Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

18 jun 2013

“Sobre unha montaña, un tipo e un libro en Nepal”


Na última sesión do Club de Lectura “Siareiros da Palabra”, o luns 3 de xuño,  quixemos facer algo especial, e deixamos reservada para esta ocasión a colaboración amable e desinteresada do profe de matemáticas David, que este ano tivo a ben compartir con nós en varias ocasións as súas experiencias de “grandes viaxes”, como el mesmo as denomina.

A súa presentación estivo estruturada en apartados e comezou cunha adicatoria: feita ao seu pai e ao seu irmá, quen foron os que o educaron na liberdade, na aventura da viaxe exótica, no amor pola montaña e por descubrir emocións ao límite: pero sen esquecer o agradecemento e apoio da súa actual compañeira.

Deseguido comeza a falar “Sobre montañas e libros. Ou de como un tipo, un libro e Nepal se xuntan nun certo momento”con intención de facer un relato que ten moito de literario. Segue a falar dos personaxes: el, o libro e o sitio. Introduce despois un limiar para falar das “viaxes previas”, cando era máis xoven: Bélxica, París, Italia, Praga… e pasar a contar como chega a realizar as grandes viaxes: Vietnam, Alxeria, Groenlandia, Etiopía, Siria, Islandia e esta viaxe ao Himalaia nepalés. No apartado que titula “O libro e o Himalaia” sitúanos no oeste de Nepal coa axuda de mapas e de imaxes do lugar e dos nepalíes: as súas casas, costumes, vestimentas, a súa amabilidade; os seus mosteiros budistas, chamados lamaserías, cun concepto da oración e dos ritos relixiosos moi diferente ao cristiá; o atractivo balbordo das súas cidades e da populosa capital, Katmandú; ata ascender pola paisaxe da gran montaña por excelencia: inmensa nas súas alturas de oitomiles, esta terra que racha o ceo: o HIMALAIA. Acaba o seu itinerario cunha humorística mención especial á súa cazadora negra, compañeira de mil andanzas, que despois de moito tempo estragou sen remedio.

Fotografía de David Rodríguez Amil


Fotografía de David Rodríguez Amil
Foi interesante a súa capacidade para transportarnos a un lugar tan afastado -tanto en distancia como en altitude- e para espertar a curiosidade de facermos preguntas sobre tantos aspectos que chaman a nosa atención ante tamaña aventura, na que estiveron sometidos á presión de 5300 m. de altitude, onde o organismo se rebela e ten síntomas do máis molesto e alarmante, pero a pesar dos riscos que entraña unha viaxe destas características, el recoméndanola encarecidamente, así como algo tan especial como esas longas horas en campamentos a baixas temperaturas cando baixa o sol, que entreteñen coa charla, a lectura ou a escrita durante horas.

 El levaba como compañeiros de viaxe o libro no que viviu paralelamente o coñecemento e a espiritualidade deste lugar tan especial, titulado “El tercer ojo,” e o seu inseparable caderno a modo de “diario de viaxe” onde apuntar mil e unha impresións, emocións, acontecementos, palabras na nova lingua, costumes…, desta parte oeste da gran cadea montañosa asiática, que atacaron pola parte nepalí do Ganesh Himal, esta parte da montaña adicada ao deus Ganesh, ese tan curioso que ten cabeza de elefante…

Fotografía de David Rodríguez Amil


Vaia aquí o enlace á entrada de biblosvivos incluída na serie que titulamos “A viaxe dun libro: Viaxe a Nepal contada por David Rodríguez Amil.

Que mellor que aproveitar este contexto para anunciarvos que o curso que vén o lema ou idea ao redor da cal xirarán moitas das actividades e lecturas que fagamos na Biblioteca Calixtina e no Club será:

Viaxes reais, viaxes imaxinadas

Suxestivo, non si?

Desexamos así a tod@s  un bo verán de xiros e danzas ao redor da música, as letras, as charlas desenfadadas, as xentes e os lugares, o descanso estival e, como non, as xustas doses de

preguiza…


: )