Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

19 jun 2012

V Xornada dos clubs de lectura


Certo, alí estivemos en sábado, cansos pero gardando o tipo, para asistir a esta  xornada que este ano tiña a novidade de invitar a alumnas e alumnos e pais e nais que participan en Clubs de Lectura.

Do noso Club acompañáronme tres compañeiros (sentimos a ausencia de David por un imprevisto), que xuran que o pasaron moi ben e que tivo interese para eles o alí falado e compartido, malia estar un día enteiro metidos nun espazo de conferencias e charlas.  Proba superada e volta a casa cun Diploma acreditativo da vosa asistencia. Noraboa e grazas por asistir!

Quen mellor ca eles para facernos unha crónica do acontecidoEste ano a convocatoria da V Xornada de Clubs de Lectura tivo unha moi boa acollida por parte dos alumnos/as e profesores de todos os institutos galegos que puideron acudir, pese a ser fin de semana.

Os nosos acompañantes: José Barros, Javi González, Isaac Casal e Sergio Pérez
O día 9 de xuño celebrouse en Santiago e o alumnado puido disfrutar, entre outras cousas: da presentación, de diferentes obradoiros (como o de poesía, cómic ou o do rap), e dos diferentes agasallos e sorpresas. Para repoñer forzas, alumnado e profesores degustaron dunha boa gastronomía.

O día foi perfecto, a excepción da choiva, pois coñeceuse a xente nova, compartirónse opinións, entregáronse diplomas e demáis sorpresas.

Quizais foi un pouco cargado, pois a presentación e as charlas foron un pouco longas para escoitalas nun sábado madrugador, pero polo demais, foi todo moi divertido a agradable. Sen dúbida unha boa alternativa (pois foi moito máis ca unha saída) para disfrutar dun día como o sábado.

Esperamos que chegue o ano que vén para poder disfrutalo de novo, e que máis alumnos/as do I.E.S. Pedras Rubias nos representen na próxima.

Mr. Casal
                                                                                                          Mr. Barros
                                                                                                          Señorito González

Persoa libro: Sara do IES de Mugardos. Recita "Cartafol de saudade" de Xosé María Pérez Parallé.

Persoa libro: Marta, tamén do IES de Mugardos era "Obra viva" de Avilés de Taramancos.

6 jun 2012

Fahrenheit 451


Que hai de novo? 

Non, non nos esquecimos de todos vós, é que tivemos demasiado traballo e non tivemos tempo de  asomarnos a está ventá, que agora queremos adornar con esta nova entrada sobre a lectura da novela de ciencia ficción Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, que foi a última que comentamos no faladoiro do Club de Lectura este mes de Maio. Foi unha conversa moi interesante entre un pequeno grupo de “siareiros da palabra” e agora queremos que os que non poidéchedes estar alí, e todos os que así o desexedes e teñades na cabeza esta atractiva historia, crítica coa sociedade real a través dun futuro hipotético, teñades a ben deixar escritos os vosos comentarios e pareceres sobre este libro, que esperamos impacientes.

Premendo no enlace do título podedes visionar unha das escenas máis famosas da adaptación cinematográfica feita por François Truffaut en 1966.

FICHA DE LECTURA:FAHRENHEIT 451

TÍTULO: Fahrenheit 451
AUTOR: Ray Bradbury
LUGAR DE PUBLICACIÓN: Vigo
EDITORIAL: Edicións Xerais de Galicia
COLECCIÓN: Fóra de Xogo
ANO DE PUBLICACIÓN: 1953
PUBLICADO EN GALEGO: 2005
PREMIOS:

SOBRE O AUTOR:

Ray Bradbury naceu en 1920 en Waukegan, Illinois. Durante a Gran Depresión trasladouse coa súa familia a Os Ánxeles, onde se graduou en 1938 en Os Ánxeles High School. A súa educación académica acabou aí, pero continuou formándose por conta propia ata que en 1943 convertiuse en escritor profesional.
As súas obras máis coñecidas son Crónicas marcianas (1950), O home ilustrado (1951) e Fahrenheit 451 (1953). Bradbury non só é novelista, tamén escribiu innumerables guións de televisión, ensaios e poemas. A súa preocupación como escritor non só se centra en cuestionarse o modo de vida actual, tamén se adentra no reino do fantástico e marabilloso, cun estilo poético e, ás veces, provocativo. Na súa nenez, Bradbury foi moi propenso aos pesadelos e horribles fantasías, que acabou por plasmar nos seus relatos moitos anos despois.

ARGUMENTO:  Fahrenheit 451 é a temperatura á cal nun libro prende o lume e arde. Guy Montag é bombeiro, pertence ao Departamento do Lume que persegue os disidentes que se atreven a ler, e o seu traballo consiste en queimar libros, que están prohibidos e son fonte de discordia e infelicidade. Montag séntese desgraciado: o seu matrimonio está en crise. Acaso hai libros agochados na súa casa?. Un clásico da literatura do século XX, antiutopía en que os libros están prohibidos e un grupo secreto de libros viventes se esforzan en transmitir de boca en boca a antiga cultura.

CUESTIÓNS:

1-Tema (en dúas liñas)
2-Argumento (máximo 20 liñas)
3-Caracterización dos personaxes principais.
4-Describe a sociedade da historia e como son as persoas que viven nela.
5-Cres posible un mundo sen literatura, sen contos, sen libros?
6-Conclusión e valoración persoal.

Tamén nos gustaría que lle botásedes unha ollada ao seguinte video sobre unha curiosa  experiencia que xurdiu aquí en  España, baseada na existencia de “persoas libro” que os memorizan para poder contalos e que pervivan na nosa memoria oral.




Interesante, non?


Os coordinadores do Club de Lectura