 may 2017

Traballando a Casares


Durante o mes de maio no club de lectura acumúlasenos o traballo, tendo que aumentar as sesións de reunión. Ademais de quedar dous luns ao mediodía temos frecuente contacto nos recreos. Por unha banda seguimos a preparar as obras de teatro que esperemos poder estrear a principios de xullo. E a maiores comezamos a preparar o Roteiro Carlos Casares pola cidade de Ourense que faremos o luns 15 de maio. Repartimos textos das distintas obras de Casares que leremos en distintos puntos da cidade ese día.

5 abr 2017

De lectores... a actores, actrices, decoradores/as (IV-V)

As sesións de febreiro e marzo foron modificadas no seu formato mensual de luns pola tarde para pasar a desenvolverse durante dous recreos semanais para comezar a ensaiar as obras de teatro e poder darlle máis continuidade aos ensaios. O grupo do club de lectura que viña traballando con Carlos Casares asumiu a representación da obra "As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas", mentras que o grupo que viña traballando con Agustín Fernández Paz asumiu a representación da adaptación dos distintos contos de "A galiña azul".

A implicación dos distintos membros do club de lectura é importante aínda que moito é o traballo que levamos realizando durante estes dous meses: reparto de papeis, primeiros ensaios, pensar no vestiario, elaboración dos decorados -como podemos comprobar na foto-.


A idea é recuperar durante os meses de abril e maio das sesións do luns pola tarde para ir afianzando xa as representacións, que se irán complementando con ensaios en distintos recreos.

Xa está planificado tanto co colexio Altamira como co CRA Aragonta as representacións que faremos durante os últimos días de maio ou primeiros de xuño. Xa vos iremos contando.


24 ene 2017

"As laranxas de Carlos Casares" (III)

O luns 23 fixemos unha posta en común dos distintos contos da Galiña azul que leron os rapaces do club, recollendo as distintas propostas que consideraban axeitadas para a súa posible adaptación dramática. A partir dos textos orixinais fumos entrelazando entre todos/as as distintas historias, identificando distintos personaxes e establecendo os diálogos oportunos. Nos vindeiros días iremonos xuntando para darlle remate á adaptación e comezar a traballar con ela a partir do mes de febreiro. Aí vos deixamos o inicio da nosa adaptación:



A GALIÑA AZUL
 (Entra pola praza do pobo o Leoncio, un tolo con manías de electricista. Preto da fonte atópase unha señora vendendo froita, e uns nenos xogando)
LEONCIO: (subido a unha pedra e dirixíndose ao ceo a berros) os avións non son paxaros e polo tanto non poden voar.
(Achégase unha nena a el mirándoo sorprendida)
LEONCIO: se eu quixese podería facerte voar coma se foses unha bolboreta
FROITEIRA (dirixíndose a nena) non lle fagas caso ao Leoncio, é un tolo con manías de electricista. Encántanlle os inventos. Xa leva inventado unha alfombra voadora e non sei que máis... Anda todo o día a falar cos paxaros e as formigas, seica inventou un idioma chamado o “papapío” que lle permite comunicarse con eses animais
LEONCIO (mirando un paxaro) paspallís pío pío pían... raspapín pau...
(Entra o garda pola praza do pobo, movendo a súa porra. Desaparece)
 FROITEIRA:  ¡laranxas, pavías, ameixas e mazás! ¡coman froita, tres pezas ao día! ¡San e natural!
(os nenos deixan de xogar e póñense a falar)
NENO 1 esta mañá apareceron formigas no cuarto rosa da miña casa. Viñan do formigueiro que está no patio. Entraban pola ventá e ían cara a cociña na busca de azucre
NENO 2 (pondo cara desexosa de azucre e movendo as mans como se fose unha formiga camiñando) azucre azucre
NENO 1 meu pai, que sente gran cariño polos bichos, andou mirando a caravana de formigas cunha lupa e descubriu unha formiga que camiña fóra da fila
NENA 3 as formigas van sempre en caravana e en fila india
NENO 1 pois esta camiñaba pola súa conta, fóra da fila, moi paseniñamente. O meu pai mirouna coa lupa, e sabedes que descubriu? Que a formiga tiña unha pata rota, por iso andaba tan a modiño
NENO 2 (imitando a un esquiador) como nevou o outro día, ao mellor andou esquiando e partiu unha pata
NENA 3 e entón que lle pasou a formiga esquiadora?
NENO 1 meu pai estívoa observando todo o tempo, a formiga tardou moito en chegar ao sitio do azucre, pero chegou. Sabes o que fixo entón? Colleu unha pedra grandísima, a pedra de azucre máis grande que había, e marchou con ela (o neno 2 trata de imitar os movementos que vai narrando o neno 1 ) Levoulle preto dunha hora atravesar unha baldosa, cando a tiña atravesada, meteuse, sen querer, nunha pucharquiña de auga, e como andaba tan amodiño, derretéuselle o azucre.
NENA 3 ouhhh que pena!
NENO 1 deu a volta e volveu coller outra pedra de azucre grande. Aínda non andara dúas baldosas, cando chegou unha mosca e lle roubou o azucre (neno 2 facendo burla)
NENA 3 ouhhh que pena!

23 ene 2017

Agustín Fernández (III)





O 23 de xaneiro  falamos de RAPAZAS, cun balance lector semellante ao anterior (demasiadas tarefas escolares? Demasiadas ocupacións extraescolares?). De novo fixemos lectura colectiva, orientada polas boas lectoras. Os contos elixidos foron QUERIDA AVOA e A PRIMEIRA META. O primeiro deu lugar a un pequeno debate sobre inmigración con bastantes referencias espontáneas á realidade cercana, a persoas con pensamentos semellantes aos de mamá Sara, que consumiu o noso tempo. Quedaron suxerencias no aire, como preparar marcadores con fragmentos para convidar á lectura ou para motivar o vindeiro  8 de marzo (ai, aquel CURSO CON ANA!). Andaremos. Agora pararemos nas dramatizacións.