Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

19 may 2023

SESIÓN 15 DE MAIO

 O luns 15 de maio volvemos reunirnos no club de lectura. Os grupos de 1º e 2º remataron con Ana Frank nun dos grupos e por outra banda o grupo de 4º falou sobre as súas impresións a partir da lectura de Los deseos oscuros de Begoña Gil Gónzalez. Ademais neste grupo de 4º aproveitamos para lermos composicións poéticas e de relato curto escritas por eles e elas. Resultou moi agradable e fixémolo ao aire libre, aproveitando o bo tempo que nos acompañou. Deixamos unha fotiño coa rapazada de 4º durante as súas lecturas.



13 may 2023

CHEGANDO A FIN DE CURSO

 Durante estes meses os nosos grupos do club seguiron coas súas lecturas. En 4º de ESO, tras o encontro coa autora Begoña Gil González, leron algúns fragmentos de Un pequeño empujón, de Richard H. Thaler, con Pablo o profesor de Economía. 


Tamén realizamos unha sesión poética debullando os poemas de Aplicación instantánea de Carlos Negro. Aproveitando un día de sol fixémolo no patio de fóra e lemos e comentamos en voz alta todo o que nos ofreceu este poemario fresco e actual co que se sentiu moi identificado este alumnado. 

Durante este tempo a autora de Esto no es el CSI sacou ao prelo un novo libro no que Lila Madrigal ten que enfrontarse a un novo caso polo que o alumnado de 4º quixo facer un cambio de plans e cambiar algún dos títulos previstos por este outro xa que crearon un vínculo moi especial coa autora. Así que nos embarcamos na lectura de Los deseos oscuros. Seguimos así achegándonos á literatura da contorna máis próxima, a propia vila de Salceda pero agochada baixo o nome de Luanova. Trasladarémoslle a Begoña, a autora, as nosas impresións sobre esta nova obra.

O grupo de 1º e 2º seguiu adiante coas súas lecturas, entre elas Amar unha serea , A nena lectora e Ana Frank, la memoria del holocausto. Con elas aprendemos sobre a importancia da amizade, do respecto, da tolerancia e da lectura a través dunha revisión tamén da historia recente e dunha visita virtual á casa  de Ana Frank.

Ademais de todo isto o día 17 de abril fixemos unha sesión conxunta de todos os grupo para falarmos sobre a obra de Fina Casalderrey Dúas letras, que contén un precioso documental protagonizado por ela e a súa nai co que aprendemos a importancia da lectura e a dureza da emigración vivida en Galicia. Foi unha sesión moi emotiva na que mesmo agromaron algunhas bágoas. Ademais puidemos contar coa conversa da profe Loli, amiga de Fina e da súa nai que nos achegou aínda máis a esta historia. Moi enriquecedor.