Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

6 feb 2024

Club de lectura de profes

 Hoxe por fin arrancamos co club de lectura de profes. Foi unha xuntanza moi agradable e produtiva no que cada un e cada unha de nós debullamos a obra que lemos para esta ocasión: Azucre de Bibiana Candia na que se dá conta dun feito (descoñecido para moitos e moitas) que marcou a historia galega da emigración en 1853 cando un grupo de case 1800 rapaces galegos partiron nun barco dende Galicia para traballar como escravos na recollida da cana de azucre en Cuba. Intercambiamos impresións e enriquecémonos coas achegas sobre diferentes aspectos da obra as cales resultaron moi interesantes. Vémonos en abril co próximo libro.



Novas xuntanzas do club de lectura

 Despois da última reunión feita en decembro con 1º e 2º na que o alumnado leu a Agustín Fernández Paz e os seus Contos por palabras, retomamos as reunións agora en febreiro. Onte día 5 xuntámonos os grupos de 1º/2º co poemario Cidades de Fran Alonso. O grupo de 1º Bach comentou o libro Enderezo descoñecido que leron o mes anterior e tamén comentamos e lemos poemas de Street Poems o último poemario de Fran Alonso no que nos achega unha visión diferente da poesía mesturada cos graffitis que o autor foi fotografiando en diversos lugares da cidade de Vigo e arredores. O día 19 de febreiro teremos ocasión de comentar co propio autor ambos poemarios xa que nos visitará na nosa biblioteca.