Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

25 feb 2011

Mesa redonda sobre "Psicose"

O vindeiro luns día 28 de febreiro reuniremonos a mediodía no club de lectura para facer os mil e un comentarios que quedaron pendentes despois de ver o filme "Psicose" de Alfred Hitchcock...

23 feb 2011

Alfred Hitchcock e Psicose.


No cumio da súa carreira americana, Alfred Hitchcok (era británico) rodou un filme de baixo presuposto, en branco e negro e con actores de menor impacto en taquilla do habitual. Pero Psicose, grazas en gran parte ao brutal asasinato baixo a ducha, unha escena xa antolóxica, copiada ou homenaxeada ata a saciedade, converteuse nun dos grandes éxitos do cineasta e nun clásico do cinema de terror, cuxa influenza aínda chega ata hoxe neste xénero.
     O que fai inmortal a Psicose é que conecta directamente cos nosos medos. O director atrévese a cargarse á protagonista a metade do filme e lle sae unha obra mestra do entretemento e do horror da que Perkins nunca puido fuxir. Tensión, terror e intriga nun filme que hai que ver.

Neste filme, como na maioría dos filmes de terror, a 
ambientación e a escenografía xogan un papel fundamental. Está a casa prohibida, típica dun conto terrorífico, co seu aspecto lóbrego  e inquietante, cun certo toque “gótico”. Hai un xogo de elementos verticais e horizontais, sendo os primeiros os que se relacionan co máis inquietante, como as puñaladas da ducha que se desnvolven de arriba cara abaixo, o aspecto de Norman Bates, delgado e alto, obxectos punzantes que aparecen. Esa tormenta que racha a noite escura e que envolve á protagonista fuxitiva, temerosa, dubidosa, que acaba entrando, a través da noite e da choiva,  nunha especie de túnel hacia o descoñecido, ata dar co  motel que semella estar en ningunha parte. Outro recurso é o xogo de sombras, ventás e espellos, como imaxe da conciencia de un mesmo, e como elemento perturbador e terrorífico que fai que o espectador confunda espazo real e espazo imaxinario cun gran desasosego.  O leit-motiv do filme (tema ou idea básica que se repite e sobre a que se desenvolve unha historia, unha música, etc) é a fragmentación, que vemos nos personaxes, nos obxectos, nos lugares, nos planos. Sempre hai dúas partes que loitan, que aparecen como contrarias, por exemplo a imaxe feminina loira, vestida de tons claros, fronte a un personaxe masculino - o seu antagonista - moreno e vestido de tons escuros. Sabemos que tradicionalmente o escuro está relacionado co oculto, co descoñecido, co misterioso, fronte a claridade, a luz e o positivo. Pero Hitchcok tamén se atreve a identificar ao espectador co xogo da dobre personalidade que presentan os personaxes do filme. A cámara é a extensión do ollo do espectador, que ofrece unha visión parcial e ilusoria, convertíndonos en miróns e vendo a película como se estivésemos comentendo un acto prohibido e por iso sentimos o medo ao castigo. No úñtimo plano a mirada de Norman é lanzada sobre nós dende a súa enaxenación, dende o abismo interior. O directo aínda forza máis esta sensación cando é capaz de superpoñer nun instante sobre o rostro de Norman Bates a caveira da súa nai morta e momificada.

A Ducha  máis famosa e aterradora do cinema.


Dentro do Motel está a ducha na que vai acontecer a secuencia máis aterradora de todas. A impresión de brutalidade e deseperación non ven dada pola cor, os detalles ou o sangue, senón polo grito e pola mirada vacía de Marion, que mira fixamente ao seu asasino e finalmente por ese ollo aberto e morto en primeirísimo plano. Ë rompedor que o director inclúa a morte da protagonista no primeiro acto, é un elemento de desconcerto que provoca un profundo pavor en nós.  A escena da ducha  está resaltada pola textura fílmica, polos movementos de cámara rápidos, cortantes e sobre todo pola música de Bernard Herrmann, onde os violíns soan a cuchillazos e viceversa, acompañados só polo son da auga, dura apenas un minuto e foi rodada dende setenta emprazamentos de cámara diferentes e durante sete días. A fragmentación é total, componse de 50 planos. O espectador non ve a escandalosa  cor vermella do sangue, pero o horror do crime é manifesto. A extraña natureza da música é desconcertante é provoca o medo en nós. Así resulta todo máis impactante, maís violento, maís subxectivo, maís incontrolado todo na secuencia.
Queda por destacar a voz da nai, que escoitamos sempre sen ver a fonte de onde procede, non temos coñecemento físico dela ata o final, cando descubrimos que realmente a voz era a do fillo.  Por último decir que un dos planos máis aterradores é o zoom obsesivo hacia as mans de bronce no tocador da nai. Case ao final do filme, este plano xunto co da múltiple fragmentación do espello de pé, consegue sobrecollernos e transmitirnos a idea de que a percepción baseada no que se ve, nas aparencias é inadecuada, errónea, e nos leva a preguntarnos acerca da visión interior auténtica. Foi o primeiro thiller psicoanalítico.

16 feb 2011

"Psicosis", o luns no club de lectura

O vindeiro luns 21 proxectaremos, a partires das 14:30 h, a película "Psicosis", unha das máis famosas películas de terror e suspense de todos os tempos. Na seguinte sesión do club aproveitaremos para comentar a película e seguir falando da linguaxe cinematográfica.
Esperamos que sexa valorada como se merece e que vos entusiasmedes, emocionedes e divirtades co mago do Alfred Hitchcock.

  

14 feb 2011

Agradecemento

Desde que nos mergullamos hai unhas semanas no mundo dos libros ilustrados e, en concreto, no universo de Jimmy Liao, as compoñentes do equipo de biblioteca quedamos absolutamente rendidas á beleza das imaxes e á máxica tenrura que despertan as súas historias.

Tanto foi así, que nun ataque de osadía decidimos poñernos en contacto con el a través da súa editorial en España, Barbara Fiore. Esa mesma tarde rexistrabamos no blog unha visita desde Taipei (Taiwan), cidade natal do escritor/ilustrador. Coincidencia?... Pode ser.
Ao día seguinte tiñamos un mail confirmando que podiamos usar as súas ilustracións sen problema.

Hoxe, Día dos Namorados, estrenamos cabeceiras nos blogues da biblioteca e do Club de lectura. Agora o dificil vai ser que o contido non deshonre o nivel das ilustracións.

A ilustración desta cabeceira viña acompañada do seguinte texto:

"... es igual que en una biblioteca, no se puede molestar a los demás porque sí. Tampoco puedes fisgonear lo que hacen ni qué libros están leyendo sólo tienes que hacer lo que te apetece a ti, tranquila y alegremente".
"Esconderse en un rincón del mundo".
Jimmy Liao.

4 feb 2011

Presentación.

O club de lectura "Siareiros da palabra" fala a través dos seus coordinadores para facer a súa presentación nesta nova canle de comunicación, que abre un sen fin de posibilidades informativas, participativas, interactivas, pola nosa parte e por parte de calquera membro do club, tanto dos actuais- por suposto- como dos compañeiros e compañeiras que por aquí pasaron co seu pulo de lectores entusiastas; sen deixar de estar sempre abertos a todas aquelas persoas que teñan a ben compartir connosco as súas ideas, gustos, inquedanzas, suxestións, dúbidas existenciais - ou de calquera tipo- críticas constructivas e conclusións; en fin, todo aquelo que teña cabida neste espazo virtual que ten a función de ampliar o tempo e o espazo para establecer múltiples conexións, que doutro xeito non terían lugar; pois a nosa realidade só nos permite manter reunións os luns a mediodía no IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, unha ou dúas veces ao mes, e sempre nos quedamos curtos nas realizacións e largos nas intencións, despois da nosa andaina ao longo dos tres últimos cursos.
A partir de agora temos a posibilidade de intercambiar impresións ou recomendacións sobre libros, filmes, música... todo o que nos mova ou conmova ao redor de historias reais ou imaxinarias, sexan contadas a través da narrativa, da poesía, do teatro, do cinema, da canción... ou de novos medios coñecidos ou por coñecer.

Damos así a BENVIDA a todos aqueles seres inquedos!
Xoán e Paula

Recordarvos que aínda que o blog se estrene hoxe, o club xa leva tempo funcionando e as súas actividades se publicaban no blog da biblioteca, para velas preme aquí.