Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

30 may 2014

CENTAUROS DO DESERTO: UNHA APROXIMACIÓN AO WESTERN

Este luns 26, en sesión do Club, decidimos aventurarnos a facer unha viaxe ao oeste americano (EE.UU), e para tal fin eliximos o filme do gran director John Ford "Centauros do deserto" (1956), obra mestra no contido e na forma, (tedes a ficha de lectura no apartado deste blog: Películas que visionamos).



A idea é que os Siareiros da Palabra coñezan un xénero cinematográfico que entre a mocidade de hoxe non ten o mesmo seguemento que tivo na nosa época; mais somos moitos os que consideramos que pode ser de grande interese profundizar na historia, na paisaxe e nos arquetipos ou personaxes prototípicos destas historias: sheriff, xusticieiros ou pistoleiros, vaqueiros, bebedores; o papel da muller nese mundo de pioneiros fronte aos indios...e, por suposto, a historia real da conquista dun enorme territorio disputado entre respectar as tribos indias ou a nova presenza dos conquistadores vinculada á idea de progreso...

 O tema, polo tanto, dá para falar e debater; e tamén para relacionar con lecturas. Iso esperamos facer noutra sesión o luns 2 de xuño, cun invitado de excepción co que compartimos esta paixón. Polo de agora, preferimos que quede como sorpresa...

->Xa sabedes, haberá un Faladoiro sobre o western aberto a todo aquel que teña interese en participar.

22 may 2014

A GALIÑA AZUL E OS CONTACONTOS

Hoxe, xoves 22 de maio, estivemos representando os CONTACONTOS aos pequerrechísimos da GALIÑA AZUL de Salceda. 



Tiñamos certo temor de facerlles sentir medo con lobos, ladróns e demais personaxes dos contos. Algo choromicaron, pero, segundo palabras das súas coidadoras, estaban encantados porque non se movían do sitio; pois cando algo lles aburre, deseguido se levantan ou están a outra cousa. 


Cun público tan especial e esixente, quen sabe!!

A experiencia volveu ser moi gratificante para todas e todos. Así que, esperan que, unha vez iniciada esta actividade sexamos quen de darlle continuidade para o ano...

17 may 2014

Representamos CONTACONTOS na GALIÑA AZUL. Xoves 22 Maio.

De novo toca prepararse e reunírmonos este luns 19 a mediodía para ensaiar os Contacontos, porque, como xa anunciamos, chamáronnos da Escola infantil "A GALIÑA AZUL" do noso concello, para ir representar. Faremos unha sesión cos 4 contos, este xoves 22 de Maio, entre 10'30 h e 11'30 h.

Como iamos dicir que non...! 

Agradecemos a petición e poñerémonos unha vez maís a tentar facelo o mellor posible. 


Así que, este luns non podemos faltar ninguén. Alí disporemos todo o necesario...

ÁNIMO E ,ANTE TODO, MOITA CALMA!!