Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

29 abr 2014

LER en MAN COMÚN destaca os Siareiros da Palabra

Deixamos constancia da mención que a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta vén de facer no seu blog Ler en Man Común, onde destaca a laboura do noso Club de Lectura coa colaboración entre centros educativos, compartindo lecturas e promocionando a narración oral a través da actividade dos Contacontos.

Este luns asistimos á reunión do Club para facer balance da experiencia e intercambiar pareceres. Hai que dicir que mereceu o esforzo, e incluso fomos quen de facer algo de sana autocrítica, xa que sempre hai cousas mellorables.

Tentamos facer o comentario da lectura do libro de Marilar Aleixandre, "A expedición do Pacífico",que quedara aprazado, pero os compañeiros estaban demasiado "efervescentes" para calquera comentario literario, para o que é mester a tranquilidade...


17 abr 2014

SAÍMOS DE XIRA COS CONTACONTOS

Despois de meses de planificación, elección dos contos, adaptación, ensaios e posta a punto no útimo momento, por fin os días 9 e 10 de abril representamos ante os maís pequerrechos do lugar os CONTOS DOS IRMÁNS GRIMM.


Cando a principio de curso nos fixeron esta proposta dende os CRA de Salceda, non pensamos que ía ter tanta aceptación por parte da maioría -por non dicir todos- dos SIAREIROS DA PALABRA, que facendo honor ao seu nome, deixáronnos sorprendidos das súas destrezas para traballar en grupo, repartir o traballo e colaborar para adaptar primeiro cada un dos contos dos seleccionados, e despois para ler, repartir os papeis, facerse co personaxe, coa súa voz, cos xestos, con algún aderezo distintivo e chamativo a modo de vestimenta... Chegou o momento de poñernos en pé, en situación e empezar a compoñer a escena do xeito máis equilibrado e atractivo para o pequeno público, sen deixar de amilanarnos á hora de buscar solucións ás pasaxes máis complicadas, que case sempre funcionan con recursos prácticos, sinxelos, pero conservando a súa capacidade de suxestión.



En realidade, acabamos facendo unhas representacións que podemos situar a medio camiño entre o Contacontos e o Teatro, mesturando ingredientes dos dous xéneros. O obxectivo era contar historias tendo presente a figura do narrador, a presenza do libro, da palabra, da oralidade, pero ao mesmo tempo, conseguir que das palabras do narrador foran saíndo as imaxes e cobraran vida nun plano de fondo os personaxes e as súas andainas; e aderazalo todo de notas de cor, de distintivos básicos pero efectivos aos ollos dos nenos e nenas e, como non, enmarcalo nun decorado colorista que acotase o espazo da representación e unificase dalgún xeito as diferentes historias, que acaban por desenvolverse nun inquietante pero encantador bosque.



Dar, deunos traballo...

O maís interesante foi comprobar como cada un foi deixando a timidez, os temores, o medo escénico a un lado e foron saíndo deles destrezas que non coñecían na maioría dos casos, e a forza de enfrontarse ao público foi mellorando a posta en escena. Temos que dicir, para ser xustos, que contamos cun elenco de actores que promete e que, unha vez vencida a inquedanza inicial, ata se atreveron a improvisar espontaneamente en escena enriquecendo as historias coas súas aportacións, ocorrencias e sentido do humor.



Así pois, do Club de Lectura pode saír unha boa canteira de actores que ben poderán incorporarse cando cheguen a 3º ESO ao Grupo de Teatro MUTIS POLO FORO. Só  dúas cousas: destacar que esta actividade colaborativa de grupo foi do maís estimulante e fecunda e agradecer a todas-os Siareiros da Palabra o seu entusiasmo.

Ah, que saibades que temos demanda de máis representacións!

Aquí deixamos constancia fotográfica das diferentes seisóns que fixemos en 3 intensos días.

 



...pero divertirnos e rir, rimos un rato longo...